Millonario, carismático, presidente do popular club de fútbol Boca Juniors e agora alcalde electo de Bos Aires. Mauricio Macri tenta construír un novo perfil no escenario político arxentino, ata agora dominado pola figura do presidente Néstor Kirchner, a relativa estabilidade gobernamental e a rápida recuperación económica.
Cun 61% da votación, o contundente triunfo de Macri sobre o candidato de Kirchner e actual ministro de Educación Daniel Filmus, confirma unha alternativa política que semella ser máis viable para as eleccións presidenciais de 2011 que para as do próximo 28 de outubro. Pero o momento semella comprometido para Kirchner: tanto como en Bos Aires, o oficialismo peronista perdeu sendas eleccións nas provinciais de Neuquén e Terra do Fogo, a man de partidos opositores de centroesquerda.
Esta variante no mapa político arxentino derruba a presunta imaxe de invencibilidade electoral en torno a Kirchner. Diversos sectores tentan situar a Macri como o futuro candidato opositor á "fórmula Kirchner", personificada no presidente e a súa Primeira Dama e posible candidata presidencial, Cristina Fernández de Kirchner. Incluso, a vitoria de Macri foi celebrada en Washington por medios informativos estadounidenses.
É case seguro que Macri rexeitará medirse na elección presidencial prevista para o próximo outono. O seu triunfo é apenas un punto de partida a longo prazo, así como o goberno en Bos Aires non é exactamente representativo para medir o pulso político a nivel nacional. A través dunha eficiente xestión administrativa na capital, Macri probablemente tentará construír unha plataforma política que lle permita transitar cara unha posible candidatura presidencial para as eleccións de 2011.
Paralelamente, a oposición a Kirchner amosa unha imaxe de división que dista dos esforzos por atopar unha candidatura unitaria. Catro candidatos de diversos partidos, Ricardo López Murphy (aliado a Macri), Roberto Lavagna, Elisa Carrió e ata o ex presidente Carlos Menem, dispersarán o voto opositor, dificultando as súas opcións a escasos catro meses das eleccións.
Se ben resulta evidente a perda de popularidade por parte dos Kirchner, cando hai poucos meses diversas enquisas lle outorgaban preto do 70% da aceptación pública e a súa reelección ou continuidade no poder semellaba garantida, a potencialidade presidencial segue a ser notoria, principalmente na provincia, cunha considerable marxe de aceptación para afrontar un novo período presidencial.
O problema para Kirchner son os diversos escándalos de corrupción (casos ENARGAS e Skanska), os constantes racionamentos de gas e electricidade na capital e nas provincias en medio da etapa invernal, os conflitos entre o presidente e os medios de comunicación, un certo talante autoritario presidencial na resolución dalgúns conflitos provinciais, como fora o caso das protestas civís en Santa Cruz, que empañan a súa xestión e complican parte das súas opcións de gañar as próximas presidenciais nunha primeira volta electoral.
Con este panorama e o avance dunha nova opción opositora na figura de Macri, os cálculos inmediatos do peronismo pasarán por decidir, oficialmente, qué candidatura irá para as eleccións presidenciais: se o propio Kirchner ou a súa esposa Cristina Fernández. En Bos Aires se comenta que os Kirchner preparan unha estratexia electoral a longo prazo, que lles permita manterse no poder ata o 2019, aproximadamente.
Cualificada de "centrodereita", a proposta electoral de Macri basease no "sentido común" e na "eficiencia" na solución dos problemas máis urxentes da cidadanía, tales como a inseguridade e a xestión pública sanitaria e educativa. Cun discurso "desideoloxizado", Macri tentará asentar un novo estilo político para confrontarse no futuro coa maquinaria política dos Kirchner e a súa consecuente variante de clientelismo político.
O prognóstico se dirixe a intuír a reelección dos Kirchner ata o 2011, ano no que, probablemente, coñezamos se Macri é unha alternativa real para a presidencia arxentina. Polo momento, xa gañou a alcaldía de Bos Aires, tanto como o Boca Juniors proclamouse campión de clubs na copa Liberadores de América.