O Federalismo en Bosnia segundo a proposta da ESI

Apartados xeográficos ARQUIVO Balcáns
Idiomas Galego

A recente proposta da Iniciativa para a Estabilidade Europea (ESI), presentada o 8 de xaneiro do 2004, provocou unha certa sorpresa no panorama político de Bosnia&Hercegovina e xerou unha atmosfera de opinións contradictorias que non fan senón indicar que a estructura de goberno de BiH demanda unha efectiva solución.

A proposta consiste en que BiH estaría organizada administrativamente en 12 cantóns: os 10 cantóns que forman parte da Federación bosníaca e croata (Una-Sana, Posavina, Tuzla, Zenica-Doboj, Bosnia-Podrinje, Central Bosnia, Herzegovina-Neretva, West Hercegovina, Saraievo, Canton 10), máis a Republika Srpska, cunha poboación maioritariamente serbia, e o distrito de Brcko. Así, a estructura de goberno estaría baseada nun Goberno central, os 12 cantóns e as súas municipalidades.

O resultado disto sería que o territorio da Republika Srpska constituiría un gran cantón equitativo en canto á autonomía, dereitos e responsabilidades cos outros 11 cantóns propostos. O feito de que existan dúas entidades e, polo tanto, dous niveis burocráticos, constituíu sempre un problema á hora de facer funcionar as estructuras gobernamentais operativas en BiH.

Anteriormente, xa algún partido político, coma o Partido para BiH (SBiH), empregara na campaña política do 2000 o slogan "unha BiH sen entidades". Aínda que tamén existen demandas para a creación dunha terceira entidade, como quere a Unión Demócrata-Nacionalista Croata (HDZ); o resultado con esta proposta serían tres entidades que emerxerían coma unidades administrativas mono-étnicas.

O punto de partida sería a creación de dez rexións autónomas"dez cantóns da Federación, a Republika Srpska e o distrito de Brcko, cada unha coa súa propia bandeira e Constitución, Parlamento e responsabilidades. Segundo a ESI a idea xurdiu dos acordos de paz de Washington en 1994 e Dayton en 1995, ademais da arbitraxe internacional de Brcko en 1999. As "entidades" que foron invención do Acordo de Dayton desaparecerían coma categoría constitucional, dando lugar a doce unidades federais equitativas.

A proposta da ESI baséase na comparación entre tres rexións: o distrito de Brcko, a Republika Sprska e o cantón de Tuzla. O distrito de Brcko ten 71.000 habitantes e posúe unha grande autonomía en canto á lexislación interna, cuestións relacionadas coa educación, saúde. Mais Brcko ten un status anómalo nun sistema de dúas entidades, o que se podería resolver considerándoo unha das unidades federativas. A Republika Srpska ten 1,1 millón de habitantes e a mesma autonomía que Brcko. O cantón de Tuzla ten a metade da poboación da Republika Srpska, pero manexa as decisións concernentes a educación, saúde, atención sanitaria e economía. A pesares de que constitucionalmente posúen un estatus diverso "distrito, entidade, cantón- na práctica xogan o mesmo rol.

O meirande problema é que a Federación, dende o inicio, non xogou un papel de coordinación entre os 10 cantóns e, de feito, ten tomado decisións sen contar cos ministerios de cada cantón; semella polo tanto, unha institución aparte coa que só as organizacións internacionais colaboran. O presuposto da Federación destínase sobre todo a financiar á Armada e para as pensións dos veteranos e inválidos de guerra. Ademais, o presuposto da Federación ten aumentado sen que o diñeiro se distribúa entre os cantóns.

Para a ESI, preservar a Federación significa sacrificar os cantóns. A idea da ESI é que unha estructura federal en BiH sería máis simple cá existente e axudaría a eliminar as desigualdades en áreas coma Tuzla, Zenica ou Republika Srpska, as cales poderían traballar en conxunto, seguindo o modelo suízo, por exemplo. En realidade, existe unha grande desigualdade económica e de presuposto entre as 12 unidades federais. O informe remata coa idea de que a virtude dun estado federado é a capacidade de acomodar a diversidade.

A proposta da ESI non é tan radical coma algúns poden pensar. A idea de organizar BiH de acordo cos cantóns rexionais ten ademais a súa lóxica histórica: en 1947, 13 lugares tiñan o estatus de cidades capitais en BiH, número que se aproxima á estructura de 12 cantóns propostos por ESI, coas súas respectivas capitais que acollerían os órganos administrativos do modelo federativo.

O argumento de ESI para defender a proposta apoiase no feito dunha sinxela implementación do proxecto, eliminándose así os custos producidos polo inefectivo nivel do Goberno da Federación. Ademais, a distribución dos medios económicos sería máis simple.

Sen embargo, algunhas cuestións demandan solución na proposta da ESI, coma o tratamento das Forzas Armadas da Federación. Probablemente, sería difícil de aceptar a existencia dun aparato militar para o Cantón da Republika Srpska ó mesmo nivel que as forzas de seguridade dos outros 11 cantóns restantes.

Outro posible obstáculo para o proxecto é que a posibilidade de converter á Republika Srpska nun súper cantón, mentres que a Federación é dividida en varios cantóns, pode producir inseguridade na poboación non serbia do país. Ademais, é posible que nin sequera os políticos da Republika Srpska estean dispostos a aceptar un estatus equiparable ó dos outros 11 cantóns.

A publicación do informe da ESI, cualificado de radical por moitos, non ten tido demasiada repercusión nos medios de comunicación polo de agora, aínda que, de seguro, os partidos políticos faranse eco desta noticia e expresarán diversas opinións de cara ás eleccións municipais de outono de 2004.