Ás tres da tarde do 29 de xaneiro, na hora e día anunciado para a reunión-diálogo da Asemblea Mundial dos Movementos Sociais co Presidente Hugo R. Chávez Frías, a sala Ríos Reyna do impoñente Teatro Teresa Carreño, na que estaba programada, ficaba deserta.
A actividade fora suspendida, diante da sorpresa e decepción de moitos delegados. Durante toda a mañá do último día do foro, as mesas da organización encargadas de dar información tiñan que respostar repetidamente a unha mesma pregunta: ¿Vaise celebrar o encontro co Presidente Chávez? A resposta nas distintas mesas informativas compostas de voluntarios anónimos, tamén era a mesma. "O presidente non pode vir porque está en directo na televisión no seu programa dominical Aló Presidente". Case ninguén acreditaba na resposta. ¡Aló presidente! non é que sexa precisamente un imprevisto que obrigue a cancelar un acto, xa que aparece relixiosamente cada sete días nas pantallas do público Canal 8.
Aos delegados e participantes só lles quedaba a opción de dirixirse ao Poliedro con capacidade para 15.000 persoas, nos arrabaldes da capital, onde a sinfonía da misa crioula clausuraba O Foro Social Mundial de Caracas.
O acto de despedida foi emocionante, pero nas paredes do poliedro aínda resoaban, con forza, os prolongados ecos da intervención do Presidente Venezuelano, dous días antes no mesmo escenario, pedíndolle ao FSM a radicalización do seu rumbo no espírito do "Socialismo ou morte". Palabras que marcaron o bing bang do VI Foro Social Mundial de Caracas.
Outro mundo, xa!
Antes da intervención do presidente venezuelano na noite do venres 27 aconteceu un feito insólito na curta vida do FSM. Cando a organización Vía Campesiña interpretou unha danza alegórica contra o imperialismo e o ALCA, todos os presentes, moitos deles coa pel de galiña, postos en de pé, acabaron vibrando ao entoar as estrofas da Internacional.
Quizais o himno da Internacional tivese no poliedro o maior sentido histórico dende hai varias décadas pero algúns dos preceptos da Carta de Principios, aprobados polo Consello Internacional, asinados por 129 organizacións, no primeiro FSM, comezaban a agretarse.
Esa noite, da boca do Presidente Chávez, nun discurso de dúas horas, máis breve do habitual, saíron palabras que suscitaron o aplauso da maioría, mais tamén profundos desacordos: "O Foro ou se converte nun ariete do político eficaz para derrotar ao imperialismo, ou non ten razón de ser. Ou loita polo socialismo, ou non deixa de ser un festival turístico…Un Foro que discuta e que debata, mais onde non haxa conclusións, por exemplo, a min non me parece útil… non estamos para perder tempo, insisto niso porque se trata de salvar a vida no planeta, de salvar a especie humana cambiando o rumbo da historia, cambiando o mundo…dende aquí erguemos de novo a bandeira do socialismo para transitar os novos camiños do século XXI…Coido que se non cambiamos o rumbo, non iremos máis alá do século XXI, o capitalismo está acabando con a vida do planeta".
(Fotos: Simboloxías diversas no FSM. ©Lino Pellitero). | |
Convidou ao Foro Social Mundial a crear un movemento de loita antiimperialista "É necesario elaborar un plan de loita aquí, en Asia e en África…, evitar que o Foro se converta nun encontro folclórico, turístico, de todos os anos".
A forte personalidade de Chávez, urxindo a radicalizar o rumbo do FSM, estaba a interferir nun longo e profundo debate que os pais do FSM teñen dende hai dous anos, cando se celebrara en Mumbai (India) o FSM IV. O presidente Venezolano, incitaba co seu discurso vehemente a transitar inmediatamente do clásico: "outro mundo é posíbel" ata "¡outro mundo xa!".
Carta de Principios
A preocupación reflectíase nas caras de moitos membros do Consello Internacional, responsábeis de velar pola vixencia dunha Carta de Principios asinada polas 129 organizacións que o conforman, aprobada no 2001:
⢠O FSM reúne e artella só a entidades e movementos civís do mundo… non pretende ser unha representación da sociedade civil mundial.
⢠O FSM non ten caracter deliberativo… ninguén está autorizado a difundir posicións que pretendan ser representativas de todos os seus participantes. Os participantes non deben ser chamados a tomar decisións por votos ou por aclamación…
⢠O FSM non constitúe unha instancia de poder que sexa susceptíbel de ser disputada polos participantes, nin pretende constituírse nunha alternativa de articulación das entidades que participan nel.
⢠No FSM non deben participar organizacións partidarias nin militares.
⢠O FSM é un espazo plural, diverso, non confesional, non gobernamental, non partidario…poderán ser convidados gobernantes que asuman os Principios desta Carta de Principios.
Para Aram Aharoniam, director de Telesur, proxecto de articulación mediática continental alternativo á CNN en español, a intervención do convidado Chávez puxo sobre a mesa que existen dúas posicións enfrontadas en temas clave como a natureza e obxectivos dun tipo de encontro de carácter alternativo:
A primeira plantexa que dentro do Foro saian conclusións con vías de acción definidas. A outra, a máis tradicional, que quere que se manteña como un lugar de reunión de articulación, de presentación de novas ideas.
Estas posicións que expresan a bipolaridade Munbai-Porto Alegre estanse a dar dende hai dous foros. No poliedro, unha delas recibiu o respaldo do presidente Chávez, repaldo que xa tiñan expresado xentes como o galego Ignacio Ramonet, o británico Richard Gott, o presidente da Asemblea Popular Cubana Ricardo Alarcón, ou o ministro de cultura cubano Abel Prieto. Todos eles estaban nun palco con Chávez, no que tamén estaban a filla do Che, Aleida Guevara, o exipcio Samir Amin, a indíxena ecuatoriana Blanca Chancoso, a activista estadounidense contra da guerra Cindy Sheehan, a estadounidense-arxentina Beverly Keene de Xubileo Sur, o teólogo brasileiro Marcelo Barros e o francés Bernard Cassen.
FSM con Carimbo bolivariano
Irremisiblemente, o VI Foro de Caracas tiña que estar marcado polo carimbo da revolución bolivariana, por máis que tentasen impedilo ideólogos deste exitoso fenómeno de masas. Venezuela é hoxe un dos experimentos sociais e políticos máis complexos e apaixonantes do mundo. Para moitos dos asistentes ao FSM, o interese no só estaba no seguimento dos interesantes relatorios nas sas de conferencias, pois viñan para asistir en primeiro plano á revolución que admiraban.
Cando se celebra o primeiro Foro Social Mundial en Porto Alegre (Brasil), cidade gobernada polo PT, este reduto xeográfico era unha illa na que se experimentaban novas ideas, un laboratorio de novas formas de xestión pública participada, unha burbulla de osíxeno nun continente que estaba repleto de gobernos de tendencia neoliberal, hermo de políticas de esquerda. Nin Lula, nin Tabaré, nin Kirchner, nin Evo Morales… eran presidentes. Daquela, só Chávez comezaba un proxecto de cambio que tivo que resistir golpes de estado, paros patronais, acoso mediático, desestabilizacións internacionais promovidas polos EEUU, etc.
(Foto: Seminario "Economía Liberal vs Economía Social"). | |
(Foto: Seminario "O futuro do FSM, relacións de poder e estratexias de transformación". ©Lino Pellitero). | |
O FSM 2006 permitía ver en carne e oso ao líder que representa o enfrontamento máis directo co poderoso veciño do norte. Palpar, sentir, comprobar… os grandes procesos de transformación social que Venezuela está a promover nas denominadas misións, ás que o goberno venezuelano destina gran parte do gasto público, que teñen unha grande aceptación social. Velaquí algúns exemplos. "Misión Barrio Adentro" para facilitar o acceso á saúde nos "ranchitos", na que colaboran preto de 20.000 médicos cubanos. "Misión Mercal" para distribución de alimentos básicos a prezos subvencionados. "Misión Hábitat", que ten como meta a construción de vivendas e comezar a erguer urbanismos integrais, que dispoñan de todos los servizos: dende auga, luz, viais, ata educación ou saúde. "Misión Robinson", para erradicar o analfabetismo. "Misión Robinson II", para rematar os estudios de primaria."Misión Ribas", para formar novos bachareis."Misión Sucre", para facilitar o acceso universitario."Misión Vuelvan Caras", para loitar contra do paro, impulsando o cooperativismo."Misión Piar", para o desenvolvemento das zonas mineiras. "Misión Cultura", para catalogar o patrimonio cultural esparexido pola xeografía venezolana e para artellar unha camada de xestores e promotores culturais por cada recuncho do país."Misión Guaicaipuro", para restituír os dereitos dos pobos e comunidades indíxenas do país. "Misión identidade", para rexistrar e dar carnets que dean dereito a participar electoralmente ou a acceder a outros servizos públicos.
Próxima estación… Karachi
O FSM de Caracas que se celebrou do 24 ao 29 de xaneiro foi continuidade do que se celebrou en Bamako (Malí) do 19 ao 13 de xaneiro, e limiar do que se vai celebrar en Karachi (Pakistán) entre o 24 e o 29 de marzo, aprazado polo terremoto que en outubro de 2005 causou a morte de 87.000 persoas e deixou sen fogar a máis de 3,5 millóns de persoas. Ao Foro de Karachi, cunha asistencia prevista de 25.000 persoas, teñen confirmada a presenza personalidades como o escritor e cineaste paquistaní Tariq Alí e o Dalai Lama, líder espiritual do Tíbet no exilio.
Karachi terá axenda propia autoxestionada, na que van ter destacada presenza temas de forte impacto local como desastres naturais, o papel dos estados, a débeda, as forzas globais, o afortalamento dos movementos sociais populares e sindicais fortemente reprimidos na década do 70 polo réxime de Zulfaquir Alí Bhutto, a inxustiza e desigualdade no accesos aos recursos da auga, o sistema de contratos pesqueiros etc.
É normal que os organizadores impriman selo propio. Os de Caracas fixeron un esforzo especial en atraer delegados de Colombia ou EEUU, por razóns políticas. Puxeron toda a carne no asador en mostrar ao mundo los logros da revolución bolivariana, a través de simpatizantes cualificados.
A decisión de facer en 2006 un FSM policéntrico e descentralizado representa unha nova oportunidade para familiarizase con problemáticas locais de incidencia mundial. Unha nova ocasión para darlle contido ao último paragrafo da Carta de Principios, na que se incita a promover procesos que estimulen as entidades e movementos participantes a que coloquen as súas accións locais e nacionais en instancias internacionais, como cuestións de cidadanía planetaria, introducindo na axenda global políticas transformadoras que contribúan á construción dun mundo novo e solidario.
Sen dúbida o debate entre se ficar fieis ao núcleo orixinal ou promover a transformación expansiva, continuará en Karachi.