20040501bruselas festa ampliacion

O frío entusiasmo da razón

 Clic para aumentar
Os que teñen medo a perderen espazos de soberanía ven a Constitución con desconfianza, tambén desconfían os que están loitando por ter un Estado. Os nacionalistas de Estado e os nacionalistas sen Estado vense pouco reflectidos (sobre todo os segundos) no longo texto, que poucos van ler e sobre o que deberemos dicir un sinxelo si ou non, no vindeiro febreiro. (Foto: Festa de ampliación da Unión Europea, Bruselas 01/05/2004).
 

Analizar a Constitución Europea esixe un esforzo mental importante. Hai que se liberar de moldes antigos de pensamento, principalmente dos esquemas de análise vencellados ao Estado nazón, que condicionan o xeito de valorarmos os feitos sociais. O vello Estado nazón enmarca as nosas perspectivas dentro das súas fronteiras, cada día máis artificiais, pero que os políticos manipulan decote para que creamos que existe un espazo onde ainda é posíbel tomar decisións autónomas en calquer asunto e que non hai nada mais importante que defender "o supremo interese nacional".

Valorar nos seus xustos termos a Constitución esixe liberarse do día a día da política miúda que nos asulaga, esforzarse en comprender que, por baixo dela, móvese unha realidade nova, a conciencia da Gaia de Lovelock, a conciencia de compartirmos un planeta que é un organismo vivo que depende de cada un de nós.

Se non facemos ese esforzo, a Constitución ten pouco interese, aparece como algo afastado, froito de equilibrios complexos, tecidos por escuros burócratas e políticos xubilados. O poderoso Estado nazón está presente por todos lados. No primeiro artigo dise xa "…créase a Unión Europea á que os Estados membros atribúen competencias…". Son os Estados os que dotan de poder ao novo ente político, non os cidadáns, nen sequera os povos de Europa.

Os que teñen medo a perderen espazos de soberanía ven a Constitución con desconfianza, tambén desconfían os que están loitando por ter un Estado. Os nacionalistas de Estado e os nacionalistas sen Estado vense pouco reflectidos (sobre todo os segundos) no longo texto, que poucos van ler e sobre o que deberemos dicir un sinxelo si ou non, no vindeiro febreiro.

Pero este é o xeito de construirmos Europa, ten sido así dende as primeiras pegadas. As etapas son longas, froito de consensos complicados que non espertan paixóns. Pero o camiño percorrido é impresionante. Os europeos temos superado longos séculos de escuras e sanguinolentas loitas, temos construído un espazo económico, político e xurídico que axuda a superar as limitacións do esquema universal do Estado nazón, que amosa moitas limitacións para resolver os problemas dun mundo máis integrado.

A Constitución Europea non enche os desexos dos "federalistas", os que desexan unha maior integración, pero é un paso importante; os "confederais" preferirían que non existise. Non puideron evitar que o texto se presente aos cidadáns do noso vello continente, pero conseguiron meterlle chumbo ás asas e, por exemplo, fican demasiados temas nos que os Estados teñen dereito a veto.

Pero hai melloras importantes, como son as directrices de que a Unión "…contribuirá á paz, a seguridade, o desenvolvemento sostíbel do planeta, a solidariedade e o respecto mutuo entre os povos, o comercio libre e xusto, a erradicación da pobreza e a protección dos dereitos humáns…", a aposta por desenvolver políticas comúns nos eidos internacionais e de defensa, e a incorporación dunha progresista Carta de dereitos humáns, que por primeira vez na historia está garantida por unha organización multinacional con capacidade de impor a preeminencia do seu dereito e dos seus tribunais sobre os dos Estados.

Non é este un espazo para entrar polo miúdo no longo texto constitucional; son conscente da importancia do paso que estamos a dar, como tamén das dificultades para seguir avanzando, polo que teño que facer unha valoración positiva. O mundo necesita unha nova referencia de artellamento político, máis axeitada a un planeta que cada día é máis pequeno e interdependente. A Unión Europea baséase no consenso, na democracia, na preeminencia do dereito, na defensa dos dereitos humáns. É un exemplo que pode espallarse.

Fronte a esta tímida, delicada e, moitas veces, difusa alternativa só temos a lóxica egoísta, decote apoiada no esforzo militar, que presentan os Estados nazón. O gran representante actual desta perspectiva é EEUU, dirixido nestes tempos por unha Administración particularmente unilateralista. Pero é unha lóxica atractiva para calquer Estado de gran dimensión que poda emerxer como potencia económica. O caso de China, que xa ten capacidade nuclear, podría chegar a ser máis preocupante, polo seu fondo nacionalismo e o seu desprezo á democracia e aos dereitos humáns.

A Constitución Europea suscitame o frío entusiasmo da razón. Hai moitos, dentro e fora de Europa, aos que lles gostaría que non se aprobase, algo que pode ocorrer. Pero leva dentro o débil soño de que existe unha maneira nova de traballarmos xuntos por riba dos patrioterismos que tanta falsa seguridade reparten. É un camiño sen precedentes, que vai ter voltas e reviravoltas, pero que paga a pena percorrer.