O gas ruso conxelado en Bulgaria

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

O GERB, un partido de centro-dereita búlgaro, fundado baixo o liderado de Boiko Borissov, o actual alcalde de Sofia, gañou as eleccións parlamentarias do 5 de xullo, e Borissov será o novo primeiro ministro dun goberno en formación nos vindeiros días co apoio doutros partidos de dereita.

Por outra banda, Bulgaria, que está no epicentro de moitos dos proxectos de gasodutos con procedencia caucásica, afirmou apoiar un proxecto denominado “Nabucco” que conta co apoio financeiro da UE, para abastecer Europa con gas caucásico, deixando de lado a súa participación nun proxecto de Gazprom, o que pode irritar a Rusia, que se chama South Stream e que é rival do proxecto Nabucco.

Bulgaria é unha peza clave no proxecto gasístico South Stream, que planea percorrer toda a costa do Mar Negro polo norte dende o Cáucaso ata a cidade de Varna. O proxecto South Steam é unha iniciativa de Gazprom e da empresa italiana ENI. Mentres que o proxecto Nabucco é anterior, do 2002, e está participado por empresas de Austria, Hungría, Romania, Bulgaria, Turquía e Alemaña. Amais diso, transportaría o gas polo sur do Mar Negro abastecendo todos os países participantes.

Recentemente, Rusia asinou un acordo con Italia, Bulgaria, Grecia, Serbia e Eslovenia, para comezar a construír o gasoduto de South Stream, anunciando que tería máis do dobre de capacidade, é dicir dende 31 billóns de metros cúbicos a 63 billóns. Ata entón, os dous proxectos, Nabucco e South Stream, eran considerados similares, pero o incremento de capacidade faría o South Stream máis interesante. Unha galla do planeado conduto South Stream percorría  Serbia e Hungría, ata Austria, finalizando na planta de almacenamento de Baumgarten. En xaneiro, a compañía austríaca de enerxía OMV e Gazprom, chegaron a un acordo para converter Baumgarten nun centro de comercialización mixto ao 50%, e non parecía haber problemas alí por onde South Stream pasaba. Todo ía sobre rodas.

Non obstante, os rusos están a ser sorprendidos polo cambio de postura con respecto a South Stream despois da chegada do novo presidente búlgaro que solicitou conxelar todos os asuntos enerxéticos ata a súa toma de posesión. Xa se sabía que Borissov non era moi prorruso. Pero este obstáculo pode dificultar e retardar a chegada do gas de Gazprom.

Nunha carta ao actual ministro de enerxía, Petar Dimitrov, publicada na páxina web do GERB, Borissov solicita ao actual goberno paralizar temporalmente as negociacións que implican ao país no proxecto South Stream amais da construcción dunha nova planta nuclear na localidade de Belene.

A decisión non sorprende, tendo en conta as posicións pro-atlantistas de Borissov que sempre defendeu as posturas  pro-occidentais, compartindo a estratexia europea de seguridade enerxética de reducir a dependencia do gas ruso. Bosrissov mesmo foi acusado de ser espía da CIA.

Polo tanto, a actitude de Borissov non é nova para Rusia onde o líder búlgaro marca distancias, e de vagar, ralentiza e dificulta o proxecto ruso, probablemente a cambio de renegociar a participación búlgara no proxecto. Se South Stream non vai adiante, Gazprom perdería parte do seu mercado e Rusia perde influencia no caso de que o proxecto Nabucco tome vantaxe.

Neste contexto de augas revoltas, Bulgaria vai saír de pesca, faille unha chiscadela á UE e mellorará as condicións para a participación búlgara nun proxecto que diversifica as entradas enerxéticas de gas no centro e no leste de Europa. Pero, en principio, Rusia non parece moi disposta a negociar. E menos mal que non é inverno…