O global no local

Na cooperación ao desenvolvemento, pese ao crecemento extensivo dos últimos anos por mor da aparición do Fondo Galego, a intensidade do compromiso é epidérmica, mesmo entre as forzas progresistas, algo incomprensible naqueles que postulan non soamente un mundo máis humano, senón o espertar da conciencia crítica entre os seus cidadáns.
 

Inmersos en plena campaña electoral, sorprende a escasísima atención que os partidos e candidatos prestan á acción exterior dos municipios. A pesar de que nin sequera as cidades máis grandes de Galicia contan con servizos de relacións internacionais, non hai propostas serias nese sentido. Poden contar con milleiros de funcionarios en plantilla pero nin un só especializado en relacións exteriores. Unha situación que non é de recibo e que debería mudar se aspiramos a modernizar a nosa xestión pública con prácticas de bo goberno.

As interconexións entre o local e o global son cada vez máis importantes. A presenza do internacional no eido local hai moito que transcendeu a simple aprobación dunha moción plenaria para expresar a solidariedade con determinadas causas. Hoxe, o internacional ten que ver coa emigración, co turismo, coas relacións con Europa e con Portugal, cos irmanamentos, coa cooperación ao desenvolvemento, coa cultura, etc. E hai un desenfoque incrible que distrae estes asuntos en departamentos relacionados coa acción social, economía e facenda ou alcaldía. A propia Fegamp vive de costas a esta realidade, cando hai tempo "e se lle propuxo" debería ter creado a súa propia comisión de relacións exteriores para orientar e apoiar a actividade dos concellos nesta materia.

O municipalismo galego debe participar nos movementos e redes globais de implicación local e definir estratexias coordinadas de presenza internacional en función das súas singularidades e posibilidades. Os irmanamentos, por exemplo, son, na súa inmensa maioría, un desastre e un descrédito ante a propia sociedade, por falta de criterio no seu establecemento e falta de substancia "salvo gastronómica" na súa xestión. Pola contra, as súas posibilidades, en mans adecuadas, son inmensas. Na cooperación ao desenvolvemento, pese ao crecemento extensivo dos últimos anos por mor da aparición do Fondo Galego, a intensidade do compromiso é epidérmica, mesmo entre as forzas progresistas, algo incomprensible naqueles que postulan non soamente un mundo máis humano, senón o espertar da conciencia crítica entre os seus cidadáns. O turismo, a cultura, o apoio a sectores económicos locais, etc, esixen a vertebración singularizada de iniciativas no eido local que requiren unha xestión profesionalizada e a concreción de estratexias activas e sostibles de inserción internacional.

Os concellos galegos, en especial as cidades grandes, deberían incluír nos seus organigramas e políticas a atención ao exterior. Faino xa calquera empresa ou entidade asociativa. Non están fóra do mundo, aínda que a veces así o pareza a xulgar por algúns comportamentos. O local non remata no termo municipal e o enriquecemento da xestión (en termos de acceso a recursos, de capacitación e mesmo de aprehensión de ideas e tendencias) podería resultar claramente apreciable. Para ser efectiva, esa acción exterior debe coordinarse coa acción exterior de Galicia, sumando empeños e colaboracións para evitar competencias tan estériles como inauditas e que o país no seu conxunto tire proveito da concertación pública e privada.

Que tantos esforzos se dediquen agora a captar o voto do electorado emigrante e tan pouca reflexión e medios a definir estratexias de acción exterior no eido local é indicativo dunha grave carencia que nos fai perder oportunidades no mundo global.