Dise que Dióxenes, o filósofo cínico da antiga Grecia, buscaba cun candil a plena luz do día un home honesto. Non pretendemos aquí criticar a honestidade dos políticos, pero algúns europeístas semellan buscar da mesma forma a alguén que tome as rendas dunha Unión Europea, nestas horas baixas.
Europa pasa por tempos difíciles. Cunha crise de liderazgo ás costas, a economía medrando dunha maneira feble e tambaleante, ateigados de nostalxia dos tempos pasados, falta dun proxecto de futuro, e sen saber cara onde camiñar logo de que holandeses e franceses rexeitasen en referendo avanzar un novo paso na construción europea.
Nestes días de medos terroristas e atentados, non se deixa notar tanto a desorientación. Pero pronto esta paréntese deixará paso a novas discusións sobre o devir do continente. En definitiva, a falla de norte crecente é, nas reflexións de moitos, o froito dun exceso de mesianismo visionario por parte dos dirixentes dos nosos países dende finais dos 80 e principio dos 90. Concretamente Helmut Kohl, François Mitterrand e Jacques Delors, soñaron cunha Europa política, que nos levou á adopción do Tratado de Maastricht, que nos dirixiu cara a moeda única, e que por pouco xa tropeza en 1992 co referendo que daquela se celebrou en Francia.
Este protagonismo dos líderes fixo que se deixara á marxe a opinión pública, centrando a prioridade no crecemento económico, como fío condutor da unidade política europea, e esquecendo que xogar limpo nun sistema democrático, significa que as regras "animan" a tódolos actores a participar do proxecto común e dunha identidade colectiva, para salvar o abismo existente entre o líder e o cidadán.
Calquera proceso político na democracia actual, necesita unha identificación por parte da gran maioría da sociedade civil, nunha estratexia encamiñada á homoxeneización e ó compromiso da sociedade cun imaxinario ou uns ideais compartidos. E poida que dándose este caso se chegase a formar unha Europa unida. Este diálogo entre os líderes e os cidadáns, habilita un punto de encontro capaz de afirmar o futuro da democracia, e de forxar a desexada identidade europea, aínda que esta se sitúe nun marco tan inmenso como o da gobernanza europea, cos límites das súas fronteiras cada día un pouco máis lonxe.
A construción europea, nos termos en que se presentou ate o de agora, non ía por bo camiño. E iso hai que pagalo. Non só non se escoitou a opinión pública en moitos casos, senón que se aproveitou da desinformación da masa para moldear o proceso. Ata que un día a cohesión e a uniformidade dos partidos políticos pinchou (no corazón de Europa), perdéndose o primeiro referendo nun dos países fundadores. E deixou caer sobre todos unha chuvia de interrogantes no que se refire ó peso da globalización, o liberalismo europeo, a inmigración, ou a protección da propia cultura.
A Europa que se quería vertebrada e simplificada dende o cumio, minimizando a diversidade interna, fíxose dende o diálogo entre estados iguais, deixando progresar os instrumentos transnacionais naqueles aspectos que lle conviñan (Kyoto, loita contra o terrorismo, inmigración), e diante dos que se vían obrigados dende a impotencia e insignificancia da actuación dun só país.
A fin de contas, é xusto dicir que a través das políticas de estado e dos políticos estatais con actuacións locais é como se solucionan os problemas. E isto, provocado polo feito de que moitas das competencias, como os mercados de traballo ou a política social, seguen en mans de cada país e sen formas de coordinación firmes e concretas.
Ate o de agora, a falla de interese xeral, unido á complexidade que sobrepasa á cidadanía, cada vez máis interesada polo que é cotián e local, fixo que os nosos gobernantes se aseguraran dunha forma simple e seguidista, o voto favorable á propia visión do que debe ser Europa. Pero as reformas e a persuasión dos pobos europeos, así como o compromiso cun continente unido, ten que vir de cada líder e dos políticos estatais nos seus ámbitos naturais. Hoxe por hoxe, non vai ser posible pensar nun compromiso firme nacido dun único líder que glose un discurso no Parlamento europeo.