O éxito da "Operación Jaque" destinada á liberación da ex candidata presidencial colombiana Ingrid Betancourt e doutros 14 reféns, así como o consecuente golpe militar e político propiciado polo goberno de Álvaro Uribe Vélez á guerrilla das FARC, modifican substancialmente o panorama político colombiano e rexional, dentro dun contexto que inclúe tamén a países como Francia, España e Suíza, que conforman o Grupo de Contacto para a pacificación de Colombia.
Neste sentido, con Betancourt ocupando o centro da atención, queda aparcada a figura e a polémica crise desatada pola ex congresista Yidish Medina, sumida temporalmente nun silencioso letargo. Medina é acusada de compra de votos por parte do presidente Uribe para propiciar a reforma constitucional que lle permitira ao mandatario colombiano a reelección en 2006.
Desde hai meses, este escándalo político e lexislativo, coñecido como o "Yidishgate", estaba socavando as aspiracións de Uribe para acometer un terceiro mandato presidencial para 2010. O propio mandatario colombiano presentou o pasado 27 de xuño a proposta de celebrar un referendo popular para que os colombianos decidiran se aceptan a Uribe para un novo mandato presidencial.
Polo tanto, o Yidishgate e a liberación de Betancourt deixan no aire unha decisiva interrogante: ¿foi a proposta de referendo un simple mecanismo utilizado por Uribe para remontar nos índices de popularidade, agora consolidados polo éxito da "Operación Jaque"?
Un ambiente diplomático renovado
A liberación de Ingrid Betancourt convulsiona, dun xeito sen precedentes, o panorama político colombiano, quedando en suspense unha serie de cuestións como a proposta de referendo de Álvaro Uribe, así como o taboleiro xeopolítico rexional. Coa liberación de Betancourt, as FARC recibiron un duro golpe estratéxico, cun impacto se cabe máis importante que a repentina morte do seu líder histórico "Manuel Marulanda", o asasinato do seu tentativo sucesor Raúl Reyes e a captura doutros comandantes guerrilleiros.
Non é un segredo que as actividades das FARC traspasan as fronteiras colombianas. É este un motivo que, engadido ás xa existentes rivalidades entre dous países limítrofes como Colombia e Venezuela, amplía a capacidade de xerar un grave conflito fronteirizo na rexión. A relación enre Bogotá e Caracas volveuse especialmente tensa durante o pasado mes de marzo, unha vez a aviación colombiana asasinara en territorio ecuatoriano ao líder das FARC, Raúl Reyes. Posteriormente, a tensión logrou diminuírse grazas á aperta entre os presidentes Uribe e Hugo Chávez o pasado 11 de xullo, durante o cumio colombo-venezolano celebrado en Paraguaipoa (Venezuela).
O cumio en Paruguaipoa, que deu paso á protocolaria aperta de fraternidade "bolivariana" entre Uribe e Chávez, foi mais produto da necesidade venezolana. Tras varios meses de pulso por parte de Chávez para servir como mediador para a liberación dos reféns en mans das FARC, semella que o principal vencedor foi o presidente colombiano. En menos dun trimestre, Uribe desarticulou a dirección central da guerrilla e mostrou ao mundo unha serie de documentos arquivados no portátil persoal de Raúl Reyes, actualmente nas mans da INTERPOL, onde sae á luz a presunta relación existente entre Chávez e as FARC.
Sen embargo, o feito máis destacable na actividade do presidente colombiano foi a liberación de Betancourt e doutros 14 reféns o pasado 3 de xullo, actuación que pode carrexar un punto de inflexión no triángulo conformado por Colombia, Venezuela e Ecuador. A política emprendida polo presidente Uribe, especialmente enmarcada na súa proposta de Seguridade Democrática, aparentemente comeza a dar os seus froitos paseniño, aínda que non se debe esquecer que o mandatario colombiano recoñeceu publicamente a utilización do logo da Cruz Vermella na "Operación Jaque", o que supón unha grave violación do Dereito Humanitario.
O cumio de Paraguaipoa parece ter sido un éxito. O compromiso de superar os conflitos entre Bogotá e Caracas (con Ecuador na mira) flota no aire, pero tamén as posibilidades de que, unha vez máis, o que é un compromiso quede nunha declaración de intencións que probablemente rematará con disputas verbais en próximos cumios aos que asistan Chávez, Uribe e o presidente ecuatoriano Rafael Correa.
Este novo contexto xeopolítico rexional inflúe tamén no plano interno venezolano, especialmente de cara ás próximas eleccións para alcaldes e gobernadores a celebrarse a finais de novembro, e nas que Chávez non ten todas as de gañar. Velaí que Chávez considera actualmente necesario optar por posturas de maior moderación e que convenzan máis ao electorado venezolano.
Trala liberación de Betancourt, escóitanse novas declaracións e novas promesas que afectan a Venezuela e a Ecuador. Dende hai xa algúns meses, Hugo Chávez foi, lentamente, suavizando os seus posicionamentos, buscando ata certo punto un acercamento co seu veciño colombiano, que cristalizou no cumio do pasado 11 de xullo. Aproveitando esta conxuntura, Uribe tentou tamén unha aproximación con Ecuador. Non obstante, o presidente Rafael Correa, a pesar do gran cambio na realidade rexional e internacional, mantén a postura declarada o pasado 26 de xuño: "Ecuador posterga indefinidamente o restablecemento de relacións con Colombia, ata que en Bogotá exista un goberno serio con quen tratar, verdadeiramente con vontade de paz"(1).
A reelección de Uribe
Pola súa banda, resulta imperativo non esquecer a atención sobre o caso da ex congresista colombiana Yidish Medina, actualmente acusada de aceptar dádivas por parte do goberno de Uribe para que na súa rexión de influencia, o departamento do Magdalena Medio, se votara favorablemente á reforma que permitiu a reelección do presidente colombiano no 2006. Co Yidishgate en plena efervescencia, a liberación de Betancourt non puido chegar en mellor momento para o goberno colombiano.
Con estes escenarios na mesa, quedan por ver cales serán as estratexias políticas a desenvolver por parte do presidente Uribe e, incluso, de Ingrid Betancourt, ampliando o abano de incógnitas. Así, e no caso de reformarse de novo a Constitución colombiana, ¿volverá Uribe a presentase como candidato presidencial no 2010, con amplas posibilidade de vitoria? ¿Seguirá insistindo Correa na ruptura de relacións con Colombia?
Estas interrogantes tamén prevalecen na esfera internacional, especialmente en Francia e España, con respecto ao protagonismo de Ingrid Betancourt, especialmente no relativo á súa posible presentación como candidata presidencial aos comicios de 2010. Así, o escenario aumenta o seu caudal de incerteza ante a posibilidade de asistir entón a unha campaña presidencial con Betancourt e Uribe como candidatos.
Quizais sexa moi pronto para que a propia Betancourt decida sobre o seu futuro político. A ex-candidata admitiu que o presidente Uribe ten feito cousas positivas por Colombia, pero que debe abandonar a súa "linguaxe de odio" e quizais centrar a súa política noutro enfoque, xa que "Uribe parte da base de que a crise social colombiana é producto da violencia", mentres a propia Betancourt sostén que "a violencia é froito da crise social colombiana"(2) De momento, para chegar a ser presidenta, Betancourt tería que renunciar á nacionalidade francesa, algo ao que non parece estar disposta.
O presidente Uribe tamén ten moito que agradecerlle á recen liberada Betancourt, pois a súa liberación case permitiu enterrar no esquecemento as secuelas que, politicamente, comezaban a afectarlle co Yidishgate. Paralelamente, a liberación de Betancourt permitiu a Uribe conseguir uns extraordinarios índices de popularidade que lle axudarían a preparar un contexto político destinado a potenciar unha nova reelección no 2010. Así, Uribe sabe que esa posible reelección estaría enmarcada nun escenario que, seguramente, non será nunca máis favorable que na actualidade.
Notas:
(1) "Correa condiciona relación con Ecuador", en BBC Mundo, 26/06/2008.
http://news.bbc.co.uk/hi/spanish/latin_america/newsid_7474000/7474945.stm
(2) "Sin FARC no hay Uribe", entrevista a Ingrid Betancourt en BBC Mundo, 08/07/2008.
http://news.bbc.co.uk/hi/spanish/latin_america/newsid_7494000/7494578.stm