Se analizamos a evolución das exportacións galegas a este mercado nos últimos dez anos, observamos unha tendencia xeral ao crecemento, aínda que con períodos de flutuacións. En 2015, as exportacións situábanse en 613,8 millóns de euros, pero nos anos seguintes experimentaron unha lixeira caída ata alcanzar o seu mínimo en 2018, con 549,6 millóns. A partir de 2019, rexistrouse unha recuperación ata os 581,7 millóns, pero a crise da COVID-19 en 2020 provocou unha caída notable ata os 415,2 millóns. O impacto da pandemia foi evidente, debido ás restricións sanitarias, problemas nas cadeas de subministración e incerteza económica global, que afectaron negativamente o comercio internacional. Con todo, a partir de 2021 produciuse unha forte recuperación, cun aumento ata os 679,9 millóns de euros. Este crecemento consolidouse en 2022, cando Galicia alcanzou un novo récord con 823,9 millóns de euros en exportacións aos Estados Unidos. No ano 2023 a cifra mantívose arredor dos 802 millóns de euros, e aínda que os datos son provisionais para o exercicio do 2024, algunhas estimacións sitúan as exportacións galegas ao mercado estadounidense por riba dos 1.000 millóns de euros, impulsadas principalmente polos sectores da automoción, o téxtil, o viño e a alimentación.
A pesar desta consolidación no mercado estadounidense, a recente reelección de Donald Trump e o seu enfoque proteccionista xeraron incerteza en Galicia, especialmente en sectores vulnerables á imposición de aranceis, como o aluminio, o viño e a automoción. O impacto destas medidas comerciais será clave para determinar a evolución futura das exportacións galegas aos Estados Unidos.
Automoción: O sector dominante
Os datos do IGE mostran que a automoción é, con diferenza, o sector máis relevante en termos de exportacións. Entre 2019 e 2021, as cifras mantivéronse arredor dos 20.000 millóns de euros, pero en 2022 houbo un crecemento ata 26.743,8 millóns. En 2024, o sector experimentou un salto espectacular ata os 52.618,4 millóns de euros, duplicando os valores do ano anterior. Este incremento sitúa a automoción moi por enriba doutros sectores, consolidándoa como a actividade exportadora máis importante de Galicia a EUA.
Aluminio: un crecemento significativo, pero con incerteza
O aluminio tamén é un sector clave en Galicia, grazas ao polo industrial de Padrón, Rois, Valga e Caldas, que inclúe empresas como Cortizo, Exlabesa, Extrugasa e Indalsu. Entre 2019 e 2021, as exportacións de aluminio ós Estados Unidos practicamente dobraron cada ano, pasando de 2.900,9 millóns de euros en 2019 a máis de 5.300 millóns en 2021. O pico máis alto rexistrouse en 2022 con 11.551,4 millóns, pero en 2023 caeu a 9.690,1 millóns antes de recuperarse en 2024 con 11.490,9 millóns. A estabilidade actual pode verse afectada polos novos aranceis, o que xera incerteza para os próximos anos. Por agora, a medida aínda non especifica os detalles sobre se afectará ao aluminio en bruto, aos perfís extruídos ou ás ventás e portas de aluminio, polo que é difícil coñecer o alcance.
Téxtil: crecemento sostido pero a distancia
Aínda que polo de agora o sector téxtil galego non parece estar directamente afectado polas novas medidas arancelarias da administración Trump, é importante que as empresas do sector permanezan atentas a posibles cambios nas políticas comerciais que poidan influír nas súas exportacións a EEUU, xa que este é un sector que tamén presenta unha evolución positiva, pero cun volume moi inferior ao da automoción e o aluminio. En 2020, Galicia exportou 4.377 millóns de euros en produtos téxtiles a EUA, cifra que foi aumentando ata 7.148 millóns en 2024. A pesar deste crecemento, o téxtil mantense lonxe dos valores da automoción e do aluminio, sendo un sector de relevancia pero non dominante.
Viño: un mercado nicho con alta dependencia do mercado norteamericano
A industria do viño galego, en especial a Denominación de Orixe Rías Baixas, ten unha presenza importante nos Estados Unidos, que é o seu principal mercado internacional. Segundo datos facilitados por esta D.O., na campaña 2023/2024, exportáronse máis de 10,4 millóns de botellas, cun 40 % destas destinadas a Estados Unidos (uns 2,8 millóns de litros). Os viños de Rías Baixas representan o 8,6 % do volume total de viños españois con denominación de orixe en EUA e o 9,4 % do valor destas exportacións. Non obstante, a partir de agora, ó igual que os sectores anteriores, este sector verá reducida a súa competitividade nos EUA polo posible incremento dos prezos dos seus produtos a causa dos aranceis.
A resposta galega
Aínda que as exportacións galegas aos Estados Unidos representan unha parte relativamente pequena do total, a imposición de novos aranceis por parte da administración Trump podería ter un impacto significativo en sectores clave da economía galega. A Xunta de Galicia elaborou un informe que estima un impacto negativo de ata 200 millóns de euros na economía galega no peor dos escenarios debido a estes aranceis. Para mitigar este impacto, a Xunta porá en marcha un observatorio de vixilancia a través do Instituto Galego de Promoción Económica para asesorar ás empresas ante esta situación. É importante que autoridades e empresas estean atentas ós novos cambios para adaptarse rapidamente e minimizar as posibles repercusións destas políticas comerciais.

