20070409 natanz mahmoud ahmadinejad

O Irán “nuclear”

 Mahmud Ahmadíneyad, clic para aumentar
O discurso do presidente Mahmud Ahmadíneyad durante o "Día da Tecnoloxía Nuclear", no que se anunciaba a capacidade industrial do seu país para producir combustible atomico e a súa entrada no "club nuclear", revela varias sinais de advertencia para Occidente no seu pulso xeopolítico con Irán.
 

Corren tempos frenéticos en Teherán. O discurso do presidente Mahmud Ahmadíneyad durante o "Día da Tecnoloxía Nuclear", no que se anunciaba a capacidade industrial do seu país para producir combustible atomico e a súa entrada no "club nuclear", revela varias sinais de advertencia para Occidente no seu pulso xeopolítico con Irán.

Nun acto repleto de simbolismo patriótico, a sinal de Ahmadíneyad non deixa dúbidas: Irán está en capacidade de avanzar no seu programa nuclear "pacífico" sen que isto signifique pechar os canais de negociación. Esta mensaxe se focaliza na necesidade iraniana de que Occidente recoñeza definitivamente a súa ascendente posición xeopolítica.

Sen constituír un factor definitivo, esta sutil advertencia podería contribuír a atenazar calquera estratexia agresiva por parte de Washington e calibrar a crise por mecanismos diplomáticos. Velaí que o momento luce decisivo para Ahmadíneyad e o réxime dos aiatolás, fortalecidos trala recente crise diplomática con Gran Bretaña polo apresamento e posterior liberación dos 15 mariños ingleses no Golfo Pérsico.

A crise con Londres reforzou a posición interna de Ahmadíneyad e a cada vez mais influínte Garda Revolucionaria, o corpo de elite militar coñecido como os "pasdarán", núcleo de formación do propio Ahmadíneyad e que conta co total apoio do gran aiatolá Alí Khamenei.

Esta elite de 15.000 efectivos de alta graduación militar momentaneamente mudou a balanza ao seu favor no pulso de poder que actualmente se libra en Teherán co sector dos denominados "moderados". Con estas cartas a favor e un ambicioso mecanismo propagandístico nacionalista, Ahmadíneyad logrou integrar á sociedade iraniana na pretensión oficial por continuar co seu programa nuclear.

En termos de política internacional, esta crise revelou a capacidade de resposta de Teherán dentro dunha estratexia de "guerra asimétrica" destinada a repeler unha eventual agresión militar occidental. Independentemente das confusas causas desta crise, Ahmadíneyad logrou rentabilizar politicamente unha situación que ameazaba con provocar unha posible agresión militar occidental ao seu país.

En paralelo, a crise dos mariños británicos evidenciou a debilidade diplomática británica, sorprendida pola rápida reacción iraniana e a humillación que supuxo observar as imaxes dos mariños detidos "recoñecendo" a súa culpabilidade de violación da soberanía das augas iranianas.

Durante doce días, os británicos observaron unha serie de aparicións televisivas por parte duns efectivos militares utilizados habilmente por Teherán como moeda de cambio para premer a EEUU e Gran Bretaña na liberación dos diplomáticos e membros dos "pasdarán" detidos en Iraq en xaneiro pasado, extensivo a unha serie de estrañas desaparicións dun científico nuclear iraniano e un alto cargo dos "pasdarán" en Turquía.

Neste sentido, a crise nuclear deu paso a unha inédita "guerra de reféns" que semella consolidar unha delicada estratexia de persuasión tanto para Washington e Londres como para Teherán.

Non se debe esquecer a conxuntura da pre e post-crise diplomática. Mentres Teherán mantiña na súa mans aos mariños británicos, a presidenta do Congreso estadounidense Nancy Pelosi visitaba Damasco, nunha clara advertencia ao goberno de George W. Bush da necesidade de acabar co illamento de Siria (aliado rexional iraniano e membro do polémico "eixe do mal") e incluír a este país dentro dun marco de negociacións para solucionar os conflitos en Oriente Medio.

Mentres Ahmadíneyad anunciaba a entrada de Irán no "club nuclear", miles de xiítas iraquís impulsados polo seu líder Moqtada al Sadr, se manifestaban no seu bastión xeográfico de Nayaf (ao sur de Bagdad) para esixir o fin da ocupación militar anglo-estadounidense en Iraq. A masiva concorrencia evidenciou a capacidade de convocatoria de Moqtada al Sadr e a potencialidade xiíta na configuración do Iraq post-Sadam.

Se ben a opción militar de EEUU e Israel segue a ser unha delicada realidade, máxime cando se acerca a data límite imposta pola ONU a Teherán para poñer fin ao programa de enriquecemento de uranio, prevista para o 24 de maio, o cálculo en Irán está definido politicamente: non dar marcha atrás ao seu programa nuclear. Para Teherán, a cuestión non é exactamente de prestixio senón de supervivencia.

Un informe elaborado polo ministerio de Defensa británico que analiza cómo poder ser o mundo no 2037, especula cun Irán transformándose gradualmente "nunha democracia repleta de vitalidade". Prospectivas e cálculos apartes, no mundo do 2007 haberá que tomar en conta a un Irán "nuclear" e "politicamente en ascenso".