Tomando en consideración os derradeiros acontecementos en Oriente Medio, queda clara en evidencia a falta de sincronía en determinados aspectos da política exterior conxunta que formulan Washington e Tel Aviv, con consecuencias imprevistas para a rexión.
Tras desvelar informes de intelixencia da CIA, as acusacións no Congreso estadounidense sobre a presunta cooperación norcoreana na construción dun hipotético programa nuclear sirio entorpecen a aparente viabilidade das conversas directas sobre a paz entre Siria e Israel, caso este que constituiría unha histórica viraxe estratéxica entre estes dous inimigos tradicionais.
Era posible a paz?
Segundo diversas fontes non oficiais, Damasco e Tel Aviv veñen acelerando determinados contactos directos e indirectos desde 2004, a pesar da crise presentada en setembro de 2007, cando un avión israelí bombardeou posicións militares sirias, dentro dunha "operación preventiva" ante o suposta aceleración dun programa nuclear por parte de Damasco.
Previo ás acusacións da CIA contra Damasco de presunta cooperación nuclear norcoreana e iraniana, un alto representante sirio anunciou dende Teherán a posible celebración dun cumio con Israel para tratar diversos temas relativos a un posible acordo de paz. Desde 2006, a diplomacia turca tamén ven propiciando este histórico acercamento sirio-israelí, o cal tamén reforzaría o papel rexional de Turquía como factor xeopolítico a tomar en consideración.
Paralelamente, o goberno israelí de Ehud Olmert asomou a posibilidade, aínda que non oficial nin completa, de entregar a Damasco os estratéxicos Altos do Golán, no caso dun acordo de paz que permita a Siria recoñecer ao Estado israelí.
Con estas cartas na mesa, o informe de Washington sobre a presunta cooperación nuclear norcoreana e iraniana cara Siria, posiblemente corresponda a unha estratexia de última hora por parte dos sectores neoconservadores na Casa Branca que, a todas luces, obstaculizan o recente acercamento sirio-israelí. Paralelamente, as revelacións de Washington deixan tamén entrever determinadas fallas de fluidez informativa entre EEUU e Israel.
O peche deste círculo concéntrico manexado dende Washington estivo tamén determinado co nomeamento de David Petraeus, ata agora o máximo xefe militar en Iraq, como alto comandante das Forzas Conxuntas Estadounidenses en Oriente Próximo e Afganistán. Petraeus comezará o seu labor con diversos focos conflitivos á vista, tales como o fracasado intento de asasinato contra o presidente afgano Ahmed Karzai, que obrigará a reconducir a atención cara este país, e a recente escaramuza naval entre un barco estadounidense e unha patrulleira iraniana no Golfo Pérsico.
Nun contexto colateral, esta estratexia estadounidense podería tamén incluír o reforzamento político do líder dereitista do partido Likud, Benjamín Netanyahu, no caso de que a crise política israelí acabe co goberno de Olmert e obrigue a un adianto electoral con Netanyahu como principal favorito. Coñecido pola súa política antiárabe, Netanyahu foi quen deu a coñecer en setembro pasado a ilegal acción militar da aviación israelí en territorio sirio.
Esta crise política israelí podería acelerarse ante o descontento político e militar pola revelación pública do informe que acusa directamente ao goberno Olmert e altos mandos do Exército do fracaso militar na breve guerra no sur do Líbano contra o movemento islamita Hizbuláh en agosto de 2006, así como as constantes revelacións de corrupción no entorno gobernamental.
Con Irán na sombra
Un hipotético acordo entre Siria e Israel implicaría indirectamente a Irán, principal socio político, militar e económico de Damasco. A estratexia de acercamento israelí cara Siria tiña, en principio, unha clara determinación de illar a Irán e afastar a súa influencia de Damasco.
Non obstante, a contundente vitoria dos conservadores iranianos nas recentes eleccións lexislativas aparentemente certifica a consolidación do círculo de poder en torno ao aiatolá Alí Jamenei e o presidente Mahmud Ahmadíneyad (cunha retórica antiisraelí que crea temores en Tel Aviv), de cara ás presidenciais de 2009, o cal debería obrigar a Israel a mudar de enfoque.
Así, un cálculo estratéxico de gran alcance para Israel na posible conformación dun acordo de paz con Siria, posiblemente estea vinculado co convencemento da necesidade de convivir cun Irán en pleno ascenso xeopolítico, enfoque que permitiría redimensionar o actual equilibrio estratéxico militar e nuclear en Oriente Próximo, incluíndo tamén aos movementos islamitas Hizbulah e Hamas.
Todos estes elementos e as súas probables consecuencias acrecentan o delicado labirinto no que está incluído Israel e a necesidade de dar cabida a un audaz viraxe de perspectivas e enfoques. Un cambio de poder na Casa Branca nas eleccións presidenciais de novembro próximo, coa posible asunción dunha nova presidencia cun enfoque cara Oriente Medio absolutamente distinto ao do actual goberno de George W. Bush determinará tamén cal será a posición israelí neste delicado taboleiro xeopolítico.
Esta incómoda posición obrigará tamén a observar con atención a polarizada política interna israelí, especialmente ante a posibilidade de retorno de Netanyahu ao poder, escenario que reforzaría aos célebres "falcóns" políticos e militares en Israel e minaría calquera hipotética iniciativa de acercamento cara Siria, Irán, Hizbulah e Hamas.