As recentes críticas realizadas polo secretario xeral da OEA, Luís Almagro, contra o goberno de Nicolás Maduro, que incluso repercutiron na invocación da Carta Democrática adoptada por este organismo en 2001 por presuntas violacións constitucionais en Venezuela, implican unha crise de carácter hemisférico na que se insiren diversos intereses xeopolíticos dentro dunha OEA contrariada pola súa perda de capacidade de influencia política e por problemas de índole financeiro que afectan a súa operatividade.
As recentes críticas realizadas polo secretario xeral da OEA, Luís Almagro, contra o goberno de Nicolás Maduro, que incluso repercutiron na invocación da Carta Democrática adoptada por este organismo en 2001 por presuntas violacións constitucionais en Venezuela, implican unha crise de carácter hemisférico na que se insiren diversos intereses xeopolíticos dentro dunha OEA contrariada pola súa perda de capacidade de influencia política e por problemas de índole financeiro que afectan a súa operatividade.
Con todo, a polarización no clima político actualmente existente dentro da OEA, a tenor das recentes recomposicións de alianzas internas derivadas dos recentes cambios políticos naqueles países con peso político estratéxico neste organismo (Arxentina, Brasil), implican un pulso de intereses que incidirán na capacidade de influencia da OEA como entidade capacitada para resolver a interminable crise política venezolana.
Almagro, quen durante a súa etapa como ministro de Exteriores do goberno de Pepe Mújica en Uruguai (2010-2015) era considerado próximo ao “chavismo”, rompeu abruptamente esta posición tras anunciar a súa intención de activar a Carta Democrática. Pero o actual contexto dirime igualmente a recomposición de intereses xeopolíticos establecidos polo xiro electoral acaecido na rexión.
Aquí imponse o cambio de perspectivas establecido trala asunción presidencial de Mauricio Macri na Arxentina (decembro de 2015), polo controvertido impeachment contra a presidencia de Dilma Rousseff en Brasil (maio de 2016) e a súa substitución por un polémico goberno transitorio, e mais recentemente polo xiro tecnócrata liberal e “antichavista” acaecido nas presidencias peruanas. Todo iso, engadido á parálise política do “eixe ALBA” tradicionalmente favorable a Caracas, e a potenciación dunha misión UNASUR tendente a fomentar o diálogo político en Caracas, determinan unha inesperada pluralidade de intereses establecidos pola progresiva recomposición das alianzas hemisféricas ata agora existentes.
Macri impulsou nos seus comezos unha política exhaustiva de escrutinio sobre a situación dos dereitos humanos en Venezuela, que lle granxearon fortes confrontacións con Maduro. Non obstante, un súbito cambio observouse nas recentes semanas, toda vez Bos Aires liderou a votación vía OEA dunha vía alternativa á activación da Carta Democrática contra Venezuela. A razón obedeceu moi probablemente ao compromiso de Caracas por apoiar a candidatura arxentina á Secretaría Xeral da ONU, a cambio de minimizar o impacto das tentativas de Almagro.
No caso brasileiro, o cambio político post-PT e a designación como novo ministro de Exteriores de José Serra, ex candidato presidencial (PSDB) e acérrimo crítico do “chavismo”, augura un cambio substancial que alterará o tácito entendemento entre Brasilia e Caracas herdado dos gobernos de Lula e Rousseff. Como Macri no seu momento, Serra empraza agora unha crítica posición contra Maduro en materia de dereitos humanos e liberdades políticas, aspecto que polarizará politicamente á OEA no sentido de reactivar as tentativas de aplicación da Carta Democrática.
Pola súa banda, Washington sopesa outras variables. Con atención estratéxica na apertura con Cuba, o goberno de Barack Obama agarda formalizar un consenso hemisférico co respecto á crise venezolana que, cando menos aparentemente, non implique unha confrontación directa de consecuencias imprevisibles. Así debe explicarse a recente xuntanza na OEA do Secretario de Estado, John Kerry, e a ministra venezolana de Exteriores, Delcy Rodríguez, con visos de abrir unha etapa de pragmatismo entre Washington e Caracas.
Se ben esta xuntanza implicou o compromiso por recompoñer a ruptura de feito nas relacións bilaterais existentes desde 2010, intercambio de embaixadores mediante, a mesma evidenciou as expectativas de Washington por premer a Maduro a adoptar un diálogo político coa oposición venezolana, especialmente en materia de celebración dun referendo revogatorio sobre o mandato de Maduro, á amnistía aos denominados presos políticos e avances en materia de dereitos humanos.
Este contexto gravita directamente nas negociacións que se levan a cabo na Asemblea Xeral da OEA co respecto á crise venezolana, en particular no cometido de atopar unha vía alternativa á Carta Democrática, que eventualmente desactive a fricción causada polo inesperado anuncio de Almagro. Baixo instigación arxentina, os 34 membros da OEA votaron por consenso adoptar unha vía conciliadora con Caracas que eventualmente desactive a cláusula punitiva da Carta Democrática relativa á eventual expulsión venezolana. A convocatoria da Asemblea Permanente da OEA prevista para o próximo 23 de xuño en República Dominicana anúnciase decisiva nesta balanza de equilibrios hemisféricos motivados pola crise venezolana.