O legado de Iraq

Unha década despois da ilegal intervención militar en Iraq dirixida polo ex presidente George W. Bush e os seus aliados internacionais, o legado mais palpable que nos deixa o Iraq da posguerra é a dun país sen perspectivas, cun sistema político debilitado polas constantes loitas sectarias, desarticulado no seu tecido social,  institucional e de infraestruturas e notoriamente esquecido da atención internacional, incluso se tomamos en conta o contexto da Primavera árabe e a inminente retirada militar estadounidense pautada para 2014.

Apartados xeográficos Oriente Medio
Palabras chave Oriente Próximo Iraq
Idiomas Galego

Unha década despois da ilegal intervención militar en Iraq dirixida polo ex presidente George W. Bush e os seus aliados internacionais, o legado mais palpable que nos deixa o Iraq da posguerra é a dun país sen perspectivas, cun sistema político debilitado polas constantes loitas sectarias, desarticulado no seu tecido social,  institucional e de infraestruturas e notoriamente esquecido da atención internacional, incluso se tomamos en conta o contexto da Primavera árabe e a inminente retirada militar estadounidense pautada para 2014.

Non sería descartable considerar que o “novo Iraq” deseñado polas ambicións de Bush e do seu equipo apunta a configurar os parámetros dun “Estado fracasado”. Obviamente, esta perspectiva deslexitima calquera percepción relativa ao “oasis de democracia e estabilidade” que prometeu o propio Bush tras finalizar a guerra de 2003. Polo contrario, o caos do Iraq post-Saddam e, particularmente, a súa cruenta guerra entre comunidades étnicas e relixiosas, particularmente cruenta no período 2006-2008 con mais de 150.000 civís mortos, contribuíu a desestabilizar un Oriente Próximo actualmente sacudido polos embates da post-Primavera árabe e dun pulso xeopolítico identificado coas presións contra o programa nuclear iraniano.

Tanto como o Afganistán post-Talibán a partir de 2001, o Iraq actual supón a tráxica herdanza que o “neoconservadurismo” de Bush legou a un mundo post-11/S mais preocupado pola crise económica e financeira, curiosamente outro dos dramáticos legados dese modelo económico defendido e impulsado desde os anos de poder de Ronald Reagan e pola propia “dinastía Bush” trala desintegración da ex URSS.

O descrédito estadounidense

Un legado claramente identificado nas ambicións por construír unha “nova orde internacional” deseñado a partir da ruptura da legalidade existente (principalmente dentro da ONU), da polarización global e da conxunción dunha hexemonía estadounidense fraguada nunha doutrina “neoimperial” confeccionada pola New American Century Foundation, auténtico “think tank” de cabeceira do ex presidente Bush e dos seus principais colaboradores Dick Cheney e Donald Rumsfeld.

O resultado de todo isto foi un notorio e irreparable dano ao sistema internacional da denominada “posguerra fría”, perceptible principalmente na incapacidade, entre outros, da ONU e da Unión Europea para frear estas ambicións “neoimperiais”. Así, Bush asestou o descrédito e a perda de lexitimidade de EUA  a nivel mundial unha vez se determinara a inexistencia das armas de destrución masiva que presuntamente albergaba o réxime de Saddam, razón esgrimida para xustificar esta ilegal invasión militar.

Así e todo, e pautada a retirada militar estadounidense para 2014, albíscase un panorama escuro para un Iraq cada vez mais abandonado a súa sorte. De igual modo que o réxime de Hamid Karzai en Afganistán, o goberno do primeiro ministro Nourri al Maliki depende excesivamente da tutela de Washington, sen capacidade de garantir unha mínima gobernabilidade cando, precisamente, o Estado iraquí post-Saddam carece da infraestrutura necesaria para ser operativo. Desafiuzada pola ilegal intervención militar de 2003, o Iraq da posguerra deixa a sensación dunha falacia de transición democrática, ameazada constantemente polas rivalidades sectarias e a pesada herdanza de décadas de tiranía do réxime de Saddam e do partido Ba´ath.

A “Primavera” veu por outro lado

A posguerra iraquí tamén ilustra a falacia do rimbombante proxecto de Bush de construír o “Gran Oriente Próximo”. As consecuencias foron, por tanto, absolutamente diverxentes e contraproducentes co respecto a este proxecto “imperial”.

Tres son as claves principais que certifican esta realidade. O primeiro, a perspectiva de desintegración estatal de facto do Iraq actual. Un caso notorio corresponde ao grao de autonomía e semi-independencia da República do Curdistán ao norte do país, o cal transita polo seu camiño dentro dun contexto rexional sumamente inestable, principalmente pola guerra civil e as ambicións exteriores na veciña Siria e ante a presión dunha Turquía temerosa de observar un Curdistán independente.

En segundo lugar, e como efecto curiosamente contraproducente da ilegal invasión militar de 2003 e das ambicións “neoimperiais” de Bush, o caos iraquí de posguerra observou o fortalecemento do peso xeopolítico de Irán, o rival e inimigo de EUA e de Israel, cuxa capacidade de influencia a través da numerosa comunidade xiíta en Iraq permitiu fraguar certo nivel de estabilidade na posguerra iraquí.

Finalmente, a inesperada Primavera árabe que espallou pola rexión dende 2011 supón, de igual xeito, a resposta das sociedades árabes contra a constante intromisión occidental, así como as lexítimas demandas por construír unha democracia propia e autóctona, sen imposicións dende o exterior e moito menos a través da ruptura da legalidade internacional.

Unha rebelión popular que acabou con réximes aliados de Washington e Tel Aviv como os de Mubarak en Exipto e Ben Alí en Tunisia, así como o de Gadafi en Libia. Precisamente, Washington reproduce actualmente en Libia os mesmos erros cometidos anteriormente en Afganistán e Iraq. Ó mesmo tempo, a Primavera árabe conduciu a un leve e inédito distanciamento de actores estratéxicos como Exipto e Turquía co respecto a Occidente e Israel; e finalmente colocou como actor protagonista destes cambios aos “temidos” partidos islamitas, incluso revitalizando algunhas opcións extremistas e radicais afiliadas ou non á rede Al Qaeda.

  Unha década despois, a radiografía iraquí aduce dun país practicamente sen ilusión nin perspectivas de progreso a futuro, unha realidade determinada polo caótico legado de Bush nun contexto rexional sumamente inestable e volátil. Washington non pode ocultar un desastre que nin sequera pode verse reivindicado pola desaparición de Osama bin Laden, pola perda de esfera de influencia de Al Qaeda ou incluso ante a caída de réximes “incómodos” aos seus intereses, como o de Gadafi en Libia.