O lento ocaso da Voivodina

Apartados xeográficos ARQUIVO Balcáns
Idiomas Galego

Ao redor de 250.000 persoas compoñen a importante minoría húngara, que reside na fértil Panónia. A estratexia centralista de Belgrado non precisa votar man exército, nin da policía. Son os propios húngaros os que se evaporan paulatinamente, os que emigran ou reducen inscoscientemente a súa taxa de natalidade. A lenta asfixia do puño de ferro serbio está a conseguir unha nova limpeza étnica, máis esta vez de luva branca, sen sangue.

A Voivodina foi xunto co Kosovo unha das dúas provincias autónomas, intregradas en Serbia, que na constitución do 74, en tempos de Josip Broz (Tito), adquiren un grao de autogoberno case semellante ao das outras repúblicas federadas (Eslovenia, Croacia, Bosnia, Serbia, Macedonia e Montenegro).

O establecemento dos serbios na zona remóntase ao ano 1689 no que unha grande onda migratoria de xentes que fuxían dunha contraofensiva turca asentouse na rica Panonia.

Cando se redacta a Constitución da República Federal de 1946 a Voivodina pasa a ser unha rexión autónoma, en lembranza do “Sabor” (parlamento) creado ao impulso do rebumbio ocasionado na Revolución Húngara de 1848.

A pertenza da Voivodina á xeografía política de Serbia, e moi recente e non vai máis alá de 1918. Historicamente non se reflicten grandes conflictos étnicos, agás durante a segunda guerra mundial, período no que a minoría húngara aliouse do bando dos nazis en aberta oposición cos serbios.

A provincia situada ao norte da minguada Federación Iugoslava, non ten sido unha excepción na política de negación do feito diferencial e de imposición da primacía Serbia. Ao igual que no Kosovo meteron no conxelador as institucións culturais, votaron o pecho sobre as escolas que impartían ensino en lingua húngara e o serbio pasou a ser a única lingua de validez administrativa.

A Voivodina non padeceu o látego do sangue e da guerra, pero sentiu efectos colaterais. Dunha banda pola instalación masiva de serbios expulsados das zonas das que foron víctimas das outras limpezas étnicas impulsadas por croatas, bosníacos ou mesmo albaneses. Por outra banda o sector con máis activo e con capacidade de producción da minoría húngara residente na Voivodina foi chamado a fronte para defender a “Cuestión Serbia” nos lugares con máis perigo potencial para as súas vidas. Desta chamada a filas teñen fuxido ducias de milleiros de Húngaros que non se senten motivados na defensa armada dos intereses serbios e que prefiren ser prófugos.

O exilio voluntario, a falta de confianza no futuro como pobo e a mobilización dos máis mozos ten producido un efecto inmediato: O declive palpábel na porcentaxe de húngaros ( do 28% no 41 ao 15% no 2000), fronte a crecente maioría esmagadora dos serbios.

Non houbo exterminios, nin masacres… mais a limpeza étnica avanza na Voivodina por métodos máis sutís. Na veciña Hungría aínda non se rexistra malestar oficial pero a preocupación aumenta.

Kostunica aínda ten a oportunidade de superar a proba democrática do repeito cara o diferente. Polo momento, para a Voivodina, nada mudou dende os tempos de Milósevic.