Superficialidade e retesía
Anunciou Tony Blair a súa saída do número 10 de Downing Street con a teatralidade rexoubeira que a tantos cansa xa no seu país despois de tantos anos e que non é outra cousa que a mestría dunha arte escénica e publicitaria que infecta a vida política en todas partes e que chegou neste home a extremos moi admirados polos profisionais das apariencias enganosas. Non abonda criticar esta teatralidade barateira senon que ten máis conta ver o que se alapa por tras dese xogo de circo. O paiaso non é inocente e as paiasadas non dan para dez anos de poder.
O xogo "coqueto" de Blair coa opinión neste pasado non só desgastou ao sucesor, que aparecía ante a opinión, despois dunha espera de trece anos, mordendo as uñas có degoiro (figurada e literalmente), sinón que ademáis criou unha situación constitucional ideal para o poder do sorrinte Blair en retirada. Vexamos cómo.
Era típico da vida política británica que o traspaso de poder deun primeiro ministro ao seguinte fose inmediato, cando menos despois dunhas eleccións. Blair amañouse para criar un período de transición, que é normal nos Estados Unidos, e que encaixa moi ben no estilo "presidencial" de Tony Blair.
Poder escoller a data como fixo Blair é unha enorme avantaxe. E reparemos nas datas que escolleu: o 10 de maio para o aviso e o 27 de xunio para a sucesión. Con esas datas asegurouse Tony Blair de poder asistir ao cumio do G-8 e á reunión do Consello da UE, precedida pola de xefes de goberno que organizou Barroso en Sintra para tomar posicións encamiñadas a que o Consello aprobe a versión reducida da fracasada constitución europea, en forma de tratado que poda ser aprobado sin necesidade de incómodos referendums. A ese "contubernio de Sintra" non quer faltar Tony Blair que sempre temeu que o seu pobo non compartise o seu entusiasmo comunitario. Así se vai consolidando o elitismo mesiánico dos gobernantes democráticos que temen que o seu pobo non teña a opinión "correcta".
O legado
Có exaxero do contraste entre Blair e Brown prantexan algúns a interrogación retórica de cómo vai facer Brown para poñerse á altura da situación trunfal que lle deixa o seu predecesor. O que se encobre é que Blair déixalle a Brown unha situación facareña abondo. É mais que sabida a impopularidade do apoio incondicional de Blair a Bush no desastre do Iraque, pero é que, ademáis, o legado de Blair na política interior é francamente oneroso. Deixa un partido desfeito no seu miolo de militantes e nas preferencias dos votantes. O esvaciameno ideolóxico que foi fundamental no Novo Laborismo, privou de entusiasmo aos militantes da base e sustitiunos por unha elite mantida polo reparto de postos de padroazgo.
Pola banda dos votantes, aí están os resultados das eleccións municipais e autonómicas do 3 de maio: o menor número de concelleiros nas autoridades locais de Inglaterra desde 1978, os piores resultados no País de Gales desde hai un século, e a primeira vez que o laborismo perde en Escocia desde hai 50 anos.
Calcúlase que neste decenio de poder perdeu o partido laborista a mitade dos seus afiliados. É curioso ver cómo a perda de militantes non se reflexa moi de perto nos resultados electorais. Se isto ocurre tamén en outros países democráticos, pode indicar unha perigosa independencia ideolóxica dos dirixentes fronte ás suas bases que iría minando o contido programático dos partidos, coa conseguinte disminución das posibilidades de transformación radical da sociedade. O consenso así cultivado desemboca no estancamento e na consolidación dos poderes fácticos.
A situación da economía non é mala de seu, sobre todo se pensamos máis na contabilidade nacional que nos aspectos sociais. Iso non foi mérito de Blair sinon do propio Brown no poderoso Ministerio da Fazenda en que se atrincherou nos longos anos da espera. E non foi parte menor do seu éxito a resistencia que opuxo ao euro, que si por Blair fose tería desplazado á libra esterlina. Niso é certo que trunfou a sustancia fronte a apariencia. Noutras cousas da economía, concretamente nos orzamentos, Brown non mereceu o apodo do Prudente que tanto lle quixeron apoñer, pero certamente nerecuno por ter mantido a libra, ao que se debe en boa parte o relativo éxito da súa xestión.
Brown como novo laborista
Cando se vaia facendo con máis distancia e millores fontes a historia dos pasados vinte ou trinta anos, verase como na criación do Novo Laborismo foi tanto ou máis importante Gordon Brown que Tony Blair. Nunca foi o pensamento o punto forte de Tony. E aínda que non sobrara pensamento na operación oportunista que viña imposta pola transformación da socialdemocracia europea, a ritmos distintos e con características diferentes según os países, as poucas ideas orixinais que poidese haber no Novo Laborismo, sobre todo na adaptación ao mundo político británico, viñeron de Brown. Tony Blair era o cartel ideal, a encarnación dos soños dos criadores de imaxe.
Nos tempos de John Smith, o anterior e malogrado líder laborista, aparecían sempre xuntos Brown e Blair como xóvenes renovadores e depositarios dun brillante futuro para o partido. O que non se sabía era quén sería o candidato ao liderato do partido e, chegado o momento, a primeiro ministro. Son moitas as anécdotas arredor diso e na máis coñecida e difundida delas o asunto decidiuse nunha cea "à deux" no restaurante Granita do bairro londrino de Islington. Dise que acordaron aí que primeiro for a Blair e que pouco despois deixaríalle o posto a Brown. Dise tamén que Brown foise encabruñando ao ver que pasaban os anos e non lle chegaba a vez.
Do que non hai nin rastos é de que nesa escolla houbese ningunha diferencia ideolóxica ou programática. Nin se veu nada dese xénero nos trece anos de espera. Só a necesidade de agarrarse ao que sexa, a unha palla no ar, explica que algún optimista "de esquerda" pense que con Brown vai chegar una política máis dese lado. Non pinta que vaia ser así, sobre todo na política interior.
As autonomías
Ao falar dos resultados das eleccións ao Parlamento da Escocia e á Asamblea do País de Gales, convén outra vez precaverse dos paralelismos e as semellanzas fáceis, cando pensamos en nacionalismos. Nin o de Escocia é igual ao de Gales, nin nengún deles se asemella aos do Estado das autonomías español. Comparar pode ser útil, para apreciar as diferencias, pero non para dibuxar equivalencias fáceis.
O significado das recentes eleccións é diferente para o Parlamento de Edinburgo escocés e a Asamblea de Cardiff, porque tamén son diferentes esas Cámaras. O Parlamento escocés ten funcións lexislativas e unhas atribucións fiscais limitadas, pero considerableis. A Asamblea só pode administrar a lexislación de Westminster que afecte a Gales, pero non ten poder fiscal. O sistema electoral, nas dúas, é unha novidade na Gran Bretaña, xa que introduce un elemento de representación proporcional.
Cabería darle creto a Blair pola criación desas dúas cámaras autonómas en 1999. .A autonomía non foi nada que entusiasmase ao Novo Laborismo, pero xa desde o liderato de Kinnock e o posterior de John Smith, escocés, preocupaba a decadencia do partido en Escocia, e as iso debeuse en parte o impulso da "devolution". O certo é que sin os diputados laboristas non podería nin pode gobernar o laborismo, novo ou vello, no Reino Unido. Nese panorama dexérgase millor o golpe que supón para o goberno de Londres o resultado das eleccións para os escanos de Holyrood. E, para máis, que o partido máis votado fose o Partido Nacionalista Escocés (SNP), ainda que só fose por un voto de diferencia.
Moi semellante é a tradición laborista do País de Gales. Foi nun distrito galés, o de Merthyr Tydfil, onde Keith Hardie, o Pablo Iglesias da Gran Bretaña, gañou o primeiro escano laborista no Parlamento, en 1900. E galés fondo, ainda que antinacionalista, era Aneurin Bevan, o criador do Servizio Nacional de Saúde na posguerra de 1945. A cultura dos vales carboníferos era o alicerce dese laborismo.
Os dous partidos nacionalistas, SNP e Plaid Cymru, son modernos, ben que inspirados nunha tradición identitaria e cultural moi roca e forte nos dous países. Ata hai pouco tempo eran unha curiosidade, más pinroresca que actuante.
Nos efectos das eleccións, a aritmética parlamentaria foi diferente nun e noutro caso. O SNP gañoulles o primeiro posto aos laboristas en Escocia e quedou de segundo en Gales. En ambos foi espectacular o descenso dos laboristas.
Alex Salmond, o líder do SNP, reclamou a leximitade de que se lle encargase a formación de goberno, como líder do partido máis votado e, fronte ao fracaso don intentos do laborismo para formar unha coligación cós liberal-demócratas, como a que viña gobernando ata agora, conseguiu asumir o poder como goberno minoritario que contará có apoio dos Verdes en cuestións concretas. É casi seguro que terá que renunciar ao máis problemático do seu manifesto, ou sexa, a celebración dun referendo en 2010 sobre a independencia de Escocia. Aí estivo seguramente a imposibilidade de entendimento cós liberais.
No País de Gales, a situación foi asimétrica. Aínda que o laborismo perdeu moitos escanos , quedou segundo. Con todo, o Partido Laborista non parece que vaia poder fomar goberno, ao non ir por bon camiño as conversas cós linerais e con Plaid Cymru. Haberá que chegar a unha solución antes de fins de maio, si se quere evitar novas eleccións. E parece, nestas circunstancias, que pode chegarse a unha "coalición do arco de vella" formada por nacionalistas, demócratas e conservadores, que deixaría aos laboristas na oposición. O tripartito representará unha ampla maioría na Asamblea e un 60 por cento dos votos do electorado. Outra cousa é que vaia ser popular entre os votantes dos respectivos partidos, de ideoloxías e sensibilidades moi diferentes. En todo caso, Plaid Cymru non fala de independencia e só propuxo un referendum para darlle máis poder a Asamblea. Cuase seguro que terá que renunciar a iso si quer manter a coalición.
Brown en Londres podería ter que tratar con tres xefes de goberno difíceis nas autonomías: Alex Salmond, Ieuan Wyn Jones e Ian Paisley. Dous xa están confirmados na data desta análises.
O que convén reter destes resultados autonómicos é que o nacionalismo ofereceu unha alternativa de protesta na Escocia e no País de Gales que faltou en Inglaterra. Os Tories non conseguiron artellar uha alternativa satisfactoria en Inglaterra e, aínda que avanzaron, non se pode falar dunha victoria para eles.
Nacionalismo e novidade aparecen xuntos nese maio electoral. E aí si que pode haber leccións para nacionalismos diversos. A política está pedindo novidade e si os nacionalismos a oferecen, abriráselles un camiño ben promisorio.