O misterio da UÇK

A UÇK siglas en albanés do Exercito de Liberación do Kosovo era unha organización practicamente descoñecida hai catro anos. Dende o comezo dos bombardeos e especialmente dende a entrada das tropas da OTAN no Kosovo semella controlar a situación en detrimento da Liga Democrática de Kosovo de Ibrahim Rugova.

As imaxes son elocuentes, tras os soldados da OTAN aparecen sempre uns uniformes negros, novos do trinque, co escudo da UÇK. Mesmo algúns grupos de guerrilleiros entran nas vilas destruídas desfilando ao xeito de liberadores. Definitivas foron as do primeiro ministro " Hashim Thaqui- do goberno provisorio nomeado pola UÇK asinando o acordo de desarme co xefe militar da Kfor, o xeneral Jackson.

Máis alá das condicións concretas do acordo a cumprir en trinta días, o máis significativo é que permite aos guerrilleiros conservar o armamento lixeiro e lexitima a súa pretensión de converterse nunha especie de policía civil que controle o territorio kosovar. Mentres o presidente elixido polos kosovares, non recoñecido por Belgrado nin polas potencias atlántistas, Ibrahim Rugova, segue sen aparecer, aínda que un portavoz seu declarou en Prístina que non aceptaría un goberno dominado pola UÇK.

Así as cousas, o futuro da crise kosovar segue presidido pola total incerteza. O precipitado regreso dos refuxiados pertencentes aos clans que apoian á UÇK, a fuxida de gran parte dos serbiokosovares "mesmo dos eslavos islamizados ou goranos-, a destrucción total de aldeas e cidades, a desaparición de todo tipo de rexistros de propiedade, a ausencia de calquera caste de autoridade que non sexa a militar do Kfor, indican o estado caótico no que se atopa o Kosovo. Moitos albanokosovares pensan que chegou o momento do desquite, de apropiarse das terras de fuxidos ou desaparecidos e que os que cheguen primeiro, máis poderán coller.

¿Quen son estes mozos da UÇK?. Christophe Chiclet, nun interesante artigo publicado no número de Maio de Le Monde Diplomatique fornécenos unha ampla información sobre o ELK, nacido a finais de 1992, a partires dunha serie de grupos orixinados tras a revolta popular de 1981 e radicalizados despois de que en 1989 lle fose retirado ao Kosovo o estatuto de autonomía. As súas orixes maoistas-enveristas e anti-iugoslavas, a súa influencia no exilio kosovar, as relacións cos xefes de clans e co tráfico de drogas son tamén analizados por Chiclet.