20060517 tripoli chavez gaddafi

O modelo libio


 Hugo Chávez e Muammar Gaddafi en Trípoli, clic para aumentar
En Libia, a aplicación dunha política de firmeza, de cuarentena política e económica, certo que durante máis de dúas décadas, acabou por inclinar a balanza en favor de Washington. Aínda que estes días reciba a Chávez con pomba e boato, Libia está con nós, dirá Bush. A cuestión agora é saber se en Irán ou en Corea do Norte apostarán pola vía iraquí ou polo modelo libio. (Foto: Hugo Chávez é recibido por Muammar Gaddafi en Trípoli, Libia, o 17 de maio de 2006).
 

A plena normalización das relacións diplomáticas entre Libia e EEUU víase vir. Segundo o Washington dos certificados de boa conducta, a razón que explica a mellora nas relacións bilaterais é a renuncia de Trípoli a apoiar o terrorismo. A crónica é coñecida: en 1979, fora incendiada a embaixada de EEUU na capital libia. En 1981, Trípoli decidía pechar a súa legación en Washington. Despois dos bombardeos norteamericanos de 1981 e, sobre todo, os de 1986 sobre Trípoli e Bengasi nos que faleceron polo menos 40 persoas, entre elas Hana, filla adoptiva de Gaddafi, Libia radicalizou o seu discurso antiimperialista. Primeiro un atentado en Berlín; logo, en 1988, contra un avión de pasaxeiros sobre a localidade de Lockerbie, e outro en Níxer, marcaban o punto final dunha estratexia disparatada que a fin da guerra fría e a primeira guerra do golfo levaron a unha canella sen saída. En 2003, Gaddafi comezou a andar o camiño de volta, asumindo a responsabilidade dos seus servizos secretos nalgunhas accións e aceptando compensar aos familiares das víctimas.

Con todo, EEUU tardou aínda máis de dous anos e medio en normalizar as relacións con Libia. Semella que non todo foi tan simple como explicou Condoleezza Rice, ao sinalar que a medida adoptouse despois de valorar o afastamento de Libia do terrorismo e o seu abandono do programa de armas de destrución masiva. ¿Hai outros motivos? O factor enerxético é importante, pero non único. Despois de Nixeria, Libia é o país máis rico en petróleo e gas natural do continente africano. O acceso das petroleiras estadounidenses a eses recursos verase facilitado con esta normalización. Pero Bush tamén precisa, con urxencia, capitalizar algún éxito no Gran Oriente Medio.

A democracia pola forza co ánimo de instituír gobernos afíns ten unha expresión caótica no Iraq. Esa política (lembremos que Iraq ía ser o modelo por antonomasia) está sendo amplamente cuestionada dentro e fóra de EEUU e afecta seriamente á credibilidade dos valores que di defender a Administración Bush, mesmo entre aqueles que un día confiaron na súa sinceridade. En Libia, a aplicación dunha política de firmeza, de cuarentena política e económica, certo que durante máis de dúas décadas, acabou por inclinar a balanza en favor de Washington. Aínda que estes días reciba a Chávez con pomba e boato, Libia está con nós, dirá Bush. A cuestión agora é saber se en Irán ou en Corea do Norte apostarán pola vía iraquí ou polo modelo libio. Todo sexa por recrear o mundo do ben. Amén.