O momento exterior do Benegá

Semella emerxer con forza e fortuna a acción exterior do nacionalismo galego. Feito tan feliz como sorprendente, sobre todo se temos en conta que no seu programa electoral para as recentes eleccións autonómicas ningunha referencia explícita abordaba este importantísimo capítulo de toda acción gobernamental, mesmo para unha autonomía. Coas contradiccións que se queiran, o Presidente Fraga levaba un bo treito por diante. Agora, case de súpeto, un día aquí e outro alá, dirixentes nacionalistas galegos toman contacto e adentranse nun ámbito da acción política que, sen deixar de ser “exterior”, condiciona cada día máis o desenvolvemento político interno. Asi, un día co PNV, outro con CIU, outro co Sinn Fein, participando tamén nalgúns foros do rexionalismo europeo, ampliando as escasas e limitadas relacións do pasado, o exterior deixa de ser algo testimonial, reservado á presencia en congresos e outros eventos de similar naturaleza, para pasar a primeiro plano.

Cabe celebrar esta nova dimensión da actuación do nacionalismo político, a primeira forza da oposición. Non era sen tempo. Un non pode esquecer a primavera das nacións vivida a comezos dos noventa na Europa do Leste e as saídas de tono dun nacionalismo que vinculaba inseparablemente o exercicio do dereito á autodeterminación á emancipación social e que vituperaba ós nacionalismos antisoviéticos por contribuir á destrucción daquel mal chamado “socialismo”. Mesmo sendo partidarios a ultranza do principio da autoorganización política, chegabase a satanizar ó Sr Brazauskas, líder lituano, por romper amarras con Moscova dende o nacionalismo e a esquerda moderada. Os do Leste, todos metidos nun saco, eran nacionalismos de dereita e reaccionarios sen matices. O recoñecemento constitucional do dereito á autodeterminación non estaba pensado para ser exercido. Certo que aínda hoxe sectores importantes do nacionalismo galego simpatizan máis coa Serbia de Milosevic que con Eslovenia, Bosnia ou cos albaneses do Kosovo, pero o posicionamento político do nacionalismo galego estase a modificar ostensiblemente. Aquí, como entón no Leste, a construcción da nación pasa a primeiro plano. Para a emancipación social borraronse os camiños trazados e haberá que reinventalos.

Asi que agora, ese mesmo nacionalismo galego que cultivaba a ortodoxia na súa visión do internacional, coquetea sen ambigüedades coa dereita nacionalista que no Estado é partidaria de Maastricht e abandeirada do neoliberalismo. ¿Responde esta oscilación tan abrupta a unha estratexia ou, como afirman algúns, todo é marketing, cuestión de imaxe e simple electoralismo? ¿Outravolta Galeuzka, o celtismo, etc ou deriva cara un hipotético centrismo interclasista? Haberá, sen dúbida, un pouco de todo. Os retratos con certos líderes transmiten unha clara idea de que, alén das nosas fronteiras, o nacionalismo galego é tomado máis en serio, representa unha opción de poder. Galicia pesa máis. Por outra banda, resulta obvio que conseguir representación en Europa é unha cuestión de importancia capital (aínda que a fórmula concreta anunciase moi debatida). Admitindo os desencontros, a posibilidade de configurar interseccións políticas nacionalistas plurais para impulsar unha gran alianza orientada á reformulación do Estado é unha cuestión sumamente atractiva e de envergadura histórica.

Estamos pois ante toda unha excelente oportunidade para establecer os eixes dunha acción exterior non demagóxica, pragmática, volcada para a defensa dos intereses estratéxicos de Galicia. Cómpre saudar esta capacidade de reorientación e felicitar a tanta militancia “crítica” que, segundo parece, asume sen estupefacción, con naturalidade e realismo, unha visita tan difícil como a de Beiras e Atutxa non soamente ó Museo Guggenheim senón ó cuartel desa mesma Ertzanza que hai uns días mallaba nun taxista sen contemplacións. Duro de pelar.

O éxito e rigor da acción exterior do nacionalismo galego vaise medir finalmente pola capacidade de iniciativa, de visión de futuro, de proxección interna (¿para cando unha comisión de acción exterior no Parlamento de Galicia?), de saber impregnar e transmitir ó seu corpo social e organizativo (sindical, labrego, estudiantil, etc) as prioridades dos novos tempos sen abrir fendas evitables, da madurez necesaria, en fin, para trasladar esa naturalidade do diálogo co exterior ó establecemento de alianzas estratéxicas no interior.