Haberá que agardar a comprobar que feitos acompañan as palabras de Brown para saber que quixo dicir realmente o inquilino do 10 de Downing Street. | |
A pasada semana, o primeiro ministro británico presentou as liñas mestras do que será a nova política exterior británica. Nova? Certamente, Brown coidouse de amosar as súas diferencias con Blair, pero moi matizadamente. Para o líder laborista, o mundo atópase nun tempo de transición no que priman seis grandes forzas globais: ademais do inescusable terrorismo, o escocés tamén salientou a importancia do impacto do cambio climático, os Estados fráxiles, a pugna polo acceso ao control de bens e servizos, a libre circulación de persoas e enfermidades, e as redes, que simboliza Internet.
O diario de The Guardian salientou as coincidencias con Blair: dunha banda, ambos consideran insuficiente o multilateralismo para respostar aos desafíos do mundo contemporáneo; doutra, o Reino Unido non debe nunca verse forzado a elixir entre Europa e Estados Unidos. O Daily Telegraph, pola súa banda, louvou o pragmatismo de Brown fronte ao mesianismo de Blair, empeñado, coma Bush, nunha cruzada moral para estabilizar o mundo abaneado polo 11S e con resultados non menos tráxicos.
Non obstante, entrando a matizar, semella que Brown confía máis no establecemento dunha ampla rede de alianzas ca no cultivo da tradicional relación especial que liga a Londres e Washington. O "internacionalismo realista" promovido por Brown aposta por reforzar o mecanismo de Nacións Unidas e por alargar o propio Consello de Seguridade con países como India, Xapón, Brasil ou Alemaña.
Para moitos, o discurso de Brown achega poucas ideas novas e deixa entrever un tímido desexo de explorar unha especie de terceira vía nas relacións internacionais da potencia británica, un empeño a estas alturas desconcertante pois corre o risco de non satisfacer a ninguén, especialmente ao resto dos europeos e, por descontado, aos propios estadounidenses. En resumidas contas, haberá que agardar a comprobar que feitos acompañan as palabras de Brown para saber que quixo dicir realmente o inquilino do 10 de Downing Street.