O 11 de Setembro está a permitirlle á Administración estadounidense a conformación dun mundo á súa medida cun nivel de contestación tan mínimo que sería impensable en vésperas daquela data dramática. O reforzamento da hexemonía USA no planeta é unha das características esenciais desta nova etapa que se abre ante os nosos ollos.É unha hexemonía militar esencialmente, quere ser ideolóxica, económicamente moi minorizada e unha misión imposible dende o punto de vista moral.
O poder bélico de Estados Unidos é incontestable, a súa capacidade tecnolóxica é producto dun nivel de gasto militar que ascende ao 40 por cento de canto adican a este fin todas as nacións do mundo xuntas. E segue en aumento. Washington é consciente desa abrumadora supremacía e cada día que pasa interioriza unha conducta que pasa a ser norma de comportamento: é posible a substitución da diplomacia polo Pentágono para acadar obxectivos políticos. Os demais países están totalmente impresionados e paralizados: máis de sesenta estados están proporcionando información de intelixencia á Casa Branca a cambio de nada, algo que nunca acontecería en circunstancias normais. Estados Unidos non discute os seus plans con ninguén. A súa coalición internacional é unha falacia.
A loita contra ese terrorismo que todos condenamos é a coartada perfecta para materializa esta estratexia. Non deixa de ser paradoxal, habida conta das implicacións estadounidense no afianzamento do terrorismo en moitas partes do mundo, caso mesmo dos propios talibáns, pero tamén no desenvolvemento de accións ilegais contra Estados soberanos como Cuba, Iraq, etc. Cunha visión ademais sempre sesgada e parcial: terroristas son as FARC e o ELN en Colombia pero non as forzas paramilitares da AUC, claro. A definición de terrorismo preferida de Bush é dificilmente contestable: terrorista é todo home, organización ou empresa que nós digamos que o é. E nada máis que discutir, porque entón aplican o artigo segundo: quen non está comigo está contra min. É o patriotismo universal antiterrorista, facil de nutrir con persoeiros como Ben Laden ou Sadam Hussein, ou tan pintorescos como Kim Jong Il, persoas cunhas capacidades maléficas (outra vez o imperio do mal) probablemente mais infladas que reais porque así interesa agora. Como interesa que Ben Laden, ou o mulá Omar, etc, anden soltos ou aparezan quizais oportunamente para opacar escándalos non desexados (Enron) ou remontar expectativas electorais adversas. A iso pode chegar a reducirse o nobre exercicio da política.
Pero non soamente se trata de impor unha definición, tamén de situar o problema como preocupación máxima universal, tocando a rebato as nosas múltiples cadenas e medios de comunicación, símbolos desa liberdade de expresión que fai taboa rasa doutros problemas, non precisamente menores, como a fame, a pobreza, as desigualdades, tantos e tantos que están no cerne do fundamento de tanta violencia desesperada. Pero a visión que se impón é a que interesa: o problema do terrorismo é un problema de seguridade. E iso significa un novo empurrón ao gasto en defensa. ¿Dámonos conta? Para reactivar a economía e estimular o consumo e o emprego, en Estados Unidos precisan investir mais na industria da guerra e da morte… para defender a xustiza e a liberdade infinitas…. Ese é o mundo de Bush.