20080726 londres barack obama

O mundo de Obama

 Barack Obama; clic para aumentar
O ton das declaracións realizadas por Barack Obama na súa xira por diferentes puntos da xeografía política global que preocupa a EEUU, salienta importantes matices que veñen a moderar as expectativas dun cambio de paradigma na política estadounidense. (Barack Obama durante a súa visita a Londres o 26 de xullo de 2008).
 

O ton das declaracións realizadas por Barack Obama na súa xira por diferentes puntos da xeografía política global que preocupa a EEUU, salienta importantes matices que veñen a moderar as expectativas dun cambio de paradigma na política estadounidense. Ninguén se fixera grandes ilusións ao respecto, pero cabe significar que todos os xestos se orientan a calmar a un hipotético electorado conservador e moi medoso de mudanzas en asuntos críticos da política internacional. En suma, Obama é, de certo, presidenciable, e o apego a tics clásicos do comportamento exterior da hiperpotencia é considerado un signo de madureza.

As posturas dos principais candidatos en relación a Iraq seguen distanciadas, pero semella que cada día menos e non existe certeza algunha de que a retirada militar norteamericana de Iraq, cualificada de "imprudente" por McCain, chegue a ser asumida plenamente por Obama, con quen si coincide nas críticas ás maneiras en que a administración Bush xestionou esta guerra. Formalmente, os demócratas apostan por manter unha forza residual na zona e potenciar a diplomacia multilateral para facilitar a reconciliación interna, pero é pouco probable que faga regresar a un gran número de tropas, ante as advertencias de que un baleiro de poder podería desencadear un conflito rexional por mor do incremento da influencia en Bagdad de potencias veciñas como Irán.

O diagnóstico de Obama centra a súa mirada en Afganistán, un estado fracasado pese ao notable apoio recibido da OTAN, a máis poderosa maquinaria militar do mundo, e a onde deberían desprazarse as tropas norteamericanas, segundo di, para evitar que se transforme no que está sendo, un refuxio para as bandas terroristas.

Na alianza con Xapón ou Europa, no apoio incondicional a Israel ou na estratexia para Oriente Medio, apenas hai matices entre os dous candidatos, que centran as súas diferencias en canto á política en Iraq, que McCain sigue considerando unha "obriga moral".

As manifestacións de Obama son indicadores da estabilidade que os diferentes lobbies infunden na política exterior estadounidense, pero tamén das enormes e insalvables limitacións de calquera candidato á hora de propugnar cambios reais que impliquen unha opción diferente, xenuína e auténtica. Poderá ser o presidente con maior poder en todo o mundo, pero non terá tanto como para mudar doadamente a política do seu propio país. Son máis os que mandan. E ata poida que manden máis ca el.