20050718 110ria de vigo vista desde o castro

O novo goberno e os retos do desafío exterior

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia ARQUIVO
Idiomas Galego
Ría de Vigo, clic para aumentar
Urxe acreditar na necesidade de promover un maior impulso exterior que sitúe a Galicia no tempo e no mundo presente, tirando proveito das nosas singularidades e vantaxes comparativas, optimizando as nosas posibilidades de promoción exterior e alentando estratexias coordinadas e complementarias en todos os eidos, tanto no temático como no xeográfico, de xeito que a internacionalización e a universalización de Galicia se configure como un dos eixes centrais e característicos desta nova etapa. (Foto: Vista da Ría de Vigo, coa Ponte de Rande ao fondo, desde o mirador do Castelo de San Sebastián no Monte do Castro, en Vigo. ©Fernando Pol 18/07/2005).
 

Ante o novo tempo político que se abre en Galicia, o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), en coherencia con anteriores comparecencias públicas e reincidindo na tradicional reivindicación dun maior compromiso exterior da nosa sociedade e dos nosos poderes públicos a todos os niveis, considera de interese formular as seguintes observacións:

1. Urxe acreditar na necesidade de promover un maior impulso exterior que sitúe a Galicia no tempo e no mundo presente, tirando proveito das nosas singularidades e vantaxes comparativas, optimizando as nosas posibilidades de promoción exterior e alentando estratexias coordinadas e complementarias en todos os eidos, tanto no temático como no xeográfico, de xeito que a internacionalización e a universalización de Galicia se configure como un dos eixes centrais e característicos desta nova etapa.

2. Ese impulso exterior debe ser o fío condutor común de diferentes manifestacións do actuar público, ben sexa na orde económica, institucional, social, ou cultural, que deben gañar en cohesión e integridade. Pero tamén debe impregnar a estrutura do propio goberno, fortalecendo os eidos e as capacidades dos ámbitos de decisión relacionados coa promoción e o compromiso exterior de Galicia. Igualmente, en sede lexislativa, debería contar con espazos propios e xenuínos, de debate e reflexión, para garantir a súa intensificación e un adecuado control democrático.

3. Pola súa importancia e transcendencia, consideramos de especial valor a reivindicación dun amplo consenso nesta materia, que debe discorrer non soamente no ámbito do estritamente político e partidario, senón moi singularmente favorecendo a implicación da cidadanía e da sociedade civil organizada, nun esforzo global que garanta a asunción colectiva do compromiso cunha Galicia virada cara o mundo, unha orientación que consideramos esencial para garantir en mellor e maior medida o noso futuro de progreso e de benestar.

4. Invitamos aos líderes e representantes políticos e aos actores máis dinámicos da sociedade galega a secundar esta proposta e a implementar aquelas medidas e iniciativas que contribúan a que o exterior gañe un espazo singular e propio na acción gobernamental nesta lexislatura que agora comeza.

Baiona, 2 de agosto de 2005.