ucraina

O novo mandato de Putin será de máis guerra

O 7 de maio V. Putin celebrou no Kremlin por quinta vez a súa investidura como presidente. Malia estar avisado que os resultados da votación non serían recoñecidos debido á inclusión das rexións anexionadas de Ucraína e de ter recibido escasas felicitacións do estranxeiro, o dono do Kremlin estaba contento de ter o permiso formal para gobernar ata 2030 un dos países máis grandes do mundo. Coa aprobación, voluntaria ou por resignación, que lle daba a maioría dos seus súbditos para continuar a súa traxectoria imperialista de recuperación da "grandeza da Nai Patria", impoñéndose á "contorna inimiga", que supostamente non tiña outro obxectivo que destruíla a calquera prezo.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Europa Rusia
Palabras chave Guerras Putin Ucraína

Cada período presidencial de Putin contou con algunha acción militar para fortalecer o seu poder no mundo e cada vez a gravidade destas ía en aumento. Entra no seu quinto mandato en medio da súa “operación militar especial” en Ucraína, unha operación que ten moitos trazos da Primeira e Segunda guerras mundiais e os esforzos internacionais por evitar maior implicación no rexeitamento desta aposta rusa pola dominación mundial fan pensar que o mundo se atopa na antesala da Terceira guerra mundial.

Apertura dunha nova fronte: repetición sen sorpresas

A primeira acción do presidente ruso “renovado” foi mostrar a súa decisión e capacidade de seguir impoñéndose militarmente contra Occidente en Ucraína. Como para demostrar que non desistiu da súa intención orixinal, fíxoo da mesma maneira en que comezou a grande invasión: en 2022 foi ao día seguinte da celebración do Día do Valedor da Patria (23-2), agora, ao día seguinte do Día da Victoria (sobre a Alemaña nazi) (9-5). O 10 de maio, as tropas rusas violaron a fronteira ucraína no norte e lanzaron unha ofensiva sobre Járkiv. En cinco días foron tomadas cinco poboacións, ocupados 150 kilómetros cadrados e logo a fronte da ofensiva ampliouse rapidamente de 30 a 70 kilómetros e alcanzou unha profundidade de 10 kilómetros nalgúns lugares. Járkiv, a segunda cidade máis grande de Ucraína, volveu sufrir fortes bombardeos con numerosas baixas entre civís.

Unha semana máis tarde V. Putin anunció que non tiña intención de conquistar Járkiv e a intensificación da ofensiva rusa debíase á necesidade de protexer as rexións rusas dos bombardeos. Con este argumento, moi parecido á simulación nazi de guerra preventiva, o Kremlin pretende explicar a ampliación da súa invasión en Ucraína coa suposta necesidade de crear un “cordón sanitario” no seu territorio para protexer o país agresor da súa vítima. No terceiro ano da gran invasión nada pode ocultar o verdadeiro obxectivo: demostrar ao mundo enteiro e, sobre todo a Occidente, que está disposto (nas súas palabras, “obrigado”) a utilizar a forza militar ata os límites extremos, é dicir, sen deterse ante o uso de armas nucleares, para obter unha posición dominante na parte do mundo que cree que lle debe pertencer. E mentres Ucraína non acepte renderse e converterse nunha segunda Bielarús baixo a ala do Kremlin, seguirá a destruíla implacablemente.

Aproveitando a ineficacia da comunidade internacional

A guerra de agresión e os crimes de guerra cometidos durante ela foron condenados e sancionados maioritariamente pola comunidade internacional a diferentes niveis, sen que isto detivese ao dono de Kremlin, porque os numerosos votos en contra perden a súa forza ante algúns membros que teñen moito peso para disputar a hexemonía no mundo. Non só polo dereito de veto no Consello de Seguridade de Nacións Unidas, a posición da República Popular China é máis que relevante ao nivel global e foi o primeiro destino internacional de Putin despois da investidura, onde chegou acompañado varios viceprimeiros ministros, primeiras persoas de ministerios (incluído o da defensa), institucións financeiras, etc. O obxectivo da reunión e dos documentos asinados era mostrar ao mundo que Rusia e China están xuntos e seguirán desenvolvendo a súa sinerxia na construción dun “mundo multipolar, que aposte pola resolución de conflitos sen imposición de axendas imperiais” coma se ningún deles non tivera ambicións imperiais.

Malia a súa pretendida equidistancia posuída desde o comezo do conflito para non aumentar as súas friccións coa Unión Europea e Estados Unidos, China en realidade apoiou implicitamente a Rusia, polo menos aceptando os falsos argumentos rusos. Durante esta visita, Pequín mostrou con máis claridade que a súa “comprensión” está do lado do agresor. En declaracións conxuntas China corroborou a tese rusa de que o recente recrudecemento do conflito ucraíno (a feroz ofensiva contra Khárkiv) debíase “ás provocadoras declaracións dos líderes occidentais” e oficialmente deu apoio ás accións de Rusia “para defender a súa soberanía e integridade territorial”, opoñéndose xunto cos rusos “á inxerencia exterior nos seus asuntos”. Para China, os países postsoviéticos son estados cunha soberanía limitada, por tanto, toda agresión contra eles é un asunto interno de Rusia e a anexión dos seus territorios é “defensa da soberanía rusa e a súa integridade territorial”. É inxenuo dubidar de que lado está o xigante asiático.

O presidente Zelenskyi non está á altura do rol de Comandante en Xefe supremo

V. Zelenskyi logrou chegar ao poder en 2019 co seu equipo, a que lle puxo o nome de Dream Team (Equipo de soño) e do cal ninguén participara na política anteriormente, porque prometeu cambiar a vida do estado ucraíno e terminar por medios pacíficos a guerra, entón híbrida: “hai que deixar de disparar”, “hai que terminar a guerra na cabeza”. Podería entenderse como unha opción idealista e inxenua a negación de prepararse para repeler a invasión rusa a pesar dos avisos que chegaban de todas partes e a aberta concentración de tropas rusas arredor de Ucraína. Ante tanto pacifismo a veces o agresor arrepéntese e renuncia aos seus plans de agresión (probablemente pódense atopar casos así na historia, pero ningún na historia de Rusia).

Resulta inexplicable, para non dicir imperdoable, o feito de non se ter preparado para rexeitar a actual ofensiva rusa na provincia de Khárkiv, aínda que había advertencias por parte da intelixencia militar ucraína e británica, V. Zelenskyi mesmo se queixaba meses antes que os rusos ían a lanzar unha gran ofensiva en primavera e “nosoutros non estamos preparados para isto”. Os rusos, no territorio ocupado, en poucos meses edificaron varias liñas de defensa que frustraron a contraofensiva ucraína, e os ucraínos, tendo vivido o desastre da primeira ola de invasión en 2022, baixo o mando de V. Zelenskyi non lograron fortificar a súa fronteira durante dous anos. En vez de subordinar toda a vida do estado ás necesidades da defensa, V. Zelenskyi concentrou toda a toma de decisións na súa Oficina do Presidente, sen ter a capacidade de dirixir eficazmente a área militar, a máis importante neste momento. Debido a isto, os fondos para fortificacións asignáronse con demasiado atraso, comezaron a utilizarse tamén tarde, e os famosos “dentes de dragón” (defensas antitanques como nas liñas de defensa rusas) quedaron tirados como lixo sen ordenarse en liñas de defensa. Polo tanto, os militares rusos entraron no territorio ucraíno “a pé”, como contan os combatentes ucraínos, porque non existía nin unha primeira nin unha segunda liña de defensa.

Trátase do grao de involucramento noratlántico

Malia a mala xestión da comandancia suprema, as forzas armadas ucraínas conseguiron deter o avance do inimigo, causándolle baixas impresionantes. É evidente que, por moitas razóns, máis que nada pola súa alta motivación e o decidido apoio da poboación que tomou a consciencia de que é a existencia mesma de Ucraína como nación a que está en perigo, as forzas armadas teñen a capacidade e a decisión de defender o país. Os avances do inimigo, tanto fai dous anos como agora, débense á súa única vantaxe, a cuantitativa, así como á desorganización da defensa resultado da mala xestión do “equipo” de Zelenskyi.

O “equipo de soños” nunca tivo un plan real para o desenvolvemento do estado nacional, nin ten agora un plan de como defendelo, pero si que non o quere perder e aposta por conseguir suficiente axuda de Occidente para facer parar a Putin. Se Ucraína perde ou se entrega a Rusia, xurdiría unha ameaza tanxible para os países da ala Este da OTAN. Para ver se a alianza está disposta a darlle unha resposta adecuada, Rusia fixo bastantes provocacións, violando o espazo aéreo deses países, agora cambiando unilateralmente a fronteira marítima cos seus veciños no Báltico.

A moderación de Occidente á hora de proporcionar axuda a Ucraína débese ao seu temor a provocar unha nova escalada e isto non producíu ningún efecto desde o principio, desde 2014. En 2022, Putin alcanzou o último nivel de escalada: lanzou en Ucraína unha guerra aberta contra o Occidente colectivo, chamándoa “operación militar especial” de desmilitarización, burlándose dos que cren que non se atreverá a lanzar unha guerra de verdade. Porén, xa está desatada e intensifícase aínda máis. Só o uso de armas nucleares pode levala máis lonxe. Os políticos “responsables” da contorna de Putin non teñen reticencias para ameazan con bombardear París e Londres.

Despois de asegurarse da comprensión por parte do seu “gran amigo” Xi, Putin visitou ao seu homólogo de Minsk, Łukašenka, co fin de tratar cuestións de seguridade e realización de exercicios conxuntos para practicar o uso de armas nucleares. O pretexto para brandir as armas nucleares na fronteira coa OTAN foron as declaracións de políticos occidentais sobre “a disposición e mesmo a intención de enviar continxentes armados a Ucraína”. Oficialmente, Putin e Łukašenka, ademais da “operación militar” en Ucraína, discutiron “o comportamento dos Estados bálticos e Polonia” cerca da fronteira de Bielorrusia, por tanto, a ameaza de utilizar armas nucleares tamén se aplica aos Estados membros da OTAN.

Mentres Putin avanza seguen as súas ameazas, Occidente vai un par de pasos por detrás nas súas respostas. De cara aos xogos con armas nucleares perto das súas fronteiras, con moita cautela mostrouse propenso a considerar a posibilidade de permitir que Ucraína utilice armas de longo alcance occidentais contra obxectivos militares en Rusia; ata o de agora, Ucraína foi incapaz de contrarrestar os ataques con mísiles lanzados desde o máis profundo do territorio ruso. Pois, a ameaza nuclear desde o territorio de Bielarús quedou sen ningunha resposta.

Ata o de agora, a pertenza á OTAN considérase unha garantía fiable contra as agresións do exterior; nin un só país membro foi atacado durante toda a existencia da alianza. Privada de tal garantía, Ucraína converteuse en vítima dunha agresión de forma preventiva. Se fose membro da OTAN, non tería sido atacada; por outra parte, tendo sido atacada, non se pode adherir á alianza. Como a organización noratlántica como tal non quere nin se pode involucrar nun conflito onde formalmente non é parte, Zelenskyi procedeu a asinar “acordos sobre a seguridade” con países membros individuais sobre “apoio militar, financeiro, político e apoio á produción conxunta de armas” durante os próximos 10 anos. Podería ser unha resposta ás pretensións de Putin de levar unha guerra de esgotamento con duración indefinida. Lamentablemente, non ofrece garantías de seguridade, como sinalou o presidente do Goberno español P. Sánchez, trátase dun “memorando de intencións” que non necesita aprobación por parte do parlamento nin impón obrigas estritas.

O problema é que a administración de Zelenskyi pon as obrigas occidentais diante das propias. Cando o secretario de Estado, A. Blinken, demostrativamente chegou a Kíiv en plena ofensiva rusa para confirmar o envío de axuda norteamericana e recordou que as autoridades ucraínas debían adicarse máis á loita contra a corrupción e promover a mobilización ao exército, o xefe da Oficina do presidente, A. Yermak, quen parece ter concentrado nas súas mans a toma de decisións por todo o estado, deixouno claro en poucas palabras: “Se hai armas, haberá mobilización”.

O Cumio da paz en Suíza que periga non ser

Agora que a fatiga pola incerteza da guerra en Ucraína estase a facer evidente entre os participantes directos e indirectos no conflito, así como no mundo en xeral, a Putin lle resulta apropiado mostrar a súa determinación e capacidade para librar unha guerra prolongada de desgaste, o que é ben típico para as tácticas terroristas cuxo obxecto é desgastar e intimidar ao inimigo. Para presentarse decoroso, o Kremlin declara ocasionalmente o seu desexo de iniciar conversacións de paz, pero enseguida asegura que é Kíiv quen se nega a participar nelas.

O feito é que para Rusia volveuse vital absorber Ucraína ou borrala do mapa. Para Moscova, as conversas de paz só poden consistir nun cesamento temporal das hostilidades e en asegurar para sempre os territorios xa arrebatados. Para Ucraína, a paz só pode ser real a condición da plena restauración da soberanía e a integridade territorial (o que queda ben reflectido nos 10 puntos do Plan de paz promovido por Zelenskyi en 2022), e isto podería terse negociado fai moitos anos ou despois dunha vitoria completa. A oportunidade perdeuse e agora queda xuntar forza para asestar ao agresor un golpe demoledor (ou moitos) que lle fagan desistir.

O grande erro da administración de Zelenskyi é que non quere ver que para o pobo ucraíno isto é unha guerra de liberación nacional pola consolidación do dereito da nación á autodeterminación. Tendo chegado a verse a si mesmo como un gran político e estratega, dedícase a buscar solucións a nivel de xefes de estado, tratando a xogar cos grandes de igual a igual, pero sen lograr moito éxito, porque a enorme traxedia do pobo ucraíno non o fai grande como político e como verdadeiro líder da nación non da a talla.

Sen embargo, segue dando maior prioridade á súa actuación no escenario internacional intentando poñerse no seu centro. Para xuño en Suíza está convocada un Cumio da paz que abordará só tres dos dez puntos do plan de Zelenskyi, os que non son de importancia cardinal para conseguir a paz: a seguridade nuclear e alimentaria, o intercambio de todos os prisioneiros de guerra e o retorno dos nenos ucraínos. A intención é conseguir consenso coa maioría dos países sobre estes temas para arrincoar a Rusia, que estará invitada só á seguinte fase deste Cumio. Loxicamente, o Kremlin usou este feito como argumento para ignorar o evento.

A participación no Cumio da paz foi confirmada por máis de 80 países dos 160 convidados. China contestou que apoiaría a convocatoria a unha conferencia con participación igualitaria de todas as partes; tampouco participarán outros líderes de BRICS: os presidentes de Brasil e Sudáfrica. Arabia Saudí, que no seu momento acolleu un evento similar con participación de China, pero sen Rusia (celebrado como un histórico logro pola Oficina do presidente de Ucraína), agora abstense a participar pola ausencia deses dous países. Non o ve importante o presidente Joe Biden, atopando máis importante reunirse cos patrocinadores da súa campaña electoral.

É dubidoso que os que acudan ao evento sexan xefes de estado, como pasou noutras “Cumios” celebradas por Ucraína. Será outro exemplo da pouca eficiencia de Zelenskyi como político. A causa da paz non se debe deixar en mans dos políticos sós, o protagonismo nela deben telos interesados directos, os pobos. Para isto débense reordenar moitas cousas no mundo, porque a vida de millóns de humanos non pode depender dos que logren organizar os mellores shows durante a súa campaña electoral.