O balance do XVII Congreso do Partido Comunista Chinés (PCCh), pechado o pasado domingo en Pequín, podería resumirse do seguinte xeito: nova fase con vellos equilibrios. Certamente, Hu Jintao, conseguiu a unanimidade dos asistentes para ratificar a política que ven promovendo nos últimos anos, moi visiblemente dende marzo de 2006, arredor da necesidade de imprimir un xiro social á reforma, asegurando unha maior atención aos múltiples focos de conflito que ameazan con desestabilizar o proceso ante a evidencia das clamorosas desigualdades que presenta a sociedade chinesa como consecuencia do elevado ritmo de crecemento das últimas décadas sen que se habilitasen mecanismos correctores dos abismos xerados.
Esa harmonía social que preconiza Hu e que é parte inseparable dese outro desenvolvemento científico que debe atender por igual aos factores ambientais e tecnolóxicos para facer de China non soamente un país rico senón tamén sostible, quedou consagrada na política chinesa. Iso quer dicir que, a partires de agora, os líderes a todos os niveis non deberán privilexiar un crecemento cego, atendendo ao manexo equilibrado de diferentes variables que deben por o acento na salvagarda dos intereses dos individuos, aspecto que pasa a primeiro plano.
Ese enfoque semella que chegou á súa madurez e só falta comprobar que vai acompañado dos feitos. A maiores, o Congreso abriu un novo capítulo de debate de profundo calado e que afecta á hipotética democratización do sistema político chinés e os seus límites. Como é habitual, Hu rexeitou a copia do modelo occidental e convidou a “emancipar a mente” para atopar os camiños de conformación dun socialismo democrático que preserve, ao mesmo tempo, a lideranza do PCCh. A cadratura do circulo? Os chineses din que foron capaces de encaixar o mercado no socialismo, e con iso lograron que socialismo deixara de significar pobreza, atraso, inmobilismo, etc. E agora van demostrar tamén que socialismo non é sinónimo de falta de liberdades. Todo un desafío que vai converter ao PCCh no campo de probas da nova política.
O terceiro aspecto a considerar son os apoios de Hu Jintao para evitar resistencias internas ao novo rumbo. Moitos agardaban que como consecuencia da campaña anticorrupción e da activa política de nomeamentos instrumentada nos últimos tempos, o líder chinés propiciaría un gran cambio no liderado. Pero non foi así. E todo indica que, por vontade propia ou imposición allea, as principais faccións de poder que agroman no PCCh atópanse representantes nun Comité Permanente que non viu reducido o seu número de membros e onde os seus rivais manteñen firmes posicións.
Ante semellante estado de cousas, continuismo e incerteza van condicionar a política chinesa dos próximos anos. Continuísmo porque as vellas figuran manteñen aínda posicións de poder claves, e incerteza porque a sucesión de Hu queda aberta á competencia de dous posibles candidatos, Xi Jinping e Li Keqiang, o cal pode desatar non poucos conflitos no futuro, especialmente agora que a reforma entra nun período delicado e cando as tensións poden derivar en disidencias maiores que eclipsen a unanimidade destes días. Ese pulso tocará dentro dun lustro.