O novo populismo do “Tea Party Movement” Unha “espontaneidade” ben financiada

“Escóitanos, Washington!” – berran os membros do chamado Movemento do Tea Party –  “Imos facer unha segunda revolución!” E o que comezara como un pequeno e desartellado grupo de descontentos con todolos partidos do país, estase convertendo nunha forza que moitos políticos norteamericáns xa están tendo en conta cara as eleccións lexislativas do vindeiro outono.

O movemento do Tea Party, que moitos observadores consideran o primeiro movemento espontáneo de ultradereitas do noso tempo, pódese observar como unha mostra do moito que ten mudado o sentimento “populista” sempre presente na vida dos Estados Unidos, e con moitas variedades: desde o populismo orixinal agrario das postrimerías do século XIX ata o populismo do New Deal do Presidente Roosevelt, que tiña máis ben un cheiriño a esquerdas.  O populismo dos inspiradores do Tea Party non poderían comungar seguramente con ningunha das variedades anteriores.  Coinciden con algunhas en rexeitar o poder do Estado, representado por Washington, mais coidamos que teñen uns alicerces enraigados no máis íntimo do imaxinario dos Estados Unidos.

Ún dos máis importantes voceiros do movemento é Glenn Beck, comentarista do canal televisivo “Fox News Channel”, que propón un chamado “proxecto 9.12”, que fai referencia ao día seguinte aos atentados das Torres Xemelgas. “Queremos que todos maxinen que estamos no día 12 de setembro e que temos que defender doce principios básicos”, entre os que destacan dous: “Eu creo en Deus e en que Él está no centro da miña vida” e “Eu traballo duro polo que teño e vou compartilo con quen me pete; o Estado non me pode obligar a ser caritativo” (quer dicir, que non acepta a fiscalidade estatal).

Ises dous principios están presentes na ideoloxía de moitos norteamericáns, como é o caso de Sarah Palin, ex candidata á Vicepresidencia dos EE.UU. nas derradeiras eleccións presidenciais. Cabe a posibilidade de que Sarah Palin se convirta nunha figura representativa do que propón o movemento do Tea Party, mais a cousa non está moi crara porque o movemento é moito máis radical do que as ideas da ex Gobernadora de Alaska. No fondo, o que está acontecendo nos Estados Unidos é unha nova, e máis radical, eclosión dun sentimento “anti-intelectual”, que fora moi ben estudado, hai xa medio século, por Richard Hofstadter na sua obra Anti-intellectualism in American Life  (e que tamén definiu un novo concepto: o do “estilo paranoico da política nos Estados Unidos”).  Sinalaba Hofstadter que nos Estados Unidos, así como se respecta a figura do “experto”, malia a sua formación intelectual, mírase con sospeita ao “intelectual”, que se move nun terreo esbaradizo de dúbidas e posibilidades e non acepta dogmas sin os someter primeiro á acción corrosiva da crítica.  Como xa se tivera afirmado nun libro que tivo gran suceso nos anos 30 e 40 (Return to Religion, de Henry C. Link), “a razón non é un fin en sí mesma… Hai que pensar para vivir, non vivir para pensar”.

Unha mostra recente dese pensamento anti-intelectual maioritario nos EE.UU. atopámolo nun párrafo dunha novela pubricada en 2009 (Lowboy, de John Wray) no que un personaxe afirma “O que Descartes ensina está moi ben para a vella Europa, mais aquí non calla a manteiga.  Esta nación fundouse nas crencias relixiosas, na fé do carboeiro – do mesmo xeito que a República francesa fundouse no alicerce do escepticismo.  A fé, calquera que sexa o hábito que se lle poña, é a pedra angular da nosa Unión… Non, meu amigo! A Ilustración non é para nós”.

A televisión da Fox, principal medio de comunicación nos EE.UU. do magnate Rupert Murdoch, preséntase como voceiro dese renacemento dun populismo que, partindo dos ataques contra o que representa o goberno do Presidente Obama, abrangue moitos e moi dispares grupos (por exemplo, os “creacionistas” que toman a Biblia literalmente e teñen um “Museu da Creación” en Columbus, Ohio, no que exhiben unha pretendida réplica, a escala, da Arca de Noé).

Nos anos 60 do século pasado, cando a ultradereita estaba representada polo Senador Goldwater e pola John Birch Society, grupos da esquerda demócrata pubricaran un “caderno para colorear” no que no extremo dereito de duas páxinas en blanco, unha figura de home dí: “Vedes ata qué ponto son de dereitas?  Si me movo un pouco máis á dereita, vou cair fora do mundo (que é plano)”.

Podíase facer humor daquela.  Mais agora, por embaixo dos seus aspectos estrambóticos, o populismo do Tea Party Movement está ben respaldado por grandes sumas de diñeiro de empresas importantes.  É un fenómeno que ten sido bautizado en inglés como astroturfing (algo así como sementar herba artificial, en referencia ao concepto de grassroots que define movimentos de base).  As empresas patrocinadoras doan diñeiro a unha serie de pequenos grupos que non teñen ánimo de lucro, de xeito que os seus intereses están defendidos polo que aparentemente é un movemento populista. E o seu poderosísimo voceiro é a Fox.