O artigo realizouse en colaboración con Paula Sabajanes (xornalista e integrante de Galegas na Diáspora). Fai parte do Informe Nós No Mundo 2023-2024 "Conectar a Diáspora á Acción Exterior de Galicia"
Nós no Mundo 2024

O papel das galegas e galegos de Arxentina

A Galicia arxentina ten moito que dicir na nosa identidade. Non podemos fitarnos no espello sen ver os trazos de tantas mulleres e homes que uniron estes dous finisterres no andar dos séculos. Forma parte do tapiz colectivo, desta construción social e histórica que hoxe nos sitúa no mundo dun xeito tan singular. Chegamos aos confíns da terra explorando horizontes, perseguindo soños e convivindo en paz con “outredades” en todas as latitudes do globo. Neses camiños enriquecemos a nosa propia historia. Galicia, tal e como a coñecemos hoxe, non se entende sen o percorrido infatigable das súas xentes. E Arxentina merece un capítulo especial.
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia

A primeira grande onda das migracións galegas tivo lugar a finais do século XIX cando miles cruzaron o océano Atlántico en busca dunha vida mellor. Máis de medio millón de galegos chegaron a Arxentina, cambiando o panorama demográfico do país de orixe e dando lugar a unha comunidade de preto de nove millóns de galegos de segunda ou terceira xeración en Arxentina.

Unidos. Centos de institucións medraron co esforzo común e colectivo en toda a xeografía arxentina. Reunidos maioritariamente pola súa procedencia xeográfica, organizáronse para dar acubillo aos “paisanos” e ser punto de referencia social, cultural e tamén de apoio económico. Hai sociedades de socorros mutuos, recreativas e deportivas desde o norte do país ata a cidade máis ao sur da Patagonia. Moitas delas enfróntanse desde hai décadas á redefinición do seu rol nunha colectividade que vai mudando de realidade, pasando dos primeiros emigrantes ás segundas ou terceiras xeracións que procuran outro exercicio da súa identidade, tamén como arxentinos.

A nosa lingua fálase nas rúas porteñas con orgullo e liberdade desde antes de que Castelao e escribise alí “Sempre en Galiza” e pintase “ A derradeira leición do Mestre”. Hoxe, o Galego medra con forza xunto ao salón que custodia esa obra de arte insigne para o noso pobo no Centro Galicia de Bos Aires. Preto de 500 cativos edúcanse en aulas de cultura, literatura, música e idioma galego no Instituto Santiago Apóstolo, un centro educativo incorporado á ensinanza formal arxentina ao que concorren fillos e netos de emigrantes, pero tamén rapaces doutras orixes.

O papel da emigración galega en Arxentina ten sido crucial na proxección internacional de Galicia. Cada un deles é un embaixador cultural, da lingua, da gastronomía, da música e das tradicións nas pampas A través da súa influencia, a cultura galega é coñecida, valorada, adoptada como propia.

As remesas enviadas a Galicia sostiveron familias e contribuíron ao desenvolvemento económico, especialmente durante a Guerra Civil Española e a ditadura. Esta conexión económica favoreceu logo a creación de empresas e unha cámara empresarial. Políticamente, a influencia galega na sociedade arxentina é clara, con descendentes de emigrantes en cargos destacados, como Adolfo Pérez Esquivel, galardoado co Premio Nobel da Paz en 1980, que defendeu os Dereitos Humanos e a memoria das vítimas de persecución. Ou os numerosos presidentes arxentinos de orixe galega como Raúl Alfonsín.

As Nais da Praza de Maio, moitas de orixe galega, son un símbolo de resistencia e solidariedade. A súa loita pola verdade, a memoria e a xustiza durante os momentos máis difíciles da historia arxentina exemplifica a valentía e determinación da nosa estirpe. Culturalmente, a herdanza galega floreceu en Arxentina grazas a diversas asociacións que fomentan a cultura e a organización comunitaria. Desde a década de 1990, iniciativas como festivais e feiras gastronómicas permiten visibilizar e preservar as nosas tradicións. Figuras como Alfonso Daniel Rodríguez Casteao, Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo, destacados por súa arte e compromiso co legado cultural, deixaron unha forte pegada en Arxentina e redactaron desde “A Galicia Ideal” algunhas das páxinas fundacionais da nosa historia recente.

É preciso considerar a complexidade do pasado e ver que as novas xeracións de galego-arxentinos promoven ideas atendendo aos retos actuais. O colectivo Galegas na Diaspora é un exemplo da militancia feminista en Arxentina, que xurde ao abeiro das mobilizacións a prol da aprobación da Lexislación da Interrupción Legal do Embarazo en 2020. Así, a diáspora galega insiste en traballar para subliñar valores de igualdade e xustiza social. Ademais, a Agrupación García Lorca reivindica o 14 de abril como o Día do Exiliado Republicano Español, mantendo viva a memoria histórica e defendendo os dereitos dos exiliados, un aspecto central na identidade dos galego-arxentinos.

Esta diáspora galega ten deixado unha pegada indeleble na política e na cultura do país. Os galegos, ao establecerse en Arxentina, trouxeron con eles as súas tradicións, a súa lingua e un espírito de resiliencia que forma parte da identidade nacional arxentina actual.

Estas dinámicas de cambio son críticas para a reconstrución da identidade colectiva galego-arxentina. A colaboración entre diferentes colectivos e forzas sociais é vital para construír un proxecto común que enriqueza a vida cívica e cultural permitindo que as voces de todas as persoas, independentemente da súa orixe, sexan escoitadas. A defensa dos dereitos das mulleres e a reivindicación da memoria histórica son elementos que, ao entrelazarse, contribúen á creación de sociedades máis xustas e igualitarias.

A preservación da cultura galega entre as novas xeracións que nacen en Arxentina é un desafío. Tanto como a do significativo número de emigrantes que retornaron desde Arxentina a Galicia, e que abordan a súa nova vida cunha “morriña” “en espello”, agora do país que deixaron atrás. Movidos pola situación política e económica arxentina, atopan alén mar un lugar que, a pesar de ser a súa terra de orixe, tamén é un espazo onde reafirmar a súa identidade poliédrica. Os retornados, que experimentan un complexo proceso de adaptación e reintegración, reclaman o pleno dereito de ser considerados galegos “de primeira”. Son parte integral dunha diáspora que comparte unha historia común de loita e resiliencia. Este sentimento de pertenza e a reivindicación da identidade galego-arxentina son fundamentais para que os retornados poidan reconectar coas súas raíces ao tempo que buscan contribuir á sociedade galega e preservar un legado cultural.

Estamos rotundamente convencidos de que a identidade galega latexa cun acento propio no país austral. Na lembranza inmorredoira das xentes que preservaron con dignidade o nome das súas aldeas no máis destacado das súas tendas, bares, empresas e tamén no exercicio dos plenos dereitos que temos como parte activa dunha sociedade á que pertencemos legal e espiritualmente.

O artigo fai parte do Informe Nós No Mundo 2023-2024 “Conectar a Diáspora á Acción Exterior de Galicia”