Os resultados definitivos das lexislativas rusas confirman o importante resultado da forza gobernamental Vredme (Unidade), capaz de transformar en votos as bombas arroxadas sobre Chechenia. Mais o resultado acadado polo novo experimento do Kremlin no sistema de circunscrición foi moi inferior ao que tiña logrado no de listas. O PCFR seguirá a ser o grupo parlamentar máis numeroso, seguido de Unidade, a alianza Patria-Toda Rusia, a Unidade de Forzas de Dereita, Iabloko e o bloque Xirinovski.
Entre os 122 deputados independentes elixidos por circunscrición, hai de todo, dende personalidades próximas ao PCFR ata moitos dos que amasaron fortunas multimillonarias á sombra da administración presidencial.
Dez escanos quedaron sen asignar á espera dos resultados en nove circunscricións nas que terá que repetirse a votación. A composición por grupos quedou do seguinte xeito:Partido Comunista da Federación Rusa , 113 deputados (24,29%); Vredme, 72 (23,24%); Patria-Toda Rusia 66 (13,12%); Unión de Forzas de Dereita 29 (8,60%), Iabloko 21 (5,98%) e Partido Liberal, 17 (6,40%).
Os restantes 122 foron elixidos por circunscrición maioritaria baixo o rotulo de independentes. Entre eles figuran moitos dos persoeiros da política rusa que non deron acadado un posto polo sistema de listas ao non superar o 5% ou ben preferiron optar por esta modalidade ante a seguridade de resultar elixidos pola circunscrición na que concorrían. Entre os deputados independentes figuran personalidades próximas ao PCFR así como outras con vencellos no Kremlin entre as que compre sinalar aos multimillonarios Berezovski e Avramovic que concorreron por un acta de deputado que no futuro pode prestarlle boa protección.
O PCFR foi tamén o partido que máis escanos acadou polo sistema maioritario, cun total de 46. A segunda forza foi Patria-Toda Rusia con 30 escanos, xa que polo sistema uninominal concorrían moitos dos dirixentes das Repúblicas que son parte fundamental da alianza. Vredme, a relativa triunfadora no sistema de listas acadou só 8 escanos no escrutinio uninominal; cinco a Unión de Forzas de Dereita e 4 Iabloko.
A composición da nova Duma é favorable ao Kremlin, mais de ningún xeito se trata dunha maioría estable senón que quedaría lonxe dos 200 deputados (72 de Vredme, 29 da Unión de Forzas da Dereita e 17 de Xirinovski, máis os independentes). A guerra de Chechenia, vai decidir o futuro desta amalgama. A aniquilación da resistencia é a súa mellor perspectiva, pola contra un estancamento do conflicto sería unha ameaza para as súas posibilidades de cara as presidenciais.
O futuro da alianza Patria-Toda Rusia é incerto. A derrota pode representar a disgregación da mesma xa que estaba baseada nunha suma de intereses particulares e en ter concentrado as iras da "Familia". Moitos dos seus deputados escollerán, á máis mínima insinuación, o camiño do Kremlin.
Con Putin como favorito, Primakov descartado e Ziuganov limitado, as cousas semellan claras cara as presidenciais. Mais seis meses é moito tempo na inestable política rusa.