20051014nalchik asalto tropas rusas

O pesadelo caucásico

Apartados xeográficos Rusia ARQUIVO
Idiomas Galego
 Asalto tropas rusas en Nalchik, clic para aumentar
Semella claro que a rápida reacción do presidente ruso Vladímir Putin se encamiñaba a evitar unha repetición do ocorrido en Beslán. A súa orde de "disparar a matar" é tamén característica e revela a súa determinación de "solucionar" e "pacificar" o Cáucaso por canais militares e non políticos. Rusia non ten interlocutor lexítimo e moderado en Chechenia, dende que asasinaron a Aslán Masjadov, ex presidente e líder dos independentistas, e sabe que o seu inimigo é moito mais radical, e está apoiado dende o exterior. (Foto: Tropas especiais rusas asaltan un edificio en Nalchik o 14 de outubro de 2005).
 

Dicía Aleksader Pushkin, o poeta nacional ruso do século XIX, que os pobos do Cáucaso "eran bárbaros e feros, como dagas que saían dos seus ollos". O afamado escritor León Tolstoi reflectiu nas súas novelas a perigosa xeografía e o agreste carácter dos caucásicos, así como as interminables guerras dunha Rusia que tardou tres séculos en dominar a rexión.

Hoxe, Moscova camiña cara outra interminable guerra de ampla intensidade no Cáucaso-Norte. O masivo ataque, presuntamente atribuído a insurxentes chechenos, na cidade de Nalchik, capital da rexión autónoma rusa de Kabardino-Balkaria, revela que o conflito ruso-checheno xa non se limita internamente ás fronteiras da ex república caucásica, senón que ten repercusións nas rexións veciñas, especialmente Daguestán, Osetia do Norte e Kabardino-Balkaria. A expansión pode xa non ser soamente a consecuencia da acción dos insurxentes chechenos, senón de grupos afíns nas outras repúblicas, determinadas a librar unha guerra prolongada con Moscova.

O ataque ocorre un ano despois da traxedia na escola Nº 1 de Beslán, onde houbo mais de 300 mortos, a metade nenos, evidenciando unha traxedia que xa transcende fronteiras. Salvo os continuos atentados terroristas, o conflito checheno semellaba calmado dende a feroz ofensiva rusa en Grozny no 2002. No asalto en Nalchik, onde 100 rebeldes atacaron instalacións policiais e institucións do goberno ruso, tomando incluso reféns, existen diverxencias en canto ao número de vítimas mortais, xa que tanto as autoridades rusas como as fontes de información dos rebeldes chechenos intentan minimizar as baixas.

Pero as axencias internacionais informan de mais de 70 mortos, mentres as imaxes amosan que a cantidade de corpos espallados polas rúas de Nalchik, evidencian unha batalla de gran envergadura. A última hora, as fontes militares rusas informaron do abatemento dos rebeldes e a liberación dos reféns.

Nesta oportunidade, semella claro que a rápida reacción do presidente ruso Vladímir Putin se encamiñaba a evitar unha repetición do ocorrido en Beslán. A súa orde de "disparar a matar" é tamén característica e revela a súa determinación de "solucionar" e "pacificar" o Cáucaso por canais militares e non políticos. Rusia non ten interlocutor lexítimo e moderado en Chechenia, dende que asasinaron a Aslán Masjadov, ex presidente e líder dos independentistas, e sabe que o seu inimigo é moito mais radical, e está apoiado dende o exterior.

Pola súa banda, os rebeldes chechenos están atopando na "jihad" internacional e no "salafismo" dos grupos mais extremistas, a vitalidade necesaria para continuar a súa loita. Non se coñece con exactitude se os insurxentes chechenos se atopan divididos, pero a rama mais extremista, vencellada ou non a Al Qaeda, é a mais visible. Neste apartado, os "jihadistas" chechenos teñen a un novo líder, Abdul-Jalid Saludayev, dende marzo pasado. E Shamil Basáyev segue a ser unha das referencias para estes grupos. Polo tanto, a "rama árabe" con experiencia en Afganistán, non deixa de ser un referente no liderado dos "jihadistas" chechenos.

O ataque de Nalchik, coma o de Beslán, revela tamén que Rusia non só se enfronta a un problema político en Chechenia, senón a unha guerra relixiosa no Cáucaso-Norte. A expansión da guerrilla chechena nas repúblicas rusas veciñas, onde o islamismo, a pobreza e o desemprego é abundante, atopa a Moscova nunha conxuntura onde Putin intenta gañar o apoio dos países occidentais para descifrar o problema do Cáucaso baixo os parámetros da "guerra contra o terrorismo". Ou, polo menos, para que Occidente non critique a súa política nesa rexión.

Pero o Cáucaso é desas rexións corrosivas, cunha explosiva mestura de intereses relixiosos, políticos e enerxéticos. Nese panorama, o complicado mosaico de pobos e etnias que buscan a súa identidade e autodeterminación, se espetan cara os desexos de Moscova de manter a súa integridade estatal, evitando perder influencia xeopolítica. Pero esta política estalle saíndo sanguenta e custosa.