O “plan árabe” de Obama

Ante a expectación global por coñecer oficialmente a posición de Washington sobre o que actualmente acontece no mundo árabe, o presidente estadounidense Barack Obama lanzou esta semana unha ampla iniciativa en Oriente Próximo, con principal énfase en apoiar os cambios políticos democráticos na rexión e impulsar a inédita aceptación dun Estado palestino con base nas fronteiras de 1967.

Esta proposta de Obama, que estipula a defensa das demandas palestinas por recoñecer as súas fronteiras territoriais con Israel anteriores á guerra de 1967 (e que levou á ocupación militar israelí de Gaza e Cisxordania) coincide un día antes da visita a Washington do primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu, prevista para o venres 20.

Esta visita foi concibida dende Tel Aviv como un paso diplomático clave para certificar o rexeite israelí ao plan de Obama de marcar as fronteiras de 1967 como base de negociación, así como para condenar o recente pacto político gobernamental entre as formacións palestinas Al Fatah e Hamas, coa atención marcada de cara á posible proclamación unilateral da independencia palestina prevista para setembro próximo.

Un “Plan Marsall” para o mundo árabe?

Alén do complexo xadrez diplomático entre palestinos e israelís, a clave real do discurso de Obama é tentar marcar a pauta dos acontecementos que actualmente ocorren no mundo árabe, coa finalidade de que Washington recupera o seu rol decisivo e protagónico. Por iso, aceptar as demandas palestinas supoñen un duro golpe a Netanyahu que, potencialmente, pode tamén certificar o rexeite da administración de Obama ante a progresiva política de ampliación de asentamentos xudeus en Cisxordania levado a cabo recentemente polo primeiro ministro israelí.

Esta necesidade de Obama para avanzar no propósito de que EUA retome o seu papel clave en Oriente Próximo pasa, obviamente, por asentar unha posición definida ante os cambios políticos na rexión. Apoiar os cambios democráticos supón unha mensaxe enfocada a potenciar novos actores políticos, principalmente laicos, e evitar unha posible preponderancia de partidos islamitas radicais, un escenario pouco probable a curto prazo, tomando en conta a evolución dos acontecementos.

Estes apoios se amplían no eido económico, a través de axudas financeiras para estabilizar politicamente as transicións, principalmente en Tunisia e Exipto, e a apertura de mercados e investimentos cara o mundo árabe. Velaí os paralelismos lanzados por Obama no seu discurso co célebre Plan Marshall de 1947 de reconstrución post-bélica en Europa, nos orixes da confrontación bipolar da “guerra fría”.

Paralelamente, Obama aproveita a actual conxuntura para “vender” con eficacia o golpe contra Al Qaeda trala morte do seu líder Osama Ben Laden, non só como un triunfo en materia de seguridade senón no apartado político, como evidente medida de persuasión simbólica para os movementos islamitas radicais en Oriente Próximo. En todo caso, a aposta de Washington semella orientada en colocar a movementos islamitas como o partido gobernante en Turquía, o AKP, e a Irmandade Musulmá en Exipto, como modelos políticos de conxunción dun islamismo moderado con credencias democráticas, unha referencia que pode ser simbolicamente enviada ao partido islamita palestino Hamas.

Noutros ámbitos, o discurso de Obama condenou a represión en Siria, anunciando sancións contra este país ao mesmo tempo que enviaba unha mensaxe ao seu presidente Bashar al Asad para que impulse reformas democráticas "ou se marche”. Igualmente, Obama anunciou a condonación de US$ 1.000 millóns da débeda exipcia con Washington, un paso en clara consonancia por aceptar a aínda incerta transición exipcia post-Mubarak.

Máis guerra contra Gadafi

Cómpre igualmente observar a escasa relevancia da guerra en Libia no discurso de Obama, nun momento en que a OTAN acelera os seus ataques militares para derribar ao réxime de Muammar al Gadafi (incluso coa pretensión de eliminalo fisicamente) mentres a diplomacia occidental tenta lexitimar internacionalmente aos rebeldes libios, agrupados en torno ao Consello Libio de Transición, como a autoridade política lexítima nese país.

De forma leve, Obama xustificou a intervención armada en Libia nun momento en que Occidente acelera a maquinaria bélica contra Gadafi ante a indefinición do curso da guerra e a aparente inviolabilidade das posicións militares. Así, o presidente estadounidense xoga unha partida repleta de delicados movementos, preferindo impulsar unha iniciativa de achegamento cara o mundo árabe con nula autocrítica sobre o pernicioso impacto da implicación estadounidense en Oriente Próximo, que contribuíu decisivamente a asentar a crise actual.

Igualmente, resta por ver cómo este plan será recibido nas filas do Partido Republicano, con maioría parlamentaria no Congreso estadounidense, particularmente escéptico en apoiar a proposta de negociacións en Palestina coas fronteiras de 1967. Por tanto, pouco se espera que este plan realmente certifique a capacidade de Washington para moldear os acontecementos no mundo árabe.