O poder árabe

Os países árabes simbolizan a maior das impotencias ante a traxedia do pobo palestino. Palestina ten necesidade do apoio dos seus irmáns árabes. Na declaración de Beirut de hai unhas semanas, adoptada por unanimidade dos 22 membros da Liga árabe, avógase pola creación dun Estado palestino con Xerusalén Este como capital, a restitución dos territorios árabes ocupados por Israel despois de 1967 e o regreso dos refuxiados. Nada novo. Palabras, palabras, palabras… as palabras de sempre que unicamente o abrazo entre Iraq e Kuwait puideron enriquecer quizais para o capitulo de anécdotasa da reunión, mentres os asistentes compartían as súas preocupacións entre o asedio a Arafat en Ramala (con serias protestas da delegación palestina polo retraso da súa intervención por video-conferencia) e a embolia cerebral sofrida polo emir Nawwaf, número dous da delegación saudí e a quen se considera como un dos artesáns da iniciativa de paz do príncipe Abdalá. A petición de Bachar el-Assad de ruptura de relacións de todos os gobernos árabes co Estado sionista, ou a proposta libia (sen o propio Gadaffi presente na reunión do Hotel Phoenicia) dun cumio extraordinario para crear en Palestina un unico Estado multiconfesional, caían en saco roto.

Obviamente existe a carencia dunha determinada vontade política, pero ¿cal é a realidade do poder árabe? Os países da Liga Árabe ocupan o 10 por cento da superficie do planeta (14 millóns de quilómetros cadrados), representan o 4 por cento da poboación mundial (280 millóns de habitantes) e aportan unicamente o 2 por cento do PIB planetario. En conxunto, o seu peso económico é igual ao de Canadá (nove veces menos poboado que o mundo árabe, lembra Samir Gharbi) ou que o propio Estado español (sete veces menos poboado). Sen o petróleo e o gas, o "mundo árabe" é unha realidade económica totalmente irrelevante. As súas exportacións no ano 2000 apenas suman 80 mil millóns de dólares, o equivalente de Malasia ou de Suiza. Incluso tendo en conta os hidrocarburos, as súas vendas non representan máis do 5 por cento do comercio mundial. A maiores, os seus desequilibros internos son fantásticos: cunha media de 1.710 dólares de renda por habitante, a enorme fenda existente entre os 25.000 de Qatar ou 18.060 dos Emiratos Árabes e os 370 de Mauritania ou os 320 de Sudán evidencia outras carencias de maior calado, unha taxa de desemprego que oscila entre o 15 e o 30 por cento segundo os países, a exclusión do mundo do traballo de ata dous tercios da poboación feminina "85 por cento nos países do Golfo", ou un analfabetismo que atinxe á metade das mulleres e a un cuarto dos homes.

¿O poder do petróleo? Vai ser cada vez menos. Certo que as importacións petrolíferas de Estados Unidos en 2001 proviñan nun 30 por cento de Arabia Saudí, pero a Administración Bush está buscando outras alternativas menos incómodas, tanto en Asia central, naturalmente, como en África. Moitas miradas conducen agora a Angola (que hoxe representa o 5 por cento das importacións de petróleo de Washington) a camiño dun novo calar das armas despois da morte de Savimbi e o acordo entre as Forzas Armadas angolanas e as do Galo negro.

En suma, os países árabes, ricos e pobres, celebran cumios e aproban declaracións comúns, pero as redes de intereses que defenden son tan complexas e os abismos internos que os separan tan pronunciados que dificilmente cabe agardar deles algo máis que palabras, por moito que Tel-Aviv as califique de inmediato como "inaceptables". Israel nada ten que temer deses gobernos. ¡Pobre Palestina!