20050312jose socrates antonio costas freitas amaral

O Portugal de Sócrates

 José Sócrates, Antonio Costas e Freitas do Amaral
Coa designación de Freitas do Amaral á fronte do Ministerio dos Negocios Estranxeiros, Sócrates defenestra o cumio das Azores e desaira a presidencia estadounidense nun momento en que esta se esforza por recompoñer as súas relacións coa Europa disidente. Freitas comparou os métodos de Bush nada menos que co nazismo, en numerosas tribunas públicas, orais e escritas. (Na foto, de esquerda a dereita, José Sócrates, Antonio Costas e Freitas do Amaral).
 

Dende o sábado 12 de marzo temos novo goberno en Portugal. Despois do rotundo trunfo de José Sócrates, do Partido Socialista e de todas as esquerdas (a CDU e o Bloco, incluídos), a principal sorpresa do gabinete é a presenza de Freitas do Amaral, renegando do partido que fundou, o CDS/PP, onde se rexistra unha autentica onda de indignación pola súa "traizón". Tamén hai desconcerto nalgúns sectores do electorado, pois a mensaxe é de viraxe á esquerda, non obstante, Sócrates, con este nomeamento, fai un guiño á dereita. Ou iso é o que parece. Ou non?

Cando se coñeceron os resultados das lexislativas portuguesas, coincidentes co referendo da Constitución europea en España, o presidente Zapatero dixo algo así como que a península ibérica marcaba a mesma hora. A alusión facía pensar simplemente no feito de que ámbolos dous estados compartían o mesmo signo político dos liderazgos, pero pode que haxa algo máis. Coa designación de Freitas do Amaral á fronte do Ministerio dos Negocios Estranxeiros, Sócrates defenestra o cumio das Azores e desaira a presidencia estadounidense nun momento en que esta se esforza por recompoñer as súas relacións coa Europa disidente. Freitas comparou os métodos de Bush nada menos que co nazismo, en numerosas tribunas públicas, orais e escritas. A ministra da Xustiza de Alemaña apenas durou unhas horas no seu cargo despois de facer a mesma comparación na campaña electoral de 2002. Pero non se quedou aí: felicitou a Chirac por ter salvado a honra europea contra Bush e cualificou de seguidismo cego a política británica, considerando a Inglaterra como un satélite de EEUU. O caso é que en Washington respiraron aliviados co trunfo de Sócrates, xa nas primarias do Partido Socialista, por que aínda así, sabedores das escasas posibilidades da candidatura de Santana/Portas, evitarían a aparición doutro Zapatero en Portugal, cousa que podía acontecer caso de gañar a candidatura de Manuel Alegre, máis decantado na esquerda do PS.

En vésperas dunhas novas municipais e co presidente Sampaio entrando na recta final do seu segundo e derradeiro mandato, a política portuguesa semella entrar nun novo tempo. E cando todos pensaban que a política interior, especialmente no eido económico, ía ser a estrela que concitaría todas as atencións de analistas e cidadáns, o nomeamento de Freitas vaille abrir a Sócrates o tempo morto preciso para decidir o que facer na política interna, un campo onde os froitos tardarán en visualizarse algún tempo, tendo en conta a magnitude dos desafíos que encara. Finalmente, a negativa de pesos pesados como Jaime Gama ou António Vitorino, convidados para prestixiar o primeiro goberno do PS con maioría absoluta, pode acabar beneficiando ao propio Sócrates, que puxo o acento na independencia e cualificación da maior parte do seu gabinete.

A maiores, cómpre ter en conta que a lexitimidade que Sócrates outorga a Freitas ao integralo nun equipo tan afastado das súas preferencias ideolóxicas orixinais, pode ofrecer pistas ben fiábeis sobre quen podería dispor de maiores expectativas de vitoria nas presidenciais que terán lugar dentro dun ano. Freitas do Amaral é considerado dende hai anos como un autentico "senador" da República, titulo reservado aos fundadores do réxime creado após o vintecinco de abril e cunha dilatada traxectoria política en primeira liña. É o caso.