Hai dez anos a dereita europea era feliz, o modelo soviético esfarelábase e os postulados do liberalismo económico, incluso os máis extremos, semellaban incontestables. Nas portas do novo milenio as perspectivas para as dereitas agrupadas no Partido Popular Europeo son menos optimistas.
Nesta década teñen ocorrido moitas cousas no vello continente, tanto no aspecto político-militar (guerras iugoslavas, ataque da OTAN a Iugoslavia, crise económica en Rusia, inestabilidade no Cáucaso) coma no económico (parón da máquina alemana, desilusión do euro, control económico americano da globalización, etc.). Parte da esquerda, que en principio debería ser a gran derrotada despois do bienio 1989-1991, deu mostras dunha gran habilidade política e, esquecéndose de necesarias e imprescindibles reelaboracións do pensamento democrático e de esquerdas, apresurouse a tirar da manga a "terceira vía" que lle permitiu disputar parte do espacio á dereita. A formula tivo especial éxito no Reino Unido e na Alemaña.
A dereita perdía apoios ante unha esquerda que aceptaba algúns dos trazos fundamentais do liberalismo económico e os suavizaba na terminoloxía. Mesmo no sur de Europa unha esquerda que mantiña as distancias a respecto dos clixés neoliberais era capaz de gañar eleccións (Francia) ou mesmo de establecer alianzas con partidos de centro (Italia).
Nos últimos anos unha nova ameaza facíase patente. Os fozas conservadoras tiñan que contemplar o avance da extrema dereita, que lograba apoios próximos ao 15% en diversos estados: Francia (Fronte Nacional), Noruega (Partido do Progreso), Italia (Alianza Nacional) e mesmo se formulaba baixo tendencias disgregadoras dos actuais estados (Liga Norte en Italia e Vlams Block en Bélxica). Ao longo de 1999 as alarmas acendéronse co éxito electoral do Partido Liberal en Austria e da Unión Democrática de Centro en Suíza, fenómenos que gardan certo paralelismo.
Ao escenario anterior compre engadirlle a crise de liderado na dereita e en Europa. O desempeñado pola CDU de Kohl e polo eixe Paris-Bonn non toparon substitutos.A República de Berlín ten demasiados problemas internos e Chirac carece de proxecto europeo, mentres que a CDU está a asistir ao seu afundimento na lama arrastrada polo peso excesivo dun líder de moitos quilos.
Cando se confirmou o pacto de goberno en Austria a reacción do Partido Popular Europeo foi dunha contundente celeridade. Fronte á posición comedida da Comisión Prodi , máis preocupada pola posta en cuestión por Haider da súa política de ampliación e polo posible incumprimento futuro da liberdade de traballo), a resposta de Chirac, do goberno belga e do PP español foi dunha radicalidade democrática loable, se non fora provocada por espurios intereses electorais internos. Os mesmos que se alporizan agora pola participación do "simpatizante nazi" Haider no goberno de Viena non dixeron nada durante os dous anos nos que a Alianza Nacional, continuadora do MSI de Almirante e neofascista confesa, participou no goberno da dereita, xa en por si bastante extrema, de Berlusconi. Claro que a cativa Austria non é a grande Italia, e o lexitimo dereito de inxerencia naqueles casos de conculcación dos dereitos individuais e/ou colectivos só semella aplicable cando se trata de pequenos estados. Lembrémonos de Chechenia.
A mellor proba de que as ameazantes propostas eran para consumo interno foron as inmorais declaracións do responsable de Relacións Internacionais do PP español, quen nunha manobra perversa pretendeu relacionar o populismo autoritario e xenófobo de Haider con partidos nacionalistas de longa tradición democrática e antifascista. Ao PP europeo desacóugao o ascenso electoral da extrema dereita, polo que lle pode supor de perda de apoios electorais, na vez de preocuparse de corrixir os profundos desaxustes sociais que a concentración monopolista de capitais está a producir e son causa, entre outras, do medre do autoritarismo e da xenofobia na política europea.