O asunto do Prestige é un asunto político, pois política é a maneira de nos gobernarmos e de gobernar todo o que hai no mundo. Diante dunha catástrofe como a do Prestige hai, por suposto, unha forte reacción emocional, pero as emocións duran pouco e son doadas de manipular para evadir os problemas auténticos. Se o asunto non se examina desde o ponto de vista político, a reacción emocional quedará esquecida moi axiña, e todo volverá a estar onde estaba, que é o que a autoridade quere. A manifestación dun sentir aldraxado está moi ben, pero ten que ir acompañado do examen e a acción política correspondente.Tirar un asunto desta índole da política e deixalo quedar na raiba e a dor vai a favor do autoritarismo, ainda que poda parecer o contrario. Esta é unha ocasión en que os partidos políticos todos terían que pensar no que compriría ter feito, examinar o que fixeron e pensaron ou non pensaron no pasado e decidir o que farán no futuro, para poder exercer a partir de agora a presión debida, desde o goberno e desde a oposición.
Non estamos sequera diante dunha catástrofe natural, senon dunha catástrofe que podemos chamar industrial. Os factores que entran en xogo son económicos, fundamentalmente, e son varias as industrias que participan nesta ecuación: a petroleira, a pesqueira e marisqueira e a turística directamente, ainda que indirectamente afecte a toda a economía e o benestar de infinidade de xentes e dun país concreto. Entra tamén en xogo, e convén non esquecelo, un estilo de vida que precisa petróleo barato.
Ainda cando se trata de catástrofes naturais a política é fundamental, e no que se distingue un país mais adiantado de outro mais atrasado é na vontade de prevenir as consecuencias das posíbeis catástrofes naturais e na capacidade de remediar esas consecuencias. Todo esto supón decisións políticas e económicas, antes e despois de catástrofe, e depende das ganas que se teñan de facer as cousas ben e da orden de prioridades que se establezca en todo momento.
O miolo da cuestión que levanta o Prestige é qué se fai con estes buques petroleiros, por ónde teñen que pasar ou por ónde se lles vai deixar pasar, e cómo facer para que o seu paso polos mares sexa menos perigoso para todos.
Esta cuestión leva anos discutíndose no organismo intergubernamental competente das Nacións Unidas, que é a Organización Marítima Internacional (OMI), con sede en Londres. Esta organización, como todas as dese xénero, non pode tomar mais decisións que as que adopten os países afiliados por común acordo, e está ben que así sexa. Pensar en formar agora un organismo europeo para esas cuestións son ganas de perder o tempo, de evadir a cuestión e de pouco menos que delirar, porque se hai algo que sexa internacional e mundial é a navegación.
As decisións, pois, que se adoptan na OMI dependen das presións que se exerzan e do interés que teñan os distintos gobernos en exercelas. Os gobernos que son indiferentes ao benestar dos cidadáns non exercen presión nunca sobre nada, e logo quéixanse cando os que teñen mais en conta ás suas xentes exércena. Esta é a primeira cuestión política que compre ter en conta e na que hai que adoptar posición.
Na OMI decidiuse, en vista das catástrofes causadas polos petroleiros, que estes buques non serían tan perigosos se levasen un casco duplo, pero, tendo en conta os costos que eso supón amais de outros factores, fixáronse en abril deste ano prazos sucesivos de varios anos para chegar a esa transformación. Ainda así, parece que un buque con casco duplo é menos perigoso pero segue sendo perigoso, conque tampouco é unha panacea.
O seguinte problema, tamén político, é o de por ónde deberán navegar estes buques e por ónde non. E esta é unha cuestión na que os costos económicos, ecolóxicos e demais teñen que ser sopesados cuidadosamente. Non se pode resolver dunha vez nen da noite á mañá. Hai que pensalo moi a fondo, e todos os partidos políticos debían ter a suas ideas sobre isto, debatilas e decilas.
E logo queda a cuestión, tamén política, de qué facer en caso de catástrofe.Isto depende da importancia que se lle dé a cada cousa, das actitudes que se adopten e dos recursos con que se conte. E todo partido político tería que ter claras as suas actitudes e a sua capacidade de resposta, e non parar de exercer presión en todo momento para que a neglixencia, a incompetencia e a indiferencia que resaltaron no caso do Prestige non volvan a repetirse nunca mais.