Gerhard Schröder fixo todo o posible para reanimar a economía alemana. Primeiro coa axenda 2010, un conxunto de reformas na seguridade social, a sanidade, as pensións e, máis tarde, a través das reformas no mercado de traballo. Para impulsar ese proceso, tivo que salvar innumerables obstáculos: enfrontarse a un sector da esquerda do seu partido, ós sindicatos, sortear as protestas nunha cámara alta dominada pola oposición, plantarlle cara á crecente falla de popularidade e ás derrotas do SPD en varios Länder. Pero todo isto foi en van, pois non chegaron a madurar os froitos do seu traballo. Por iso, finalmente, tenta forzar unha saída o máis honrosa posible, apelando á vontade popular.
Ante a imposibilidade de aportar solucións definitivas e inmediatas, decidiu apurar os días que lle quedan no goberno forzando o adianto das eleccións a través dunha meditada perda da confianza no Bundestag (a Cámara baixa alemana). Na cancha contraria, a dereita en coalición, dirixida por Ánxela Merkel, prepara o programa de goberno, animada polo que parece ser un final anunciado da etapa Schröder. De momento xa conta cun programa con medidas concretas, o denominado "Programa de Goberno 2005-2009". Preténdese mellorar as condicións para as empresas, aforrar gastos ó Estado Federal a través dos recortes de subsidios e do incremento dos impostos indirectos, mentres diminúe a taxación directa sobre os ingresos dos máis ricos e dos máis pobres.
A medida máis sorprendente é o incremento do IVE. Unha subida do 2% neste imposto, do 16 ó 18% daríalle unha marxe de 16 billóns de euros ás arcas do Estado alemán. Pero grandes empresas como KarstadtQuelle ou Metro, opóñense firmemente, pois coidan que podería acentuar a caída do consumo que veñen sufrindo dende hai uns anos. Sen embargo, o secretario xeral da CDU, Volker Kauder, saíu ó paso con afirmacións contundentes e cargadas de dramatismo, asegurando que non queda outra opción e que non haberá marcha atrás.
A coalición CDU e CSU tamén propón baixar os impostos para os topes máximos de renda do 42 ó 39%, e para as rendas máis baixas do 15 ó 12%. Recortar subsidios para a adquisición da primeira vivenda -dos que se soen beneficiar os cidadáns máis novos-, e exencións fiscais que se lle outorgaban por traballar os domingos, en vacacións ou quendas de noite. Tamén pretenden acabar cos baleiros legais que permiten evadir impostos por parte das potentes firmas de inversión.
Polo que se refire á reforma do mercado laboral, trataríase de garantir unha maior facilidade no despido para as pequenas e medianas empresas. A protección legal contra o despido indebido será suspendida cando se trate de empresas con 20 ou menos traballadores. Por outra banda, a contratación de traballadores a tempo parcial é outro dos obxectivos pretendidos. Quérese estimular e incentivar o traballo a tempo parcial para aquelas persoas que teñen nenos ou están a cargo do coidado de persoas maiores, enfermas ou con minusvalías.
No plano das relacións exteriores, despois de que os conservadores tivesen compartido a febre intervencionista de Bush en Iraq, quérese revitalizar a relación cos EEUU, trala conxelación do diálogo debido ás diferenzas co goberno Schröder. O documento afirma que "as boas relacións transatlánticas en confianza non exclúen diferenzas de opinión pero están baseadas nun diálogo cooperativo no espírito da amizade en lugar de insultos polémicos".
Os conservadores queren potenciar o rol da OTAN, como fan os bos aliados atlantistas, e incrementar a capacidade militar de Europa, que segue a ser unha prioridade para algúns europeístas. Aplicar estritamente as regras presupostarias da UE, sempre que se teñan en conta que existen límites na capacidade orzamentaria de Alemaña, que é o maior contribuidor ó presuposto europeo, é outro dos seus desafíos. E, finalmente, apostan por non facilitar a plena integración turca na UE, e en troques negociar un status especial, o que chaman "privileged partnership", evitando a inclusión otomana mentres se lle concede a Bulgaria e Romanía, que segundo eles cumpren estritamente os criterios establecidos por Bruxelas.
Algunhas críticas ao programa da Sra Merkel aseguran que as medidas propostas quédanse lonxe aínda do que deben ser as reformas, que non se ataca o problema da grande débeda pública alemá, ou que non se fan aínda os suficientes recortes dos subsidios. Probablemente, non serán as derradeiras.