As acusacións de fraude nas eleccións presidenciais nixerianas do sábado 21 de abril, realizadas con varios incidentes violentos, e as instigacións ás protestas nas rúas, fomentadas polos partidos de oposición, elevan o nivel de tensión política neste estratéxico país da África subsahariana, principal produtor africano de petróleo.
Con 140 millóns de habitantes, Nixeria é o país mais poboado de África, tanto como é considerada a súa máis grande democracia. En 1999, tras décadas de goberno militar e guerras civís, a chegada ao poder do seu actual presidente, Olusegun Obasanjo, permitiu consolidar unha relativa transición democrática e facer de Nixeria un actor político e diplomático en ascenso, especialmente como referente para a pacificación de diversos conflitos rexionais no centro de África.
Rematado o seu mandato no 2007, a necesidade para Obasanjo de consolidar o proceso de transición democrática reflectiu de gran transcendencia estas eleccións presidenciais e lexislativas. O presidente nixeriano esperaba concentrar as súas esperanzas nunha reforma constitucional que lle permitira un novo mandato para continuar coas reformas.
Pero a forte oposición política e xudicial a esta medida convenceulle da necesidade de atopar un sucesor que garantira a continuidade cunha lexitimación lograda a través do voto popular. Velaí que, en principio, Obasanjo barallou infrutuosamente as candidaturas do vicepresidente, Atiku Abubaker, e o ex xefe de Estado, Ibrahim Babangida.
Finalmente, as cartas se dirixiron a Umaru Yar´Adua, un dos líderes do gobernamental Partido pola Democracia do Pobo, PDP, a quen o comité electoral nixeriano declarou gañador das eleccións do pasado fin de semana, con triunfos en 29 dos 33 estados rexionais. O proceso electoral presentou diversas anomalías así como incidentes violentos que provocaron unha decena de mortos.
Inmediatamente, os diversos candidatos opositores, principalmente comandados por Muhammadu Buhari, líder do Partido de Todos os Pobos de Nixeria, PTPN, e varias axencias informativas internacionais, cuestionaron a transparencia dos comicios e incluso, cualificaron de “fraudulento” este proceso electoral. Varios líderes opositores instaron aos nixerianos a saír ás rúas para denunciar o fraude e premer por unha repetición dos comicios.
A oposición considera que Obasanjo e o PDP manipularon as institucións electorais e xudiciais, así como o comité anticorrupción que investiga ao presidente e varios colaboradores. Aínda que o propio Obasanjo recoñeceu posteriormente a posible “falta de transparencia total” no proceso, advertiu que non aceptará unha repetición electoral, probablemente instigado pola influínte casta militar, temerosa de que as tensións post-electorais propicien tamén a expansión doutros conflitos internos.
Estes conflitos están concentrados nas tensións territoriais que se viven no norte do país, onde goberna un tribunal islámico que tenta impoñer a sharia ou Lei Islámica e que, en determinados momentos, desafía á autoridade central. O exército nixeriano está constantemente en acción na rexión norte contra os simpatizantes do tribunal islámico.
O outro foco de tensión está na estratéxica rexión do Delta do Níxer, rica en petróleo e unha das máis pobres do país. Aquí, as multinacionais petroleiras estranxeiras corren con problemas para continuar coas súas actividades de extracción que fan de Nixeria o principal produtor petroleiro africano, con 2,5 millóns de barrís diarios de cru.
Diversos grupos e movementos políticos e sociais actúan nesta rexión, incluso utilizando tácticas guerrilleiras de ataque ás instalacións das multinacionais, e presentando, en varios casos, claros síntomas independentistas. Un deles, o Movemento pola Emancipación do Delta do Níxer, MEDN, creado no 2006, posúe unha considerable forza loxística e de armamentos, como fusís AK-47 e M16 e lanzacohetes.
Na cita electoral, diversos organismos civís denunciaron no Delta do Níxer e outras rexións, as intimidacións e presións gobernamentais cara os electores por medio de homes armados presentes nas salas de votación. ONGs como Human Rights Watch, así como a Unión Europea, comunicaron as súas reticencias sobre a transparencia do proceso electoral, incluso asegurando que en diversas rexións non existiu un proceso electoral normal e real.
Tanto como os seus conflitos políticos, Nixeria sufre as consecuencias socioeconómicas dunha corrupción imparable que permite que 600 millóns de dólares estean depositados en bancos estranxeiros mentres a maior parte da súa poboación vive con menos dun dólar ao día.
A crise post-electoral aumenta os dilemas para un Obasanjo visto con simpatía dende EEUU, Europa e varios países africanos e eloxiado polo seu compromiso reformista e pacificador a nivel continental. Pero agora, o proceso electoral que esperaba consolidar a reforma democrática instaurada por el mesmo semella dirixir ao país cara a inestabilidade e, incluso, a desintegración territorial.
No 2006, o entón director de Intelixencia Nacional norteamericano, John Negroponte, considerou o proceso electoral presidencial nixeriano como “a elección mais importante no horizonte africano”. Resulta claro que, ao menos dende Washington, se considera a estabilidade de Nixeria como un factor esencial para garantir a paz e a seguridade no continente africano.