20070430 taipei yu dan

O regreso de Confucio

 Yu Dan; clic para aumentar
Un dos debates actuais máis intensos na sociedade chinesa ten que ver coa defensa e crítica das obras de Yu Dan (na foto), unha profesora que intenta popularizar os valores da cultura tradicional. Confucio está nas escolas primarias e tamén nos institutos que China promove en todo o mundo para o fomento da aprendizaxe da súa lingua e para facer valer o poder brando da súa cultura.
 

Vive China un proceso de desencanto que a leva a refuxiarse nos seus valores máis tradicionais? A simple vista semella que o diferente camiño seguido polo comunismo chinés para a súa reforma remata, non obstante, cun resultando equiparable ao seguido pola abrupta eclosión do comunismo soviético: o reponte das manifestacións da vella sociedade que ambos comunismos combatían. Durante décadas, a crítica a Confucio foi símbolo da modernidade na China, compartida tanto polos republicanos de Sun Yat-sen coma polos seguidores de Mao. A partires de 1949, este multiplicou os ataques contra aquela filosofía que preservara o mandarinato durante dous mil anos, facendo perder a China o tren da historia.

Da man dos reformistas que hoxe dirixen o PCCh, Confucio (551-479 ane) volve con pompa e boato. O goberno chinés mesmo chegou a presentar recentemente unha demanda para usar en exclusiva os dereitos de utilización do seu patrónimo Un dos debates actuais máis intensos na sociedade chinesa ten que ver coa defensa e crítica das obras de Yu Dan, unha profesora que intenta popularizar os valores da cultura tradicional. Confucio está nas escolas primarias e tamén nos institutos que China promove en todo o mundo para o fomento da aprendizaxe da súa lingua e para facer valer o poder brando da súa cultura. E está na linguaxe política oficial cando Hu Jintao fala das oito honras e deshonras, da harmonía, da ética ou da moderación. A diferenza do acontecido na extinta URSS, o PCCh, que non se deixou sorprender pola globalización, tamén semella ir por diante na adopción de canto poida haber de útil nese pensamento que nucleou boa parte da orde feudal asiática para facer del un aliado na causa modernizadora, evitando tanto a penetración das “decadencias” do pensamento occidental como a deriva da insatisfacción presente en movementos menos controlábeis como Falun Gong.

Así, os actuais gobernantes chineses botan man da importancia do respecto da xerarquía, da atención aos maiores, etc, instrumentalizando todos eses valores para organizar a sociedade e vertebrar as relacións desta co poder, cando o seu imaxinario tradicional presenta fisuras cada vez mais difíciles de disimular. As cruzadas morais e a reivindicación dun servizo público honesto e virtuoso fincan as súas raíces no confucianismo e só adicionalmente argumentan as virtudes comunistas para salientar o grave perigo que a corrupción supón para a credibilidade do PCCh.

O reponte do confucianismo está a influír tamén na política exterior. Ideas como o beneficio compartido ou a formulación de asociacións estratéxicas con determinados países ou rexións son mais comprensibles se tentamos entendelas dende os preceptos promovidos pola escola confuciana, mesmo para rexeitar calquera acusación de mesianismo dificilmente conciliable cun patrón cultural que constitúe unha indiscutible singularidade chinesa, complexa de trasladar a outras latitudes.