As eleccións municipais do pasado fin de semana volveron a poñer de actualidade a aínda pendente cuestión do Kosovo e a figura que representa a loita pacífica pola independencia: Ibrahim Rugova. A ampla participación e o masivo apoio ás candidaturas da Liga Democrática do Kosovo (LDK) sitúan de novo a cuestión da independencia kosovar, reclamada por todas as forzas que concorreron ás eleccións, no centro do debate sobre o deseño futuro do que queda de Iugoslavia.
Co característico pano ao pescozo, na lembranza do seu pai aforcado polos serbios, Rugova e a LDK emprenderon unha activa campaña que sabían decisiva para o futuro da aínda provincia iugoslava. A LDK centrou os seus esforzos en lograr unha ampla participación e conseguir distanciarse dos seus contrincantes do Partido Democrático do Kosovo (PDK), herdeiro do confuso Exercito de Liberación do Kosovo (UÇK). Os kosovares participaron masivamente nos comicios e apoiaron ao partido liderado por quen elixiran presidente, nunca recoñecido por Belgrado nin pola denominada comunidade internacional, en dúas ocasións na pasada década. Quen optou pola pluma fronte a pistola; quen dirixiu a resistencia política e cultural contra o réxime de Milosevic que lles furtou a autonomía concedida pola Constitución Iugoslava de 1974; quen organizou escolas e universidades clandestinas; quen se viu arrastrado pola lama, baixo a acusación de traidor, por entrevistarse con Milosevic nos primeiros momentos do desastre humano provocado polos bombardeos da OTAN, viu agora recompensados os seus esforzos co apoio dunha grande parte dos seus concidadáns.
Por outra banda o pobo kosovar marcou distancias co emerxente, dende o ataque da OTAN, PDK e o seu líder Hashim Thaci, antes xefe político do estraño UÇK. Os métodos violentos, as formas mafiosas e o descarado proamericanismo da organización política nacida das forza guerrilleira afastaron a moitos kosovares de quen logrou influencia despois do ataque da OTAN, nomeadamente ao transformarse nunha caste de policía kosovar.
A participación foi moi elevada entre os kosovares de cultura albanesa, fálase dun 90% do 1.200.000 inscritos, mesmo entre os refuxiados en Macedonia, Montenegro ou Albania. Pola contra foi case inexistente entre os kosovares de orixe serbia, uns 200.000. Tanto entre os refuxiados como entre os residentes no Kosovo. A estabilidade no Kosovo pasa tamén polo regreso dos refuxiados serbios, a seguridade para as súas propiedades e o respecto especial para os lugares de especial significación na tradición relixiosa e política de Serbia.
Todas as forzas que concorreron aos comicios reclaman a independencia. Occidente ten de novo a cuestión sobre a mesa. Non semella doado que os kosovares acepten formar parte dun feixe de regalos para que os dirixentes de Belgrado continúen na vía iniciada tras a elección de Kostunica como presidente. Tampouco semella fácil para occidente admitir que se celebre un referendo, que supón á independencia, mesmo por que a resolución 1.244 da ONU, que lexitimou a intervención militar, só demanda para o Kosovo unha autonomía substancial e considérao provincia iugoslava. O mundo occidental faría ben en preocuparse máis pola consolidación das formas democráticas, do pluralismo multicultural e do respecto á diversidade étnica que de cuestións territoriais segundo deseños políticos forzados. A fonte de inestabilidade nesta área dos Balcáns está na carencia de hábitos democráticos e pluralistas, non na existencia dunha chea de pequenos estados independentes.
Mentres o goberno de Belgrado apresurouse a declarar, en palabras de Kostunica, que Iugoslavia non podía recoñecer os resultados dunhas elección celebradas sen respectar as leis iugoslavas, ao tempo que esixiu o cumprimento da resolución 1.244 do Consello de Seguridade de Nacións Unidas que garante a soberanía de Iugoslavia nesta provincia.
Da solución que Occidente apoie no contencioso de Montenegro e do Kosovo dependerá en gran parte o futuro da zona. Optar por un gran estado, debilitado, disposto a cumprir o papel de xendarme na área é de seguro unha tentación para moitos dirixentes da UE e dos EEUU. Esta alternativa provocaría unha nova frustración entre moitos kosovares e montenegrinos que non entenderían o criterio polo que as potencias europeas se apresuraron a recoñecer a independencia de Eslovenia ou Croacia e agora non admiten as súas.