O reto da estabilidade política na India

Apartados xeográficos Asia ARQUIVO
Idiomas Galego

De paraíso psicodélico á escenario experimental das novas democracias poscoloniais, a India vive un dos momentos máis esperanzadores e sen embargo máis febles da súa historia. As continuas protestas lideradas polo partido da oposición BJP, que provocaron o peche o mércores e o xoves da semana pasada da Rajya Sabha e a Lok Sabha as cámaras de representantes do país, supoñen un intento de desestabilizar politicamente ás bases democráticas que rexen a lexitimidade das institucións da India.

Tres ministros, pertencentes ao RJD un dos aliados do Partido do Congreso cos quen suman en total 320 dos 545 membros do parlamento actual, son acusados de cometer presuntamente delictos que inclúen dende corrupción ate desobediencia civil. No caso de LK Advani, implicado no 1992 en altercados en lugares de culto, viviu xa un proceso no que foi liberado dos cargos que se lle imputaban, como subliña o BBC news.

Despois de teren dixerida mal a derrota, o BJP está a desenvolver unha política mediática que aposta polo enfrontamento social e o ataque directo ao goberno. A primeira fase da campaña propagandística liderada polo BJP tiña como diana á orixe estranxeira de Sonia Gandhi. A difusión dun informe no que se presentaban as presuntas implicacións en altercados dalgúns dos membros do gabinete derivou en momentos de incerteza que apuraron o peche da areas políticas na India. É de agardar un novo fronte en breve. A frustración pode converterse nunha semente perigosa que enraíce coas convulsións que definiron o pasado político. Na mente de todos e todas aínda están os altercados recentes de 1992 e o asasinato de Gandhi no 1984 a mans dunha sikh.

A recente victoria do Partido do Congreso nas eleccións de maio supuxo unha viraxe na definición das estratexias políticas tanto para o goberno como para a oposición. A Alianza de Unidade Progresista na que se atopan, entre outros, o Partido Comunista Indio, implica a chegada ao poder dunha coalición de forzas seculares. A actual situación económica e as ineficaces políticas sociais do antigo partido no goberno propiciaron un apoio masivo a forza políticas como a do sikh Manmohan Sing, quen deseñara a apertura económica do 1991 e que culmina nun novo intento para integrar e superar o resentimento pasado. Un dato de interese, a elección de Manmohan favoreceu a recuperación da actividade na bolsa de Bombai, suspendida ante o proceso de incerteza que se barallaba tras o escrutinio dos votos.

O resultado dos comicios electorais do pasado mes evidenciaron o escaso apoio social co que contaba o BJD. O fracaso dun modelo de desenvolvemento que dividía cada vez máis aos seus habitantes, pese aos avances na solución do enfrontamento con Pakistán nos meses anteriores, atópase entre os motivos que guiaron a preferencia do electorado pola alternancia. A volta ao poder despois de 23 anos do Partido do Congreso non deixou xornal nin editorial sen comentario ao respecto, así El País dedicaba unha editorial centrada na análise do cambio de liderazgo que se debatía entre o papel de Sonia Gandhi, aclamada polos máis fieis defensores das bases do partido, e a adopción dunha postura máis pragmática que pasaba por apostar pola tranquilidade no hemiciclo.

Agora ben, varias cuestións aparecen aquí. A primeira delas ten que ver cunha das dimensións máis estudiadas na sintomatoloxía das democracias contemporáneas. Eis o número de forzas políticas que concorren a un proceso electoral. Bipartidismo versus pluralidade de forzas democráticas. Nunha rápida análise atopámonos con que máis de 42 partidos nacionais e estatais se presentaron ás eleccións de maio que se enmarcaron en dous grupos: a Alianza de Unidade Progresista e a Alianza Nacional Democrática. En moitos casos os partidos sacrificaron escanos para cederllo ao aliado, seguindo o sistema de votación que recolle C. Harman como “o primeiro pásallo ao que segue”. A non existencia de maiorías absolutas propicia a busca do consenso deliberativo habermasiano. A India, cun billón de habitantes, segue a avaliar a funcionalidade do seu sistema democrático e semella ser operativo á hora de reflectir a súa riqueza identitaria. Seguramente Sartori non pensará así.

Os enfrontamentos dende a independencia son unha característica da India. A existencia de relixións como o hinduísmo, o budismo e a presencia dos musulmáns en certas rexións como a de Gujarat, foco de continuas tensións nas que se contabilizan máis de 1.000 persoas mortas en conflictos entre as comunidades, reflíctense nunha complexidade social que se manifesta no pasado colaboracionista dalgúns grupos durante o período colonial, na fractura entre o mundo rural e o urbano xunto coas desigualdades patentes nunha sociedade tremendamente exhibicionista.

O cambio na India implicou o respaldo ao respecto e á integración das diferentes castas fronte a política exclusivista do BJP, quen veu apagarse o seu proxecto de “a India brilla”. Reformas ou cambios estructurais?. En principio, a cultura política da India precisa superar as trampas da oposición, recuperar a axenda política marcada polas relacións co Pakistán, e a veciña Sri Lanka, reorientar a súa relación cos EUA e a definición dunha política social máis integradora e equilibrada no reparto das riquezas. A partir de aí comezará a análise e avaliación das súas políticas, mais para iso teñen que poder gobernar.