20080128 washington barack obama edward kennedy

O reto de Obama

 Barack Obama e Edward Kennedy; clic para aumentar
Ao igual que á base do electorado demócrata, Obama logrou atraer ao seu favor a históricos pesos pesados do seu partido, especialmente o influínte clan dos Kennedy. Foto: Barack Obama (esquerda) e Edward Kennedy nun acto na American University, en Washington, en xaneiro de 2008.
 

A candidatura de Barack Obama polo Partido Demócrata para as próximas eleccións presidenciais estadounidenses esperta todo tipo de sensacións. Simbolicamente, Obama representa diversos enfoques tradicionalmente pouco habituais na política estadounidense, especialmente en torno ás súas orixes raciais e familiares, asi como polo seu alternativo ideario político.

O sorprendente ascenso electoral do candidato demócrata, hoxe maioritariamente ratificado trala recente convención celebrada en Denver, demostrou unha pouco apreciada intuición política. Vencer contundentemente á enorme maquinaria publicitaria e financeira representada por Hillary Clinton supuxo un punto de atención que, dependendo das circunstancias, pode influír na súa elección presidencial de novembro próximo.

Ao igual que á base do electorado demócrata, Obama logrou atraer ao seu favor a históricos pesos pesados do seu partido, especialmente o influínte clan dos Kennedy. Pode que, como na súa persuasión electoral, Obama tivera éxito en ler a dinámica sociopolítica que actualmente está establecéndose en EEUU, basicamente centrada en superar os abusos da "era Bush". Velaí as esperanzas de cambio que, moderadamente, representa a súa candidatura.

Non obstante, o escollo de Obama será, a partir de agora, mais complicado que a súa loita por alcanzar o nomeamento demócrata. Se ben o seu rival republicano John McCain non posúe o atractivo político que pode espertar Obama, detrás del funciona unha eficaz maquinaria electoral e política que polarizará aínda mais o escenario político estadounidense, aumentando o tradicional nivel de espectacularidade mediática e show político que caracteriza os comicios estadounidenses.

Designar a un católico como Joseph Biden na súa fórmula electoral como eventual vicepresidente evidencia a convicción de Obama por acercarse ao votante tradicionalmente relixioso e conservador, a fin de fragmentar un sector de confesión maioritariamente protestante e orientado cara o Partido Republicano. En anteriores ocasións, Biden criticou con firmeza diversos enfoques de Obama en política exterior, como a retirada militar de Iraq e o seu pretendido achegamento a Irán para solucionar o pulso nuclear.

Nos últimos meses, Obama ven dando mostras de alterar significativamente diversas ideas "politicamente incorrectas" que lle outorgaron anteriormente un indubidable atractivo político dentro e fóra de EEUU. Un exemplo é o seu repentino achegamento a Israel, buscando tranquilizar ao poderoso lobby xudeu en Washington, orientación que pode limitar a súa capacidade política no hipotético caso de chegar á Casa Branca, principalmente á hora de afrontar o delicado escenario de Oriente Próximo.

Ademais do pulso que deberá manter con McCain e os diversos sectores neoconservadores que se resisten a abandonar o escenario político, Obama deberá medir as consecuencias políticas dentro das filas demócratas por excluír a Hillary Clinton da súa fórmula electoral. A radicalización dos votantes de Hillary pode constituír un problema interno de difícil solución para Obama, a escasos tres meses dos comicios presidenciais. Para superar as liortas internas deberá impulsar un discurso de unidade que tentará convencer ao electorado da súa capacidade política.

Resulta incerto ata qué punto realmente cambiará a política estadounidense no caso de que Obama se converta no próximo presidente da única potencia global. Da súa visión e intuición dependerá, en gran medida, a capacidade de EEUU de descifrar os retos e os cambios de enfoque que necesariamente están por vir, entendendo que as fórmulas unilaterais non supoñen garantías de dominio e que o escenario global que actualmente está configurándose determina a constitución dun mundo multipolar, sen hexemonías absolutas.

Deste modo, o verdadeiro reto de Obama estará cifrado na súa real convicción e efectiva persuasión para convencer aos estadounidenses e ao mundo da necesidade dun cambio alternativo. Un reto sumamente complicado para un Obama condicionado pola inexperiencia pero aparentemente dotado dunha sorprendente astucia política.