O retorno do afropesimismo

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

Unha pregunta latexa ao longo do informe do Banco Mundial, publicado o 31 de maio. ¿Pode África reivindicar un lugar no século XXI? Os datos manexados son descorazonadores e a caída dos prezos da materias primas, as vagas de dureza climática, a deixadez dos países desenvolvidos, os conflitos, os ineficaces gobernos e a corrupción van mudando aquel entusiasmo que prendeu logo do proceso de descolonización, para regresar a un perseverante afropesimismo.

Durante varias décadas non foi considerado politicamente oportuno verter dúbidas sobre a capacidade dos países africanos, saídos do réxime colonial, para liderar soberanamente os procesos endóxenos de desenvolvemento.

Hoxe ninguén pode negar a inoperancia da maioría dos réximes africanos, incapaces de exercer o autogoberno cunha visión social do seu mandato político. Tampouco ninguén dubida que África é o último lugar cara onde Occidente adoita apuntar cos seus programas de desenvolvemento. A orde de prioridades foi saltando do Leste europeo cara ao sueste asiático, do Medio Oriente cara a Iberoamérica, de Rusia a China….pero os ollos dos ricos do mundo non recalaron en África, a non ser nos benintencionados discursos dos líderes dos países máis desenvolvidos.

O pretexto de non querer verter novos recursos financeiros sobre África por mor dos 30 mil millóns de dólares desaparecidos polo buraco da corrupción, non son argumentos suficientes diante dun panorama desolador. O BM estima só entre o 0,5% e o 1 % o lastre anual do crecemento en África, por mor da corrupción. Dato de importancia relativa fronte a un poboado continente no que a metade da poboación non logra saír das tenazas da pobreza.

O peso da economía africana no contexto mundial é insignificante, representando só o 1% do PIB. No relativo ao comercio mundial a penas chega ao 2% e pescudar sobre presencia de África nos productos manufacturados é estéril.

Ata o seu activo máis importante, as materias primas teñen recuado notablemente nos mercados mundiais controlados polo egocéntrico interese dos países desenvolvidos.

Os 48 estados que figuran no informe posúen, en conxunto, unha renda equivalente á de Bélxica e a súa rede de estradas é menor que a de Polonia. O PIB medio dos países africanos non acada ao dunha cidade de 60.000 habitantes dun país desenvolvido.

Á falta de investimentos se une á fuxida de capitais financeiros en busca de acubillo nos paraísos fiscais ou da seguridade que agardan estabilidade nos países ricos.

Na saída de recursos cara occidente tamén hai que contabilizar o capital humano que supoñen os 23.000 técnicos que anualmente deixan o continente, para paradoxalmente seren substituídos por profesionais de fora.

O reloxo do goberno mundial do G-7 anuncia que os tempos de África foron chegados. Móstranse decididos a minguar a cara da débeda dos países máis pobres.

No BM vese como elemento positivo a existencia de eleccións pluralistas en 42 dos 40 países subsaxarianos, pero en moitos casos non son máis que un verniz que agacha o autoritarismo preponderante no que a violencia é a permanente expresión de multiples tensións étnicas, políticas, económicas polo control dos recursos etc. Detrás dunha boa parte dos conflictos están agachadas as antigas potencias que actúan en función dos seus intereses e non na defensa dos dereitos humanos e as liberdades.

Un novo risco se abre sobre a maltratada África, o sociedade da información que se oferta como igualadora, pode ser, pola contra, o novo muro que lle impida ter praza no voo que despega cara o século XXI. ¿Enquistarémonos no afropesimismo?