Debe prestarse atención á recomposición de forzas políticas que actualmente está acontecendo en América Latina e, particularmente, Colombia. O retorno do “uribismo” nas eleccións lexislativas colombianas do pasado 9 de marzo define un pulso bidireccional: un obviamente en clave interna, polarizado polas pretensións de reelección do mandatario Juan Manuel Santos de cara ás presidenciais de maio próximo; e outro a través dunha lectura de carácter rexional, con especial incidencia na crise política venezolana e na configuración de novas forzas reaccionarias en América Latina.
Debe prestarse atención á recomposición de forzas políticas que actualmente está acontecendo en América Latina e, particularmente, Colombia. O retorno do “uribismo” nas eleccións lexislativas colombianas do pasado 9 de marzo define un pulso bidireccional: un obviamente en clave interna, polarizado polas pretensións de reelección do mandatario Juan Manuel Santos de cara ás presidenciais de maio próximo; e outro a través dunha lectura de carácter rexional, con especial incidencia na crise política venezolana e na configuración de novas forzas reaccionarias en América Latina.
A opción Centro Democrático impulsada polo ex presidente Álvaro Uribe Vélez dentro do próximo Congreso colombiano, exercerá a súa potencialidade como a principal forza de oposición de cara á plataforma gobernante liderada polo Partido da U de Santos, relegando así o peso dunha esquerda visiblemente afectada pola remoción xudicial do ex alcalde bogotano Gustavo Petro, presumible candidato do Polo Democrático (PD). Con todo, o PD alcanzou unha notable votación da man do seu senador Jorge Enrique Robledo.
Nun Congreso fortemente polarizado entre dúas opcións conservadoras, o retorno do “uribismo” implicará progresivamente unha maior radicalización cara un Santos que pretende a reelección presidencial nos comicios de maio próximo. Este factor incidirá colateralmente nos Acordos de Paz que Santos leva a cabo en Cuba desde 2012 coa guerrilla das FARC, sumamente criticados por Uribe e cuxos avances, engadidos a unha favorable situación económica, constitúen a pedra de lanza de Santos de cara a fortalecer as súas opcións de reelección.
Esta perspectiva de retorno “uribista” ten igualmente unha notable incidencia na crise política venezolana. O goberno de Nicolás Maduro denuncia constantemente unha presunta conspiración exterior eventualmente orquestrada por Uribe a través de hipotéticas alianzas cos líderes opositores venezolanos máis radicais, sendo estes o recentemente apresado Leopoldo López, a deputada María Corina Machado e o alcalde metropolitiano Antonio Ledezma, todos eles sinalados por Maduro como os instigadores das violentas accións de rúa que desde fai tres semanas polarizan a crise venezolana.
Esta crise está cobrando unha intensidade maior no estado de Táchira, fronteirizo con Colombia, sumido nunha frenética e constante confrontación violenta nas rúas entre “chavistas” e opositores así como nunha especie de “cuarentena” polo goberno central en materia de abastecemento de alimentos e de gasolina.
Dende Caracas, Maduro acusa a elementos paramilitares colombianos presuntamente manexados por Uribe a través dos seus aliados en Venezuela, para fomentar o caos público en San Cristóbal, a capital deste estado, así como noutras localidades fronteirizas como La Grita e Táriba. A permeabilidade da fronteira entre Colombia e Venezuela permitiu a constante actividade de contrabando e de forzas paramilitares e guerrilleiras (FARC e ELN), constituíndo nun constante foco de tensión nas relacións entre Bogotá e Caracas, principalmente desde que o “chavismo” chegou ao poder en 1999.
Se ben o gobernador “chavista” en Táchira, o xeneral retirado Vielma Mora, criticou semanas atrás a dureza da represión oficial contra os manifestantes (principalmente estudantes) en San Cristóbal, capital do estado e gobernada pola oposición tralos comicios municipais de decembro pasado, actualmente está embarcado na ampliación da Convención de Diálogo Nacional impulsada por Maduro días atrás, coa finalidade de poñer fin a unha crise política aparentemente inacabable.
Con todo, e dentro do pulso pola lexitimidade do poder establecido na Venezuela post-Chávez, diversos sectores “chavistas” e incluso opositores especulan coa eventualidade de que Vielma Mora poda constituírse nun hipotético liderado autónomo dentro do “chavismo” que, claramente, contraste e polarice a autoridade e lexitimidade de Maduro.
Con isto, o retorno do “uribismo” e a tensión pola crise venezolana enmárcase visiblemente dentro dun pulso de carácter rexional que pode cobrar maior intensidade na eventual definición de pautas de actuación para o “uribismo” e as novas forzas reaccionarias, contextualizadas dentro do curso electoral latinoamericano establecido para o período 2014-2016. Esta perspectiva alcanza proporcións de notable incidencia no fomento de candidaturas “alternativas” de cara a contextos electorais sumamente polarizados, como as presidenciais arxentinas (outubro 2015), as lexislativas venezolanas (decembro 2015) e incluso as presidencias peruanas (2016).
Dentro desta perspectiva, a recente ruptura de relacións diplomáticas de Maduro co goberno do conservador Ricardo Martinelli en Panamá, aducindo presunta inherencia nos asuntos venezolanos, correu paralelo co amortecemento diplomático, especialmente por parte da UNASUR, a CELAC e o ALBA, de calquera sanción hemisférica contra o goberno de Maduro ante as denuncias de represión en Venezuela.
Neste apartado, foi notable a preeminencia do eixe da ALBA, principalmente liderado por Bolivia e Nicaragua, así como do apoio arxentino, para contrarrestar as presións hemisféricas contra Maduro. Este escenario permitiu sortear a eventual manifestación de sancións contra Venezuela vía OEA, confirmando ó mesmo tempo unha evidente obsolecencia deste organismo, aparentemente incapaz de comandar solucións nas crises hemisféricas, cuxa labor vese desprazada pola cada vez maior capacidade de actuación da CELAC, UNASUR e diametralmente da ALBA.
Resta por ver se esta realidade pode eventualmente alterarse ante a perspectivas de reacomodos políticos que podan traducirse deste retorno do “uribismo”, especialmente por parte dun presidente Santos que moi probablemente dependerá a súa reelección do apoio político e electoral do seu agora rival Uribe.
Como efecto colateral, esta polarización en curso alcanza levemente a súa expresión na recente segunda volta electoral realizada o pasado 9 de marzo no Salvador, en paralelo coas lexislativas colombianas. Aquí, a mínima vitoria (50,1% dos votos) da gobernante Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional (FMLN) coa candidatura do ex comandante guerrilleiro Salvador Sánchez Cerén, polariza o contexto político ante as acusacións de presunto fraude electoral emanadas do seu rival, o dereitista Norman Quijano (ARENA)
A constante reiteración electoral de Quijano e do ARENA sobre unha presunta “venezolanización” política no Salvador, traducidos polos marcos de cooperación do FMLN co goberno venezolano a través da Empresa ALBA, radicaliza un contexto político local igualmente enmarcado pola tensión hemisférica ilustrada pola preeminencia do “chavismo post-Chávez” e da pulsación das forzas progresistas e reaccionarias que se abren o xogo dentro do novo contexto electoral latinoamericano. Un escenario onde o retorno do “uribismo” pode abrir diversas e controvertidas expectativas.