O Sáhara volve á escena

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

Tras ano e medio de suspensión, a reanudación en Viena das conversas entre Marrocos e a Fronte Polisario pódese sinalar como un paso positivo para, cando menos, recuperar a atención mundial sobre o conflito e o status do Sáhara Occidental.

O impulsor destas conversas é o novo enviado especial da ONU para o Sáhara Occidental, Christopher Ross, quen substitúe ao holandés Peter van Walsum, considerado polo Polisario como próximo ás demandas marroquís. Ross terá así a responsabilidade de revitalizar algúns puntos do fracasado Plan Baker para o Sáhara, cun postulado principal que foi discutido en Viena: un Sáhara autónomo durante cinco años, antes de celebrarse un referendo onde a poboación saharauí decidirá o futuro status, ben sexa independencia, integración ou autonomía dentro de Marrocos.

Precisamente, no marco do décimo aniversario da entronización de Mohammed VI como monarca do reino alauíta, este anunciou un plan para outorgar unha maior autonomía ao Sáhara, en clara referencia a tomar a iniciativa do asunto saharauí, tendo en conta a posibilidade de recuperación da matriz principal do Plan Baker, constantemente denunciado por Rabat como próximo aos postulados do Polisario. Pero resulta unha incógnita se o referendo, principal demanda do Polisario, finalmente poderá celebrarse.

Tras máis de tres décadas de conflito, parcialmente apaciguado desde 1991, o Polisario tanteou a posibilidade de volver á loita armada, tomando en conta os obstáculos marroquís ao Plan Baker. O contexto actual non resulta, cando menos, diferente ao dos últimos anos: EEUU, a través do enviado da ONU, segue medindo con prudencia a súa posición no conflito, aínda que mantén maiores conexións con Marrocos, ao igual que Francia e España.

O lobby marroquí en Washington e Europa está funcionando con eficacia. Recentemente, unha comisión do Senado pediu ao goberno de Obama outorgarlle a Rabat un trato preferente como “socio comercial” e “aliado na loita antiterrorista”. Europa segue observando a Marrocos como un interlocutor clave en materia de inmigración ilegal, intereses pesqueiros, estratexia antiterrorista e enerxética, a sabendas das reservas petroleiras existentes, precisamente, nas costas saharauís.

Estas variables xogan claramente a favor das demandas de Rabat, aínda que o Polisario finalmente aceptara volver á mesa de negociacións en Viena. A responsabilidade de Ross aumenta ante a perspectiva de atopar unha solución negociada, pero os termos da discusión aínda son unha incógnita.

Non se sabe se, finalmente, o Polisario veuse na obriga de aceptar o plan marroquí de autonomía, mentres Rabat tenta gañar tempo recuperando un Plan Baker “maquillado”, mentres reforza os seus intereses a través de acordos comerciais e xeopolíticos en EEUU e Europa. Resulta así unha incógnita se, a medio prazo, serán os propios saharauís os que teñan a posibilidade de decidir, lexitimamente, o seu futuro.