Sarkozy é un show permanente, no público e no privado. Tanto que xa empezan as sospeitas de se hai moito de fume nesta actitude súa. Por exemplo, Jean Pierre Tailleur pensa que ben puido utilizar a relación con Clara Bruni para distraer a atención dos medios sobre "asuntos máis importantes para o país".
Paréceme que deste xuízo non se salva nin a súa "política de civilización", que non se sabe ben que é. A expresión foi collida de Edgar Morin, pero este, en manifestacións feitas á revista "Sciences Humaines", pensa que non parece probable que Sarkozy o lese, se ben ao mellor o leu quen lle escribe os discursos.
Para Morin, cos adiantos científicos, técnicos e económicos veñen aparellados efectos moi negativos, e degradacións que afectan ao noso nivel de vida. Por exemplo, a ameaza ecolóxica non concirne tan só á biosfera, senón tamén ás cidades que habitamos, ás augas que bebemos e aos alimentos que cada día consumimos.
Sinala moitos feitos e supostos, e resume todo en que, ao cabo, a política de civilización é vivir ben, non só benestar material. Pero, para iso, cómpre reconsiderar todos os problemas humanos no seo dunha grande problemática de civilización. Mais, engade, por agora a política semella incapaz de tomar en conta a calidade de vida dos individuos.
O sistema educativo, a parcelación do saber, a incapacidade de pensar problemas globais… diso e de tantas outras cousas nada nos di Sarkozy. Iso non se prestaba para o seu show.