ucraina

O sinuoso camiño de Ucraína cara á UE: Entre o rigor técnico de Bruxelas, as tensións bélicas e a deriva autocrática de Kíiv

En xullo de 2026, o proceso de integración de Ucraína na Unión Europea deixou atrás a época das meras declaracións políticas para adentrarse nunha fase de negociacións técnicas profundas e, por forza, complexas. Este avance prodúcese nun escenario sumamente adverso: Ucraína vese obrigada a librar unha guerra pola súa supervivencia, a preservación da súa independencia e a restauración da súa integridade territorial. Paradoxalmente, foi precisamente este anhelo de integración europea un dos detonantes que empuxou á Federación Rusa a lanzar a súa invasión a gran escala en febreiro de 2022.
Liñas de investigación Relacións Internacionais Unión Europea
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave UE Rusia Guerras Ucraína

Da candidatura relampo ao rigor do “Clúster 1”

A solicitude oficial de adhesión, presentada nos primeiros días da invasión, revalidou a firmeza da elección europea do país e a súa vontade de desenvolverse como un Estado social de dereito. A pesar das lóxicas dúbidas sobre a viabilidade de incorporar a un país no medio dunha guerra devastadora, o Consello Europeo outorgou por unanimidade a Ucraína o status de candidato en xuño de 2022. Para iso, fixou sete recomendacións clave, que incluían a reforma do Tribunal Constitucional e do sistema xudicial, unha intensificación da loita contra a corrupción e o branqueo de capitais, restricións lexislativas á influencia dos oligarcas, unha reforma do sector dos medios de comunicación e a protección das minorías nacionais.

En xuño de 2026 alcanzouse o gran fito coa apertura do Clúster 1 (Fundamentos). Este bloque é o eixe vertebrador que marcará o ritmo da adhesión, xa que os avances neste ámbito condicionan directamente o progreso nos demais sectores.

A axenda para os vindeiros meses contempla la apertura dos cinco clústeres restantes (con especial atención ao mercado interior e a competitividade) e o Goberno ucraíno fixouse a ambiciosa meta de estar tecnicamente preparado para a adhesión a finais de 2027.

A fachada de Bruxelas e as fraquezas democráticas de Kíiv

De analaizarse a negociación desde unha perspectiva estritamente técnica, a rápida adopción de reformas e a unanimidade dos 27 Estados membros en xuño de 2026 poden crear a falsa ilusión dun camiño despexado. A realidade, porén, é moito máis sombría: a senda cara á Unión está pragada de obstáculos políticos, económicos e militares, e estreitamente vinculada a unha crise política interna, unha guerra de desgaste e un perigoso deterioro das relacións cos seus veciños.

Nas institucións europeas existe unha profunda inquietude ante o feito de que, ao abeiro da lei marcial, na oficina presidencial en Kíiv se consolidou un estilo de xestión excesivamente centralizado e autoritario, pouco compatible cos criterios de membresía. Aínda que a linguaxe diplomática dos informes da Comisión Europea suaviza a imaxe en xeral, os vicios «antidemocráticos» identificados son de extrema gravidade:

  • O Parlamento (a Rada Suprema) perdeu o seu papel independente na toma de decisións e o proceso lexislativo está controlado de facto pola Oficina Presidencial.
  • Persiste o chamado “Telemaratón”, un espazo único de noticias para as canles de TV aliñadas cos intereses da presidencia, restrinxíndose á difusión dixital o acceso de todas as cadeas que non son do gusto da Oficina presidencial.
  • Observase unha ofensiva sistemática contra as administracións locais, trabas aos órganos anticorrupción e unha política de nomeamentos en postos clave, xudicatura e forzas da orde baseada na lealdade persoal á cúpula presidencial e non na meritocracia.

Visto así, a apertura do Clúster 1 en xuño de 2026 non é tanto unha recompensa anticipada, senón máis ben un intento de Bruxelas de embridar a presidencia ucraína nun marco de control estrito.

O dilema xeopolítico da guerra

A pesar das declaracións oficiais de Bruxelas que sosteñen que a guerra no impide negociar, non existe a menor claridade sobre como incorporar un Estado cun conflito activo de semellante magnitude. O artigo 42.7 do Tratado da UE obriga os membros a prestaren asistencia por todos os medios posibles en caso de agresión armada, un compromiso para o que Europa non está preparada.

Ademais, a guerra impide realizar proxeccións económicas fiables. Nunha contenda de desgaste, la economía ucraína depende de forma crítica das inxeccións de capital estranxeiro, o que desestabiliza o sistema orzamentario da UE e fai imposible avaliar con certeza o PIB real, o potencial demográfico ou o estado das infraestruturas. Tras catro anos de hostilidades, a situación de millóns de refuxiados en solo comunitario é un problema bifronte: pola súa alarmante ausencia en Ucraína para a reconstrución e pola incerteza xurídica da súa integración a longo prazo nos países de acollida.

O conflito encerra unha paradoxa tráxica:

  • Admitir a Ucraína antes do fin das hostilidades implicaría a participación directa de toda a Unión nun conflito armado.
  • Pospoñer a adhesión ata unha paz quimérica, arrefriando o compromiso europeo, non detería o agresor e podería precipitar a derrota de Ucraína. Isto colocaría a ameaza militar rusa na fronteira directa dos Estados membros —como Polonia ou os países bálticos—, que lindan con Rusia.

As picadas pouco diplomáticas entre Nawrocki e Zelenskyi a piques de romper a inédita alianza Ucraína-Polonia

Neste delicado taboleiro, a recente escalada do conflito entre o presidente polaco K. Nawrocki e V. Zelenskyi resulta dunha irresponsabilidade catastrófica. A disputa estivo a piques de dinamitar a conferencia internacional de doantes para a reconstrución de Ucraína en Gdansk, un foro deseñado polo goberno do primeiro ministro polaco Donald Tusk (rival político de Nawrocki) que buscaba asegurar investimentos multimillonarios coa presenza do mandatario ucraíno.

A cita rematou convertida nun exercicio de control de danos diplomáticos. A cancelación de última hora de Zelenski provocou unha reacción de repregamento entre os investidores e socios europeos: os fondos asignados e os compromisos financeiros reducíronse practicamente á metade respecto aos plans orixinais.

Atribuír esta conduta destrutiva de Zelenskyi á incompetencia, o arrebato emocional ou a falta de experiencia resulta a estas alturas inadecuado. O mandatario ucraíno leva no seu cargo dous anos por riba dos cinco previstos constitucionalmente e aprendeu que pode obviar pensar en algún plan para o desenvolvemento do país, que o populismo lle permite exercer un poder personalista, e para xustificar os reveses da súa xestión sempre pode atopar culpables externos.

Non lle faltou ocasión para acusar desde tribunas internacionais aos seus socios europeos —e especialmente a Polonia— de «facerlle o xogo a Rusia», como pasou no caso da venda ilícita dos cereais ucraínos permitidos só para tránsito. Meteu a pata de cheo coa concesión do nome honorífico de “os herois do UPA (Exército insurxente de Ucraína)” a unha unidade de forzas especiais.

Na conciencia colectiva dos ucraínos, independentemente da súa adhesión persoal ao nacionalismo, respéctase a intransixencia dos combatentes do UPA fronte á opresión de Moscova. E isto é o que vale na guerra actual. Que ideario estaba detrás, se sería totalitario o estado que querían crear para os ucraínos, se estaban dispostos a practicar limpezas étnicas, é algo que xeralmente se pretende ignorar. Aos polacos non lles importa se a orde de abandonar as terras ucraínas de Volinia baixo pena de morte non a deu a comandancia central senón os xefes locais do UPA, o feito imperdoábel é que foron asasinadas decenas de miles de civís. Da mesma maneira, tampouco é xustificábel a morte de outros miles de civís ucraínos porque o exército clandestino polaco AK só quería restablecer o estado polaco nos seus límites do ano 1939 e protexelo contra os seus inimigos.

De ser sensato (diplomático sería moito pedir), Zelenskyi podería ter esquivado o nome do UPA, controversial para os polacos, e outorgar o nome de “Heroes insurxentes” ou “Insurxentes heroicos” á unidade en cuestión. A referencia sería a mesma, pero ninguén tería nada que obxectar. O líder máis grande da actualidade, como o denominan os medios de comunicación afíns ao poder, respondeu cunha estratexia que os críticos bautizaron como «diplomacia do camelo»: ao que parecía un cuspe, respondeu cunha chuvia de cuspes. O decreto do presidente polaco polo que se desposuía a Zelenskyi da Orde da Aguia Branca non foi asinado polo primeiro ministro e non entrou en vigor. Con todo, Zelenskyi, sen pensalo dúas veces, devolveu a condecoración por correo ordinario. Todos os expresidentes, altos cargos en activo e militares rexeitaron as condecoracións polacas. E ninguén prestou atención ao feito de que en Polonia case ninguén actuara da mesma maneira; ao contrario, alzáronse numerosas voces críticas contra esta medida pouco meditada e inoportuna do presidente polaco. Mentres se intensificaban os ataques rusos, Zelenskyi dedicouse en serio á exhumación e sepelio, ao máis alto nivel estatal, de figuras da diáspora nacionalista, cuxas ideas sobre a organización do Estado ucraíno resultan hoxe en día máis ca inapropiadas, mentres que o carácter antipolaco da súa acción é indiscutible. Como se se tratase de algo de vital importancia en plena guerra, o Parlamento aproba a toda présa unha lei para a creación dun panteón de heroes nacionais.

A suposta preocupación polos símbolos nacionais en tempos de guerra pode beneficiar ao inimigo

Tal xiro dos acontecementos non contribúe en absoluto nin á integración europea de Ucraína nin ao fin da guerra; é máis, crea obstáculos innecesarios no camiño cara a estes obxectivos. Desde fóra resulta imposible comprender por que, con semellantes accións, Zelenskyi se «dispara no pé» obstinadamente, por que abre unha fronte de loita irreconciliable pola memoria de figuras históricas con cuxas accións e opinións non pode estar vinculado nin de lonxe.

En realidade, a súa chegada á política e a súa actividade no máis alto cargo do Estado non tiñan detrás ningunha idea nin plan, agás a intención do seu equipo populista de «simplemente intentar» chegar ao cumio do poder para despois actuar segundo a situación, tenteando que xestos poderían gustar a unha maioría que no reflexiona profundamente. En esencia, o seu mandato é o mesmo teatro de variedades no que, para compracer ao público ruso, se burlaba de todo o ucraíno, mentres que agora se menospreza de cara ao público todo o relacionado con Rusia e se desenmascara a suposta perfidia duns aliados presuntamente desleais. Son os veciños deshonestos os que impiden que Ucraína entre na Unión Europea, e non a corrupción do goberno de Zelenskyi, da cal se deixou de oír no espazo informativo entre o alboroto polo envío de condecoracións, ao igual que sobre a desfavorable situación na fronte.

Vale a pena reflexionar sobre a recente evolución da postura do primeiro ministro polaco, D. Tusk, un convencido europeo e aliado de Ucraína. Ao principio do altercado entre Nawrocki e Zelenskyi, instou a ambos a recapacitar e a non actuar en beneficio do agresor ruso, o inimigo común. Non quixeron facerlle caso, pois agora D. Tusk declarou que Polonia segue apoiando a Ucraína, pero que será máis comedida en materia de axuda militar, porque Polonia debe velar pola súa propia defensa ante a ameaza da Federación Rusa e Bielorrusia. O aviso é claro: mentres Ucraína loita por todo o continente, o seu comandante en xefe permítese facilmente desviar a súa atención a cuestións pouco importantes en detrimento da causa común.

Con todo, cabe agardar que, por riba das disputas miúdas de políticos pouco sinceros, o mundo non perda de vista a esencia do conflito: Ucraína libra unha batalla en defensa de toda a democracia europea, plantando cara ao uso flagrante da forza militar por parte dunha presumida potencia que pisotea o dereito internacional.