O Sur en movemento

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

A illa venezolana de Margarita inaugurará o próximo 26 de setembro o II Cumio América do Sur-África (ASA), iniciativa que reunirá a 56 países africanos e doce sudamericanos dentro dunha ampla axenda de cooperación e intercambio que cubrirá aproximadamente unha vintena de temas.

Este foro, que tivo o seu primeiro cumio no 2006 na capital nixeriana Abuja, tentará potenciar un área de relación Sur-Sur que permita cimentar unha axenda común destinada a potenciar as súas demandas e configurar un mundo multipolar e multilateral. Dentro desta perspectiva integradora dos países en desenvolvemento, América do Sur xa celebrou en 2005 e 2009 unha aproximación inicial a través dos seus cumios co Mundo Árabe.

 Así, e nunha sorte de renacemento do alicaído Movemento dos Non Aliñados (NOAL) pero baixo as perspectivas propias do século XXI, estas aproximacións birexionais sudamericanas con África e o Mundo Árabe manifestan a vontade dos pobos do Sur por atopar mecanismos comúns e autóctonos de integración e cooperación, afastados das políticas hexemónicas deseñadas polos países economicamente.máis desenvolvidos

Cumpre así considerar o papel protagónico nestes cumios por Brasil e Venezuela dentro da configuración dunha ecuación global Sur-Sur. África representa xa o 7% do comercio exterior brasileiro mentres o presidente Lula avoga por unha alianza agrícola e enerxética con África. Non se debe esquecer a potencialidade do Grupo IBSA (India, Brasil e Sudáfrica), que amplía igualmente a capacidade de actuación brasileira dentro dos países do Sur e as consideradas “potencias emerxentes”.

Pola súa banda, nos últimos dez anos, Caracas ampliou o seu radio de actuación diplomática bilateral cara 54 países africanos. Como socios dentro da OPEP, o goberno de Hugo Chávez mantén sólidas e fluídas relacións con países africanos produtores de cru como Alxeria, Libia, Angola e Nixeria, así como Irán dentro do mundo islámico, ao mesmo tempo que abriu perspectivas a empresas sudafricanas para investir na industria petroleira venezolana.

Igualmente, na illa de Margarita citaranse os representantes de organismos de integración continentais como UNASUR, a Unión Africana e a ALBA, considerando con isto a posibilidade de adoptar sinerxias de colaboración en asuntos clave como a seguridade alimentaria, a integración económica e a cooperación ao desenvolvemento.

Os actos populares previos ao cumio revelan o recoñecemento das herdanzas e culturais e históricas existentes entre os pobos latinoamericanos africanos, enmarcados nunha ampla perspectiva que supera os intereses estritamente económicos,  políticos e ambientais. Cun contexto lastrado pola crise económica global e a necesidade de atopar solucións de consenso, o II Cumio ASA demanda o lugar do Sur nun mundo globalizado e en constante transformación.