Paradigma da potencialidade transformada en impotencia, a segmentación e a inercia intuitiva caracterizan de vello as nosas relacións con Portugal, un entendemento que fomos incapaces de blindar aproveitando o noso reiterado plus histórico-cultural e que amosa fendas hoxe de difícil superación. Que saben de nós en Portugal? O certo é que pouca cousa. Que sabemos deles? Predominan os tópicos. Encarar unhas relacións de proveito e futuro con Portugal implica ter en conta tres niveis institucionais: un, o Norte; dous, Portugal; tres, a lusofonía. Algo avanzamos no primeiro, escasamente no segundo, e no terceiro, apenas tanteamos o panorama.
No que atinxe a Portugal, hai e houbo sempre plans, documentos, e toda a bagaxe administrativa que queiramos, reforzada por unha dinámica socio-empresarial que se foi conducindo por vieiros autónomos pero adoecendo dun perfil estratéxico. Por iso, ao cabo, falta o esencial: liderado, discurso sólido e axenda compacta. E falta nos dous lados do Miño. Non é un problema do goberno ou da oposición, senón dunha sociedade que teima en converter os activos en problemas (como tamén acontece coa diáspora). O Pacto por Portugal debería ser unha das claves da axenda política galega, pero levamos tempo acreditando a nosa incapacidade para construír eses marcos de entendemento, imprescindibles no mundo de hoxe,cando ninguén pode prescindir de ninguén.
A suma de medos e complexos fai que a política galega en relación a Portugal quedara sen impulso hai tempo e reducida a unha suma de anécdotas, algunhas importantes pero esgotadoras pola frustrante reiteración. A sintonía histórica e cultural non serviu para erguer un proxecto global e compartido. En parte, o desamor por Portugal lévanos agora a Brasil e a lusofonia, mentres en Lisboa gaña consistencia España, prescindindo de Galicia e ninguneando o Norte. Mesmo no caso de avanzar a rexionalización no futuro inmediato, tal como recollen algúns partidos portugueses (na esquerda) nos comicios do domingo, da a impresión que Galicia perdeu o tren.
Algúns pensaban que todo estaba feito, que só se trataba de armar un aparello institucional á medida sen outra ambición que facerse con fondos europeos. Pero a insuficiencia de contidos e a falla de visión de longo prazo animaron outras relacións, hoxe máis dinámicas e camiño de reducir a significación do noso a un vínculo afectivo, nas fronteiras do mito. Nunca pode darse nada por definitivamente asentado. Galicia debe ter unha política portuguesa global e coherente, atenta ao devir institucional pero alentando a proximidade social, comezando por sentar os alicerces dunha cidadanía eurorrexional que nos faga ver e gozar das bondades e utilidades desa relación.