O Ulster á espera

Hoxe, martes, está previsto que remate a rolda de conversas que o "premier" británico, Anthony Blair, e o "taoiseach" irlandés, Bertie Ahern, van manter cos principais partidos do Norte de Irlanda para ver de reconducir a crise aberta tras a dimisión do "ministro principal", Trimble. O resultado das entrevistas permitirá albiscar o futuro inmediato do proceso de paz, non dun xeito definitivo, xa que os acordos norirlandeses van sempre sobre o límite dos prazos.

A actitude dos "oranxistas" durante a marcha do pasado domingo en Portadown, que rematou sen enfrontamentos salientables, fai pensar que as dúas comunidades asumen o momento crucial no que se atopa o proceso de paz e o perigoso de calquera provocación.

Seica nas conversas, de onte e hoxe, o tema será: "policía". A reforma da RUC é a oferta que Blair fará aos republicanos para que o IRA "poña fora de uso os arsenais militares de forma total e comprobable". Blair considera que si logra convencer aos republicanos da sinceridade da súa proposta de reforma policial, a segunda cuestión que o IRA presentaba no seu escrito de hai tres semanas, a da desmilitarización poderíase adiar temporalmente. Unha policía norirlandesa eficiente e crible para as dúas comunidades faría innecesaria a presencia masiva do exército británico no Ulster.

Claro que as cousas non van ser moi doadas. Ata que punto Blair pode asumir compromisos de reforma, cando os unionistas, tanto os de Trimble coma os de Paisley, rexeitan calquera modificación dos corpos policiais, comezando polo nome, e opuxéronse, unha e outra vez, ás propostas do Informe Patten.

Trimble xogou demasiado forte nesta ocasión, presentou a súa dimisión como xeito de premer sobre o Sinn Fein e que este o fixese sobre o IRA. Esta é a presión que o IRA nunca vai aceptar, xa que podería presentarse como unha rendición e provocar unha escisión nas súas filas. Neste senso declaraba Gerry Kelly, noutro tempo xefe militar do IRA e hoxe dirixente do Sinn Fein: "O que compre lembrar é que os republicanos, sobre todo o IRA, combateron nunha guerra durante 30 anos. Non foron derrotados. Non se consideran vencidos e o que coide que os vai derrotar agora, en tempos de paz, e un verdadeiro estúpido".

Nesta altura do proceso o valor simbólico dos actos políticos é primordial. A destrucción das armas por parte do IRA é un símbolo máis que unha realidade. É evidente que o IRA mantén arsenais que non están selados polos inspectores internacionais ou en todo caso non tería moitos problemas para facerse con armamento nos florecentes mercados clandestinos. O IRA considera que xa cedeu o suficiente ao abandonar a "loita armada" sen lograr os seus obxectivos finais: unha Irlanda unificada e liberada do xugo británico. O mesmo Gerry Kelly lémbrao: "temos unha estratexia de paz. Tiñámola antes os acordos de Venres Santo. Calquera loita pode rematar de dous xeitos: ou ben coa victoria ou a derrota absoluta, e isto, ao marxe das grandes guerras, non ocorreu case nunca ao longo do século XX; ou sentándose a negociar, nuns casos hai que sentarse unha vez, noutros hai que sentarse dúas veces, noutros haberá que sentarse 20 veces, pero do que non hai dúbida é de que sempre se acaba indo á mesa de negociacións".

Pola contra os unionistas consideran que xa cederon en exceso e mesmo que están a ser traizoados. Neste ambiente ten explicación a dimisión de Trimble, como xeito de recuperar influencia dentro do seu propio partido e entre os unionistas. As recentes lexislativas británicas e municipais foron un duro correctivo para Trimble.

Queda un mes para recompoñer a situación. O tempo no que a dimisión do "ministro principal" ten que ser efectiva. Si non se topa solución, Londres terá que decidir entre suspender de novo a autonomía ou convocar elección anticipadas. O peor escenario para o proceso de paz.

Trimble debería regresar ao seu posto, para elo son necesarios novos compromisos e xestos por ambas partes. O que poden pensar algúns republicanos, manter a tensión e forzar novas eleccións, nas que o Sinn Fein obtería un amplo respaldo a costa do SDLP de Hume, podería ser atractivo desde o punto de vista partidario mais tamén metería o proceso de paz nunha calexa, xa que os unionistas rematarían agrupándose en torno ao DUP de Ian Paisley, quen nunca aceptou o acordado en Stormont.