200608 mulleres velo bandeira turquia

O velo turco

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Mulleres con velo e bandeira de Turquía; clic para aumentar
Actualmente, o goberno islamita de Recep Tayyip Erdogan, reelixido con maioría absoluta en xullo pasado, está a propiciar na Asemblea Nacional turca unha reforma constitucional que permita a utilización do velo entre as mulleres universitarias.
 

Protagonista inesperado no 2007, debido ao frontal pulso político entre o seu goberno islamita e a casta militar, Turquía avanza cara unha polémica reforma constitucional sobre un dos puntos mais álxidos e irritantes nese país con máis de oito décadas de feroz republicanismo: o relativo á liberdade relixiosa, as identidades e, incluso, ao xénero.

Desde a súa conformación como Estado republicano en 1923, e a fin de extirpar as secuelas do pasado otomán e islámico, a Constitución laica prohibiu o uso do velo e do turbante, considerados como símbolos do fundamentalismo relixioso. Actualmente, o goberno islamita de Recep Tayyip Erdogan, reelixido con maioría absoluta en xullo pasado, está a propiciar na Asemblea Nacional turca unha reforma constitucional que permita a utilización do velo entre as mulleres universitarias.

Erdogan necesita 367 votos para aprobar este emenda constitucional, pero xa posúe uns 410, engadindo os votos do seu partido de Xustiza e Desenvolvemento (AKP) e do Partido de Movementos Nacionalistas. Para Erdogan, a reforma supón un punto esencial para cumprir as promesas de atender as demandas das clases mais humildes e relixiosas, base social do apoio ao AKP, e de asegurar así a lealdade do seu partido, dado que algúns sectores lle acusan de "excesivo pragmatismo".

Con este panorama, os partidos seculares e opositores, especialmente liderados polo Partido Republicano do Pobo (CHP), fundado polo creador da República turca Mustafá Kemal Atatürk, están a piques de sufrir outra contundente derrota política. Para amortecer a reforma, o CHP e os seus aliados continúan o pulso político nas rúas de Ankara, Istambul e outras cidades turcas. A semana pasada, unhas 100.000 persoas se manifestaron en contra da reforma constitucional e do uso do velo.

Paralelamente, o poderoso Consello de Rectores turcos, que vela por garantir o carácter laico constitucional, advertiu da posibilidade dun clima de "caos e violencia" e da "transformación de Turquía cara un Estado relixioso", manipulando unha retórica apocalíptica destinada a acabar co goberno do AKP.

Non obstante, e a pesar do álxido pulso político, Turquía ascende globalmente como "potencia emerxente", especialmente no apartado económico. A economía turca está no lugar 17º a nivel mundial e a sétima a nivel europeo, con cinco anos de crecemento económico do 7% e cunha inflación controlada no 10%. Estes indicadores fan de Turquía un lugar óptimo para os investimentos e negocios exteriores.

Así, a Unión Europea e Turquía camiñan moderadamente nos procesos de admisión a mediano prazo, aínda pendentes de varias reformas constitucionais. En Bruxelas dan por establecida a hexemonía política de Erdogan e o AKP, factor esencial para entender o seu apoio exterior durante a crise cos militares no 2007.

Pero a necesaria reforma constitucional en curso aumenta tamén os riscos de confrontación sociopolítica, un estigma que "escurece" o velo turco e ameaza con desestabilizar un país estratexicamente demasiado importante para Occidente.