Yasuo Fukuda é o novo presidente do Partido Liberal Democrático (PLD) de Xapón e tamén xefe de gabinete despois da intempestiva dimisión de Shinzo Abe o pasado 12 de setembro e a vitoria aplastante lograda contra o seu rival (e tamén de Abe) nas eleccións internas, o secretario xeral do PLD, Taro Aso (527 votos fronte a 197).
Fukuda ten por diante importantes desafíos. En primeiro lugar, a imperiosa necesidade de conseguir a aprobación dunha lei que permita a extensión do mandato da misión das forzas niponas presentes en Afganistán. En segundo lugar, recuperar a confianza cidadá cunha política que deixe de abanear o liderado do PLD, gobernante en Xapón na última metade do século de forma practicamente ininterrompida. Os escándalos de corrupción no seo dos gabinetes de Abe e os erros no rexistro das achegas á Seguridade social de preto de 50 millóns de contas de pensión non identificadas, colmaron o vaso da paciencia pública e pasou factura nas eleccións á Cámara alta, onde o PLD perdeu a maioría, rexistrándose un importante ascenso do Partido Democrático (PD).
Fukuda, de 71 anos, recoñeceu que tal estado de cousas situou o seu partido nun estado de emerxencia. A súa debilidade obrigalle a ser flexible coas demandas da oposición, que reclaman, por exemplo, o establecemento dunha pensión mínima que cubra a toda a poboación. Tamén prometeu moderación nas reformas estruturais que impulsaba Abe, prestando máis atención ás zonas rurais, ás pequenas e medianas empresas, etc. No eido da política exterior, o novo primeiro ministro promoverá un maior diálogo cos países veciños e xa adiantou expresamente que non é a súa intención visitar o santuario Yasukuni, feito que tanta irritación provoca en China e Corea do Sur.
Fukuda provén dunha familia con ampla tradición política en Xapón. Fillo primoxénito de Takeo Fukuda, primeiro ministro entre 1976 e 1978, goza de experiencia parlamentaria e empresarial, aínda que non ministerial. Pertencente á facción Machimura, principal grupo interno do PLD que dirixe o ex ministro de exteriores Nobukata Machimura, Fukuda non contará con maioría absoluta en ambas cámaras e deberá primar o diálogo para poder pactar e viabilizar as súas propostas. Esta é unha situación inédita na política nipona dende a II Guerra Mundial, o cal vaticina unha axenda futura abondosa en novidades e rica en acontecementos.