Obama descubre Oriente

A primeira xira de Barack Obama por Oriente Próximo, que levarano a visitar Exipto e Arabia Saudita, ambos países considerados os principais aliados estadounidenses no mundo árabe, ocorre dentro de diversos contextos xeopolíticos para a rexión que, necesariamente, deben ser tomados en conta.

Obama chega a Oriente Próximo en vésperas de dous procesos electorais relevantes. O próximo domingo 7 de xuño, o Líbano realizará eleccións lexislativas que poden fortalecer, electoral e politicamente, ao partido islamita xiíta Hizbulah, considerado un estreito aliado iraniano. Cinco días despois, o próximo 12 de xuño, será precisamente Irán o país que celebre eleccións presidenciais, coa incógnita referida sobre a posible reelección do actual mandatario Mahmud Ahmadíneyad.

Se ben non están incluídos como temas preponderantes na axenda de discusión de Obama no cumio rexional en Exipto, os comicios libaneses e iranianos irradiarán un efecto importante dentro da nova visión da diplomacia estadounidense. Un Hizbulah reforzado politicamente no Líbano significaría unha referencia válida para outros movementos políticos islamitas con pretensións de achegarse ao poder, especialmente en países aliados para Washington como Xordania e Exipto. Obama deberá tomar en conta esta realidade.

En referencia a Irán, Obama escoitará os temores dos seus aliados exipcio e saudita sobre o programa nuclear do país persa, pero coa mente fixada na posibilidade de que Ahmadíneyad perda as eleccións en mans dun candidato conservador pero mais moderado. En silencio e á espera do que suceda nas eleccións presidenciais iranianas, a posibilidade dun cambio de péndulo político en Teherán comeza a manexarse con maior certeza na Casa Branca.

Por outra banda, no cumio do Cairo, Obama terá plena preferencia polo tema do conflito entre palestinos e israelís, que se atopa nunha complicada situación, sen marcos de negociación de referencia, cun goberno ultradereitista en Israel e un movemento islamita como Hamas reforzándose en Gaza e, probablemente, incrementando as súas simpatías entre os palestinos.

A recente reunión en Washington entre Obama e o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu non arroxou ningún tipo de avance en canto as perspectivas de negociación de paz. Se ben Obama premeu para que Israel acabara cos asentamentos en territorio palestino, paralelamente incrementaba acordos de carácter militar con Tel Aviv.

Dentro do contexto palestino, están pautadas a curto prazo as eleccións presidenciais e lexislativas na Autoridade Nacional Palestina, cun presidente Mahmud Abbas absolutamente dependente da cooperación de Washington e Tel Aviv. Obama e Netanyahu pulsarán aínda mais as súas preferencias pola candidatura de Al Fatah no intento de afastar a un Hamas politicamente mais reforzado, trala súa resistencia á agresión militar israelí de decembro pasado.

De Obama esperase que volva a seducir cun discurso aperturista no cumio do Cairo, que permita revivir o estancado proceso de paz en Oriente Próximo. Pero a xeopolítica xoga as súas cartas e obrigará ao presidente estadounidense a definir as súas prioridades, que semellan estar máis orientadas cara Irán. Probablemente, a clave rexional estea na definición das novas perspectivas xeopolíticas que impulsen, directa ou indirectamente, tanto Washington como Teherán.